ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras dunha experiencia piloto para a creación dun programa a prol da contratación e formación das persoas mozas nos sectores vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario e se procede á convocatoria de incentivos para as empresas para formación e contratación de mozas e mozos neses sectores.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xullo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras dunha experiencia piloto para a creación dun programa a prol da contratación e formación das persoas mozas nos sectores vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario e se procede á convocatoria de incentivos para as empresas para formación e contratación de mozas e mozos neses sectores. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


A Xunta está a implementar a Axenda 20 para o Emprego, co fin de impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento.

Segundo a Exposición de motivos, un dos retos que se persegue coa Axenda 20 é converter a formación, capacitación e especialización en pancas de cambio e reforzar e modernizar os Centros de Formación Profesional para o emprego dependentes da Consellería, desenvolvendo vínculos co seu contorno sectorial e local así como crear Unidades de Formación na Empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación.

A política industrial debe prestar unha especial atención a aqueles sectores estratéxicos que, pola súa experiencia exportadora e a súa existencia como empresas tractoras con capacidade para xerar PEME e con tradición empresarial e potencial de crecemento, veñen mostrando a súa capacidade de contribuír ao progreso da economía galega.

A través deste proxecto normativo impúlsase unha experiencia piloto para a creación dun programa a prol da contratación das persoas mozas nos sectores vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario, que inclúe a convocatoria de incentivos para as empresas neses sectores co obxectivo de formar e contratar a persoas mozas.
Este proxecto de orde é a primeira vez que se somete a ditame e, do seu contido, cómpre destacar o seguinte:

Segundo o artigo 1, recóllense dous tipos de axudas compatibles: un bono de contratación e un bono de formación.

A dispoñibilidade orzamentaria para a convocatoria do ano 2017 é de 1.500.000 euros e, para 2018, prevese un crédito de igual contía para os contratos realizados desde o 30 de novembro de 2017 ata o 30 de novembro de 2018 (artigo 4).

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas pertencentes aos sectores da industria 4.0 e agroalimentario que teñan centros de traballo radicados en Galicia e que, entre outros requisitos que recolle o artigo 6, conten cun mínimo de cinco persoas traballadoras na data da presentación da solicitude e cunha estabilidade laboral de, polo menos, un 60% no mes anterior ao da solicitude.

O capítulo II desta orde adícase a regular o programa de bonos de contratación que é a liña de axudas para incentivar a contratación no sector agroalimentario e nos sectores priorizados da industria 4.0.

Segundo o artigo 22, os devanditos incentivos son de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais ou temporais cunha duración mínima dun ano. O artigo 23 relaciona os requisitos esixidos.

Estas novas contratacións incentivaranse cunha axuda de ata 5.000 euros por cada persoa contratada (artigo 24).

O programa de bonos de formación regúlase no capítulo III.

O artigo 30 establece que se trata dunha subvención para a formación no centro de traballo das persoas contratadas por medio do programa de bonos de contratación, tanto no sector agroalimentario como nos sectores priorizados da Industria 4.0.

A contía desta axuda será de ata 2.000 euros por cada persoa contratada que reciba a formación na súa integridade (artigo 33).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras dunha experiencia piloto para a creación dun programa a prol da contratación e formación das persoas mozas nos sectores vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario e se procede á convocatoria de incentivos para as empresas para formación e contratación de mozas e mozos neses sectores” consta de: trinta e seis artigos, dúas disposicións adicionais  e dúas finais.


O día 20 de xullo de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e trece específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: tres xerais e doce específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).









DITAME 27/2017




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras dunha experiencia piloto para a creación dun programa a prol da contratación e formación das persoas mozas nos sectores vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario e se procede á convocatoria de incentivos para as empresas para formación e contratación de mozas e mozos neses sectores, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xullo de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Obsérvanse numerosos erros ortográficos e lingüísticos ao longo do proxecto normativo (“el año 2017” no artigo 4.2, “participar no programa no programa de contratación xuvenil” no artigo 6.4, “extíngase” e “producísense” no artigo 6.5, “as empresas que así o soliciten na solicitude” no artigo 30.1, entre outros), así como o emprego do masculino xenérico (“os cidadáns” no artigo 7.1) e das barras (“polo/a titor/a” no artigo 34.3) que non se considera a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Así mesmo, existen erros de numeración (no artigo 22 figura un único apartado como 1 e no artigo 29 a numeración comeza no apartado 2).

