ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/17

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de xullo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional desde a dobre perspectiva de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e de dinamizar e xerar novas actividades no medio local e rural.

O obxectivo fundamental desta  medida é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas de menor poboación e con menos oportunidades laborais que perden veciños ano tras ano. A Axenda 20 para o emprego contén, entre as medidas en materia de emprego de calidade, as dirixidas á contratación de determinados colectivos a través do Programa APROL, entre eles, o medio rural co programa APROL RURAL.

A través desta orde incentívase a contratación polos Concellos de poboación inferior a 10.000 habitantes e realízase unha adxudicación en réxime de concorrencia non competetiva, garantindo un mínimo dun contrato en cada concello cun máximo de cinco.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 1 de agosto de 2016) e o ditame emitido polo Consello con data 29 de xuño de 2016 (Ditame 16/2016), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Os programas que se recollen neste proxecto de orde financiaranse cun crédito de 5.000.000 euros, o que supón unha minoración de 1.900.000 euros respecto do previsto na Orde para o exercicio anterior (artigo 2).

Dentro dos requisitos das obras ou servizos a desenvolver mediante a actividade das persoas traballadoras está o relativo á duración dos contratos das ditas persoas, que debe ser de nove meses, tres máis dos que se esixía na orde anterior (artigo 4).

Obsérvase que as contías máximas da subvención, segundo o grupo de cotización, foron modificadas neste proxecto de orde (artigo 5).

A principal modificación no procedemento (artigo 12) recóllese no apartado 3.b, segundo o cal os concellos solicitantes recibirán subvención para, polo menos, unha contratación (cando no exercicio anterior tiñan aseguradas polo menos dúas). Así mesmo, engádense novos criterios no apartado 3.c) para a realización dos contratos seguintes ao primeiro: na orde anterior o único criterio era o número de poboación mentres que na actual orde, incorpóranse dous criterios previos: as contratacións realizadas por concellos fusionados e as realizadas nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente por dous ou máis concellos.
Por outra banda, suprímese o apartado d) da orde anterior, segundo o cal as entidades locais beneficiarias realizarán as contratacións de tal forma que polo menos a metade das que realice cada concello sexan mulleres e persoas menores de 30 anos.

Engádese un novo artigo, o 17, que regula a substitución de traballadores e traballadoras.

Finalmente, engádense dous novos supostos nos que procede o reintegro do 10% da subvención no artigo 21.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 27 de xullo de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I).







DITAME 30/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de xullo de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de xullo  de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Segunda.
Obsérvanse algúns erros de carácter lingüístico no proxecto normativo como o uso das barras no artigo 17.3.a “compulsada/cotexada”, cando o correcto é “compulsada ou cotexada”; ou o emprego da letra j na clasificación do artigo 21, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Igualmente, obsérvase o emprego do masculino xenérico no artigo 14.4 “novos candidatos”, que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe de xénero.

Ademais, no artigo 3.1, este Comité recomenda eliminar a expresión “todos eles” referida aos concellos e propón a seguinte redacción “...sempre que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos”.

Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Este artigo dispón que o proxecto de orde ten por obxecto financiar accións de fomento de emprego no medio rural. Obsérvase que o único criterio que se establece no proxecto normativo para definir o que se entende por medio rural é o da poboación, tal e como recolle o artigo 3 ao establecer que so poderán ser entidades beneficiarias aquelas que conten con menos de 10.000 habitantes.

Este Comité considera que non se debería ter en conta unicamente o criterio poboacional, xa que é constatable a existencia en Galicia de concellos que superan os 10.000 habitantes e son de tipoloxía eminentemente rural, ao igual que existen concellos de tipoloxía urbana que non acadan esa cifra.

Debería terse en conta, ademais, a definición que de concello rural se fai noutras ordes, como, por exemplo, no artigo 5.5 do proxecto de orde de da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a Centros Especiais de Emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade: Enténdese por concello rural para os efectos das axudas reguladas no capítulo III desta orde, aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística. Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo”.

Segunda.- Artigo 5. Subvención: Contía.
O apartado 2 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionable por existir instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda máis, ao tratarse dunha indemnización, como tamén o son a bolsa de vacacións e o plus de distancia, que son subvencionables ao non estar excluídos na norma.

Terceira.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
O último parágrafo do apartado 5 deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.

Este Comité entende que se debería concretar o alcance do citado “menor nivel de protección”.

Cuarta.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
No apartado 5, in fine, faise unha referencia á existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate, entre outros, o/a cónxuxe.

Este Comité considera que, xunto co cónxuxe, debería engadirse parella de feito.

Quinta.- Artigo 17. Substitución de traballadores e traballadoras.
Este Comité considera que deberían suprimirse as causas de baixa por consideralas redundantes e o adxectivo “longa” referido a baixa por estar xa definida esta como superior a trinta días, e propón a seguinte redacción:

“2. No suposto de baixas temporais por maternidade ou por outras causas que se prevexa que sexan de longa duración superior a 30 días, a substitución so será posible previa autorización expresa da xefatura territorial correspondente a solicitude fundamentada da entidade contratante”.

Sexta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto neste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención se a entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sétima.- Artigo 20. Seguimento.
No apartado 2.b) deste artigo establécese a obriga das entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.

En relación co que figura no segundo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame, que contén a referencia ao “eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”, este Comité considera que non ten base material, polo que debería eliminarse.

Igualmente, proponse a eliminación da frase que figura na disposición adicional segunda, “As que poidan emanar do diálogo social e institucional de Galicia”, por entender que é superflua e está fora de lugar nunha norma xurídica.