ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a Centros Especiais de Emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de xullo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a Centros Especiais de Emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


O artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social define os centros especiais de emprego como aqueles cuxo obxectivo principal é realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, e que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade; e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores e as súas traballadoras con discapacidade, ao mesmo tempo que é un medio de integración do maior número de persoas traballadoras con discapacidade ao réxime de traballo normal.

Segundo a Exposición de motivos, un dos retos que se persegue coa Axenda 20 é converter a formación, capacitación e especialización en pancas de cambio e reforzar e modernizar os Centros de Formación Profesional para o emprego dependentes da Consellería, desenvolvendo vínculos co seu contorno sectorial e local así como crear Unidades de Formación na Empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación.

O cadro de persoal dos centros especiais de emprego debe estar constituído polo maior número de persoas traballadoras con discapacidade que permita a natureza do proceso produtivo e, en todo caso, polo 70% daquel, sen ter en conta o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

Segundo a exposición de motivos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e na execución das políticas activas de emprego, no marco da Axenda 20 para o emprego, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo.

Este proxecto de orde vén a refundir dúas ordes do exercicio anterior: a orde do 20 de xullo pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, e a orde do 9 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ao 30 de xuño de 2017, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto das devanditas ordes para o exercicio de 2016 (publicadas, respectivamente, no DOG do día 12 de agosto de 2016 e 24 de agosto de 2016) e os ditames emitidos polo Consello con datas 25 de maio de 2016 (Ditame 10/2016) e 15 de xuño de 2016 (Ditame 15/2016) obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 18  prevé a posibilidade de pagamentos anticipados de gasto, algo que soamente era posible respecto do Programa III dos aquí regulados. Respecto dos programas I e II, os ditos pagamentos regúlanse nos artigos 36 e 45.

No artigo 22 engádense dous novos supostos en que procede reintegrar as contías recibidas: o 10% da dita contía cando se incumpra a obriga de entregar en prazo a documentación que esixe o artigo 20, letras m) e n), e o 100% da contía cando se incumpre a obriga de entregar a mesma documentación no prazo dos 15 días a maiores que outorga o órgano concedente.

Suprímese, respecto do programa I destas axudas, os criterios de avaliación que si se recollían na Orde para 2016, no seu artigo 33.

En canto ao programa II, obsérvase unha regulación máis ampla de cada tipo de subvención. Así, nas axudas para asistencia técnica engádese o custo derivado da obtención das certificacións de calidade e das súas renovacións e, respecto á subvención en función do investimento en activo fixo relaciónanse os conceptos que se considerarán como tal (artigo 39). Pero tamén se suprime unha das axudas que figuraba na Orde para o ano 2016: a subvención financeira.

O artigo 40 supón unha novidade e fixa as contías das axudas a proxectos de creación e ampliación e recolle, ademais, diferentes contías base segundo o centro especial de emprego sexa con ou sen ánimo de lucro.

O artigo 44 regula as obrigas e reintegros específicos do Programa II, o que tamén supón unha novidade deste proxecto normativo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a Centros Especiais de Emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018” consta de: cincuenta e seis artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.


O día 27 de xullo de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se transcribe a continuación, que contén tres consideracións xerais e quince consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e dúas consideracións xerais e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (Anexo II)




DITAME 29/2017




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a Centros Especiais de Emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xullo de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de xullo de 2017 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade.

Este Comité considera que esta diferenciación real e normativa debería ter acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, máis alá do exiguo 10% co que se priman os CEE sen ánimo de lucro nos incentivos previstos no seu artigo 40. O impacto desta non diferenciación é moito máis significativo no artigo 52, á vista do crédito asignado aos CEE con ánimo de lucro (91%) fronte ao dos CEE sen ánimo de lucro (só o 9%).

Segunda.
No proxecto de orde que se somete a ditame mantense a eliminación das subvencións para o saneamento financeiro e para o equilibrio orzamentario no artigo 19 e, en consecuencia, elimínanse as previsións que afectaban a estas axudas nos artigos 21, 22 e 23.