Finalmente, obsérvase o emprego da letra j na clasificación, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3. Principios de xestión.
Na letra a) inclúese, entre os principios de xestión, o de concorrencia.

Proponse a supresión do dito principio por non ter cabida neste proxecto normativo xa que, segundo o artigo 13.1, estamos ante un procedemento de non concorrencia.

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa.
O apartado 7 deste precepto establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

O mesmo se observa respecto do previsto nos artigos 17.c), 28.4 e 34.4.

Terceira.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
O primeiro parágrafo do apartado 1 establece que: “En relación á presentación de solicitudes, as entidades beneficiarias ás que vai dirixida esta orde de subvencións, son as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos as persoas autónomas, e as sociedades civís. Todas elas, incluídos as persoas autónomas, exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen, polo que consideramos que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal”.

Este Comité propón que se suprima a parte en cursiva por empregar unha linguaxe impropia dunha norma xurídica.

Cuarta.- Artigo 10. Transparencia e bo goberno.
Segundo o apartado 1 deste precepto, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Este Comité considera que se debería especificar que se trata de sancións firmes.


Quinta.- Artigo 11. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Sexta.- Artigo 17. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias.
O apartado g) deste artigo esixe ás entidades beneficiarias das axudas adoptar as medidas idóneas de difusión, para dar publicidade ao financiamento pública das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Este Comité considera que se debería clarificar o que se entende por “medidas idóneas” ou, como acontece noutras ordes, incluír unha referencia á normativa na que se especifican as devanditas medidas.

Sétima.- Artigo 23. Requisitos.
Entre os requisitos que debe cumprir a persoa pola que se solicita a subvención, o apartado c) esixe que non teña traballado previamente nos últimos 6 meses por medio de contrato temporal.

Este Comité propón que se suprima esa referencia ao contrato temporal e o requisito consista en non ter traballado nos últimos 6 meses, independentemente da modalidade contractual.

Oitava.- Artigo 25. Exclusións.
O apartado 2 deste artigo exclúe dos beneficios regulados no proxecto normativo os contratos realizados con determinados familiares e prevé algunha excepción, entre elas, o caso da persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas que contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

Este Comité considera que se debería eliminar a dita excepción, xa que o artigo 6.5.a) esixe, para participar no programa, contar cun mínimo de 5 persoas traballadoras na data de presentación da solicitude.

Novena.- Artigo 25. Exclusións.
Este Comité propón eliminar o apartado 3 deste precepto, xa que vén a reproducir o recollido polo artigo 23.1.c).

Décima.- Artigo 33. Contías dos incentivos e condicións da percepción.
Este artigo establece que a formación incentivaranse cunha axuda ata un máximo de 2.000 euros por cada persoa moza contratada que a reciba na súa integridade e que cumpra os requisitos establecidos no artigo 23.

Este Comité considera que esta regulación pode dar lugar a adxudicacións arbitrarias das contías, polo que propoñen que se concreten uns criterios mínimos para determinar a contía específica a adxudicar.
Décimo primeira.- Artigo 35. Incumprimento de obrigas e reintegro.
Este Comité considera que se debería especificar no texto da orde en que casos procede o reintegro das axudas concedidas e que porcentaxe se debe reintegrar en cada un deles.

Décimo segunda.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das consideracións finais.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

CONSIDERACIÓNS XERAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.

Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Segunda.
As organizacións sindicais non comparten, como xa se ten considerado nalgún ditame anterior, que a formación para o emprego se desagregue en diferentes ordes e non responda a unha planificación global.

Terceira.
As organizacións sindicais non comparten a estrita delimitación de sectores prioritarios que se fai e, incluso, consideran que algúns como “Novos materiais” ou “TIC” requiren dunha maior concreción.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Exposicións de Motivos.
Segundo o parágrafo sexto da Exposición de Motivos, a Axenda 20 para o Emprego pretende impulsar a RSE e a igualdade de oportunidades nas empresas galegas, incentivando especialmente ás pemes para implementar medidas de igualdade laboral, de conciliación e flexibilidade s. Promoverá o impulso de plans de inserción das persoas con discapacidade no emprego ordinario, e persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. Asimesmo vai instar un Acordo Marco sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e promover na negociación colectiva a inclusión de medidas de RSE, igualdade e conciliación.

