ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/17

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xullo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais, que achega o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Vistos o borrador agora remitido, o texto do decreto do exercicio anterior, publicado no DOG o día 7 de xullo de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 25 de maio de 2016 (Ditame 11/2016), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais.

Este proxecto de decreto presenta unha única novidade respecto do Decreto para o ano 2017 e vén dada pola circunstancia de que ningunha das festas estatais de carácter obrigatorio coincide en domingo, polo que non se pode establecer ningunha das festas tradicionais galegas no seu lugar, tal e como establece a Exposición de motivos.

En consecuencia, establécese unha festa máis con carácter de recuperable: o día 17 de maio, Día das Letras Galegas.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2018” consta de: Tres artigos e dúas disposicións finais.


O día 20 de xullo de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha única consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén, como anexos, dúas consideracións xerais de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CC.OO. e CIG (Anexo I), dúas consideracións específicas carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO. e CIG (Anexo II) e unha consideración xeral non unánime manifestada pola CEG (Anexo III).





DITAME 28/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia no calendario laboral para o ano 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de maio de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xullo de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.


Única.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enuncialas.




ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG.

Primeira.
En relación con certas festas laborais referenciadas ao santoral católico, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería procurarse o uso de denominacións de índole laica, non confesionais.

Segunda.
As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia, UGT- Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, co respecto, de ser o caso, dos compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.





ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.

De acordo coa liña argumental de anos precedentes e xa que existe unha resolución do Parlamento Galego aprobada o día 9 de marzo de 2006, que establece “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.

Proponse o cambio legal da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1 deste proxecto normativo como “Día Nacional de Galicia”, para que pase a designarse como “Día da Patria Galega”.






ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería facerse uso da facultade regulamentada no artigo 37 do estatuto dos Traballadores, respecto á posibilidade de trasladar aos lúns as festas que teñan lugar entre semana, excluíndo as que o propio artigo 37 establece como non trasladables.

A finalidade desta substitución é evitar a perda de horas laborais que se produce cada ano nas empresas como consecuencia das denominadas “pontes”.