Este Comité considera que deberían recuperarse estas subvencións exclusivamente para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.

Terceira.
Obsérvase que, no texto do proxecto normativo, se usa o masculino xenérico no artigo 47 (“traballador”). Este Comité propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.

Ademais, obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación no artigo 20, que son impropias do alfabeto galego e deberían substituírse polas que correspondan










CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira. Artigo 12. Consentimentos e autorizacións
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.  

Este Comité manifesta a súa preocupación respecto ao cumprimento da Lei de protección de datos, pola redacción do apartado 2 deste artigo e as posibles implicacións legais que puidera supoñer a autorización expresa de todas as persoas traballadoras con discapacidade para ceder os seus datos relativos ao tipo e grao de discapacidade, por tratarse dunha materia protexida.

Segunda. Artigo 18. Pagamento da subvención.
O apartado 7 letra a) deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a persoa ou entidade beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; e que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Terceira. Artigo 20. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
No apartado g) deste artigo establécese a obriga das persoas ou entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos.

Cuarta. Artigo 20. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
No apartado n), subapartado 4º, establécese que “cando existan traballadores ou traballadoras procedentes do CEE cun contrato indefinido ou cun contrato de traballo superior a 6 meses subscritos por empresas do mercado ordinario de traballo, presentarase a relación de ditos traballadores, os sectores nos que se realizaron eses contratos así como a súa duración”.

Este Comité solicita unha aclaración sobre o sentido deste apartado.

Quinta Artigo 28. Funcións das unidades de apoio á actividade profesional
No apartado d) deste artigo, establécense apoios individualizados para cada traballadora ou traballador e posto de traballo.

Este Comité considera que se debería incorporar a posibilidade de que poidan ser obxecto da subvención, no marco dos servizos de axuste de persoal e social, o persoal da categoría de intérprete da lingua de signos para atender ás persoas xordas e/ou con discapacidade auditiva, para permitir e favorecer a súa comunicación no entorno de traballo, así como o acceso e permanencia neste.

Sexta.- Artigo 32. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparable.

Este Comité considera que se debería modificar a redacción que figura en cursiva pola seguinte “estarán compostas por persoas profesionais técnicas con titulación de grao medio ou superior da rama social, preferiblemente con experiencia”, ao ter en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.

Sétima. Artigo 32. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional, compostas por persoas profesionais técnicas e por persoas encargadas de apoio á produción.

Este Comité considera que debería regularse con maior concreción a figura de “persoas encargadas de apoio á produción”.

Oitava. Artigo 39. Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de CEE
Segundo o apartado 3 deste artigo, “cada un dos centros de traballos do CEE só poderán realizar unha única solicitude para cada procedemento en cada un dos prazos de convocatoria e poderá solicitar un máximo de 10 postos por solicitude”.

Este Comité solicita incorporar un parágrafo que indique que “Non se aplicará este límite no caso das solicitudes presentadas polos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, segundo a cualificación rexistral do artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo”.

Novena. Artigo 39. Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de CEE
No apartado 4, letra a), punto 3º, establece que os servizos de asistencia técnica deberán ser prestados por empresas especializadas que reúnan garantías de solvencia profesional e non teñan relación societaria co CEE.

Este Comité propón que non se aplique este requisito aos CEE sen ánimo de lucro sempre con autorización previa da Administración e realizado a prezos de mercado.

Décima. 40. Contías das axudas a proxectos de creación e ampliación
Este artigo no apartado 4, letra b), no que fala sobre os criterios de gradación, establece que “Natureza e grao da discapacidade dos traballadores e traballadoras contratados. As contías máximas das axudas, unha vez aplicado o criterio da alínea a) anterior, poderán ser acadadas cando sexan persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%, ou sexan persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%. Noutro caso, a contía máxima da subvención poderá ser de ata o 80%”.