As organizacións sindicais consideran que este parágrafo non garda relación algunha co contido do proxecto normativo sometido a ditame, polo que propón a súa eliminación.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
Con respecto ao recollido no apartado 2.b) deste artigo, as organizacións sindicais propoñen substituír a referencia ao “plan de formación” pola de “accións formativas”, xa que empregar o termo plan de formación é demasiado ambicioso para tan so 50 horas de formación.

Esta mesma consideración se formula respecto do artigo 5.c) e do artigo 30.1.b).

Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa.
O apartado 5.b) deste artigo esixe ás empresas, para poder participar no programa regulado neste proxecto de orde, unha estabilidade laboral mínima dun 60% no mes anterior ao da solicitude.

As organizacións sindicais propoñen que esa porcentaxe se eleve ao 75% e que, tal como acontece noutras ordes, ese requisito se esixa respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.

Cuarta.- Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa.
O apartado 5.b) deste precepto establece que para o cómputo da porcentaxe de estabilidade laboral á que se fai referencia na consideración anterior, non se terán en conta as baixas producidas por dimisión da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por dimisión da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 23.3 deste proxecto normativo.

Quinta .- Artigo 22. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables.
Segundo este artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais ou temporais.

Sen prexuízo do disposto na consideración xeral deste Anexo I, as organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.

En consecuencia, proponse eliminar a referencia á contratación temporal que recolle o artigo 23.3 así como o apartado 5 do mesmo precepto.

Sexta .- Artigo 24. Contía dos incentivos.
Este precepto establece que as novas contratacións incentivaranse cunha axuda ata un máximo de 5.000 euros por cada persoa desempregada contratada.

Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral deste Anexo I, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 16.3 e 33.

Ademais, a actual previsión deste artigo 24 permite unha asignación discrecional das contías, polo que a orde debería graduar os importes en función do colectivo obxecto de contratación.

Sétima .- Artigo 29. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período de duración do contrato obxecto de subvención.

As organizacións sindicais consideran que a dita obriga debería fixarse nun mínimo de cinco anos para evitar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras.

Oitava .- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto do “Plan formativo na empresa”, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Novena .- Artigo 33. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 40 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que no Proxecto de Orde pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión, ditaminado recentemente (ditame 24/2017).

Décima .- Artigo 34. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 3 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Décimo primeira .- Artigo 34. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.

Décimo segunda .- Artigo 34. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar  a cada persoa traballadora a formación recibida.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 13. Instrución do procedemento.
Segundo o apartado 3 deste artigo, entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

A CEG considera que debería articularse unha fórmula que permita ás entidades levar a cabo a substitución da persoa neste momento do procedemento, do mesmo xeito que se prevé esta posibilidade no artigo 29 para o momento posterior á concesión da axuda.

Segunda.- Artigo 22. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables.
No segundo parágrafo deste artigo esíxese á empresa presentar unha memoria con información sobre a actividade e tipo de tecnoloxía a implantar para o cal precisa novo persoal.

A CEG considera que debería substituírse a expresión “tecnoloxía a implantar” por “actividades e/ou tecnoloxía facilitadoras que implementen a competitividade das empresas atendendo as necesidades do mercado e, especialmente pola Industria 4.0”, xa que as accións subvencionadas neste proxecto piloto están expostas neste termos na exposición de motivos.

Polo tanto, en opinión da CEG a referencia no artigo non debería ceñirse só ao tipo de tecnoloxía a implantar senón a todas as actuacións que contribúan ao dito fin, sempre que sexan fundamentadas e xustificadas pola empresa subvencionada.

Obsérvase o mesmo respecto do artigo 26.1.f).

Terceira.- Artigo 23. Requisitos.
O apartado 4 deste precepto obriga ás empresas a contratar a tempo completo.

A CEG considera que se debería permitir contratar a tempo parcial incrementando, de xeito proporcional, a duración do contrato.

Cuarta.- Artigo 32. Lugar de impartición das accións.
Segundo este artigo, as entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas exclusivamente nas súas instalacións.

En relación co previsto no artigo 31, que permite ás entidades beneficiarias recorrer á contratación para desenvolver as accións formativas, a CEG propón que prevexa a posibilidade de levar a cabo a formación en outros centros e/ou entidades acreditadas para impartila.