Este Comité propón incorporar o seguinte parágrafo: “ No caso de tratarse de centros sen ánimo de lucro, segundo a cualificación rexistral do artigo  10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, só lle será aplicado o criterio de gradación establecido na liña a) anterior”, para recuperar así a redacción da orde do ano anterior.

Décimo primeira. Artigo 47. Contía e condicións da axuda
O apartado 1 deste artigo recolle que “para promover o mantemento de postos de traballo poderá concederse unha subvención do custo salarial correspondente aos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade que realicen unha xornada de traballo laboral normal e que estean de alta na Seguridadade Social”.

O adxectivo “normal” non é aplicable á xornada  xa que non está tipificado no Dereito Laboral, polo que este Comité propón que sexa corrixido por un termo máis adecuado.

Décimo segunda. Artigo 47. Contía e condicións da axuda
O apartado 2 deste artigo, trata sobre as subvencións para as contratacións temporais de menos de 3 meses de duración.

Este Comité pide que a condición establecida no apartado 2 non sexa aplicable aos CEE sen ánimo de lucro.

Décimo terceira. Artigo 47. Contía e condicións da axuda
Este Comité considera que no apartado 4, regra cuarta, ao final, despois da frase “de conformidade co que dispoña a normativa de Seguridade Social”, deberíase engadir “e o convenio colectivo de aplicación”.

Décimo cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.



Décimo quinta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.



ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído polo Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amosános a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.
Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.


Consideraciónespecífica:

Artigo 31. Contía e condicións da subvención.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestan a súa disconformidade coa supresión na orde do exercicio 2014 do apartado que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata o 50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, polo que propoñen que se reincorpore a este proxecto normativo.





























ANEXO II


CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NO UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

CONSIDERACIÓNS XERAIS

Primeira.
Aos efectos das axudas reguladas neste proxecto normativo, a CEG propón que se estableza a diferenciación entre centros especiais de emprego con e sen ánimo de lucro tal e como vén recollida no Decreto 200/2005, de 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e de inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento (DOG nº 138, do 19 de xullo de 2005).

Segunda.  
A CEG solicita que se elimine a petición de informe favorable dos equipos multiprofesionais dos servizos sociais comunitarios requirida nos artigos 14.5; 18.7.c); 39.2; 44.e); e 50.

Dado que a idoneidade do posto coa adecuación á discapacidade da persoa, faise a través do control que as empresas realizan obrigatoriamente  dentro da actividade preventiva da empresa e no marco da acción e a vixilancia da saúde que vén recollida no deber das empresas en materia de PRL para todas as persoas traballadoras . Estase esixindo xa na orde de subvención, a entrega tanto do plan de prevención (artigo 20.n.5º; como a esixencia de ter levada a organización preventiva segundo o artigo 20.i). E por este motivo, non debe esixirse un control de idoneidade específico emitido polos equipos multiprofesionais.

Da mesma maneira a petición do devandito informe supón unha discriminación para as persoas con discapacidade xa que estes equipos multiprofesionais (EVO) descoñecen  a empresa, o posto e  as competencias da persoa,  xa que estes informes están baseados nun expediente que pode non estar actualizado, nin teñen en conta as adaptacións que o CEE faille á persoa. Esta esixencia supón facer unha diferenciación co resto das persoas traballadoras, e podería inclusive limitar o emprego neste grupo social, xa que o risco de que consideren á persoa traballadora “non  adecuada ao posto” fai insegura a contratación.

Por outra banda, no caso das persoas con discapacidade obtida por ter recoñecida unha incapacidade laboral polo INSS ou clases pasivas, e non contan con grao de discapacidade valorado polo EVO, non vaise emitir ningún tipo de informe.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS

Primeira. Artigo 5. Definicións
O apartado 3 deste artigo define ás persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.

A CEG solicita que se amplíe o concepto e a definición de persoas de difícil inserción, nos programas II e III, establecendo unha definición propia para estes programas de axudas, e determine  para os programa II e III, unha diferenciación de axudas (importes) e unha ampliación da definición de “persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral”.

A CEG propón incluír o seguinte parágrafo:  
“A efectos do  Programa II e III considerarase persoas con discapacidade con especiais dificultades para o acceso ao mercado laboral, ademais das indicadas anteriormente, as seguintes persoas:
o Mulleres con discapacidade.
o Persoas de 45 anos ou máis con discapacidade.
o Persoas paradas de longa duración con discapacidade.

Iso é debido a que o concepto actual de persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción sociolaboral debe contemplar aqueles supostos nos que concorren circunstancias que dificultan o acceso ao emprego. Neste contexto teñen maiores dificultades ou barreiras para acceder ao emprego, as mulleres, as persoas de 45 anos ou máis con discapacidade, e aquelas persoas paradas de longa duración discapacitadas.
Nos programas de axudas II e III deberanse diferenciar as axudas para fomentar o apoio a colectivos con dificultades de inserción laboral que na práctica presenten barreiras de acceso ao emprego, máis aló daquelas xa actualmente definidas vinculadas principalmente a un diagnóstico e grao de discapacidade, sen atender realmente a factores tan importantes como a idade, o sexo ou o tempo en situación de inactividade laboral, que son os que se reflicten do perfil de demandantes de emprego con discapacidade.

Segunda. Artigo 39. Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de CEE
No apartado 4.b).2º que trata sobre as subvencións en función do investimento en activo fixo, deberíase incorporar o financiamento dos conceptos e investimentos definidos como activo fixo no Plan xeral contable.

Terceira. Artigo 40. Contías das axudas a proxectos de creación e ampliación
O apartado 3 sinala os casos no que poden incrementarse as contías destas axudas acumulables entre si.

En relación a “contías de axudas a proxectos de creación e ampliación”, a CEG propón que se incremente un 25% a contía das axudas, como acumulable entre si, se dase a circunstancia de ser unha persoa con dificultades de inserción laboral (desde a definición ampliada que propoñemos), ou ben que no apartado .3.b) estableza este incentivo no caso de persoas con discapacidade de 45 anos ou máis, ou de  persoas paradas de longa duración).

Cuarta. Artigo 44. Obrigas e reintegros específicos do Programa II
Como o obxecto e esixencia da subvención é manter o posto de traballo durante 2 anos, é necesario que en supostos de despedimento improcedente, outórguese a posibilidade de substituír á persoa traballadora, pola realidade que en ocasións dáse no mercado laboral. Por tanto pódese establecer a esixencia de 24 meses de traballo efectivo. A CEG solicita permitir a substitución en supostos de despedimento improcedente, antes de ter a obriga de reintegro do 100%.

Para favorecer a creación de postos de traballo indefinidos, a CEG solicita incorporar no artigo 44.b) e 44.c) poder substituír á persoa con discapacidade, inclusive nos supostos de despedimento recoñecido ou declarado improcedente, antes dos 2 anos. Así, equipararíanse ás situacións de baixa voluntaria e/ou despedimentos procedentes.
Así mesmo, pídese a ampliación do prazo para realizar a substitución, (en todos os supostos de necesidade de cobertura de vacante dos postos de traballo creados de carácter indefinido antes dos 2 anos), xa que en función do posto é difícil atopar perfís profesionais aos 3 meses.
Esixirase a obrigatoriedade de que manter os postos de traballo creados con carácter indefinido un mínimo de 24 meses de traballo efectivo.

Quinta. Artigo. 55. Concesión das axudas e xustificación
No apartado 3.a) deste artigo afirma que para os centros que non percibiran esta subvención do custo salarial na última convocatoria, así como para o caso de centros que inician a súa actividade por seren de nova creación, e para os centros que pola apertura dun novo centro noutra provincia se lles concedese a ampliación da súa cualificación, deberán presentar a documentación relacionada nas letras b), c), d) e e) referida á data da solicitude.

A CEG solicita a aclaración dos motivos desta esixencia.