ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 24 de agosto de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, é necesaria a colaboración das institucións sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuir ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.
Con esta finalidade impleméntase esta convocatoria de subvencións, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, que canalizaría a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 25 de agosto de 2016) e o ditame emitido polo Consello con data 4 de xullo de 2016 (Ditame 18/2016), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
A orde para o exercicio 2016 excluía dos conceptos subvencionables a indemnización prevista no artigo 49.1.c) do Estatuto dos Traballadores e os incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización. O novo proxecto engade dous conceptos que, en ningún caso, serán subvencionables: as vacacións pagadas pero non disfrutadas e as horas extra ou traballos realizados fóra da xornada habitual (artigo 5).
O prazo para a presentación de solicitudes segue a ser dun mes, pero no artigo 7 elimínase a posibilidade de que as solicitudes de axudas e subvencións para contratar mulleres vítimas de violencia de xénero se presenten ata o 15 de novembro.
Na orde anterior prevíase que os incrementos de crédito, así coma o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se destinasen “á concesión de subvencións, se é o caso, para a contratación de mulleres vítimas de violencia solicitadas con posterioridade ao remate do prazo sinalado no artigo 6.3, sempre que se cumpran as condicións previstas na disposición adicional terceira, e daqueles servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención”. O actual artigo 14 elimina a referencia á contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero.
Este proxecto normativo recolle, como novidade, unha regulación da substitución de persoas traballadoras (artigo 17).
Finalmente, no artigo 20 engádese un novo suposto no que procede un reintegro parcial para o caso de incumprir a obriga de manter unha planificación permanentemente actualizada de conformidade co artigo 19.1.e).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 13 de setembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I), cinco específicas manifestadas pola CEG (Anexo II) e unha específica manifestada pola CIG (Anexo III)





DITAME 31/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2017”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de agosto de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de setembro de 2017, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
O artigo 7 fixa o prazo para a presentación de solicitudes nun mes, pero elimina a posibilidade recollida na Orde do ano 2016 de que as solicitudes de axudas e subvencións para contratar mulleres vítimas de violencia de xénero se presenten ata o 15 de novembro.

Así mesmo, o artigo 14, no seu apartado 6, suprime que se destinen á contratación dese colectivo os incrementos de crédito e, se é o caso, o crédito liberado polas renuncias e revogacións das subvencións outorgadas.

Este Comité considera que deberían recuperarse ambas posibilidades, xa que as situacións que fan necesarias as axudas para atender este colectivo e incrementar a súa empregabilidade, seguen a producirse.

Segunda.
Este Comité considera que debería substituirse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” pola de “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.

Terceira.
Neste proxecto normativo non se prevé a posibilidade de abono de anticipos.

Este Comité propón que se articule algún sistema de pagos anticipados ao ter en conta a natureza do programa e das entidades beneficiarias, que carecen de ánimo de lucro.

Cuarta.
Obsérvase que no proxecto normativo se mantén a restricción ao acceso á condición de entidade beneficiaria ao esixir, no artigo 3, que as entidades solicitantes estean debidamente inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Este Comité propón que se elimine ese requisito e se permita o acceso a todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, se incrementen as contías asignadas a estas subvencións para dar acollida a todas as entidades.

Quinta.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións na linguaxe en materia de xénero como o uso do masculino xenérico (por exemplo, “o traballador” no artigo 5.3 ou “Substitución de traballadores” no título do artigo 17) polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe.

Sexta.
O artigo 18.3 esixe ás entidades beneficiarias remitir á Secretaría Xeral de Emprego unha certificación acreditativa da recepción dos fondos. Pola súa banda, o artigo 20.3, ítem segundo, obriga ás entidades beneficiarias a presentar ante o dito órgano unha certificación acreditativa de recepción de fondos.

Este Comité considera que deberían eliminarse as reiteracións innecesarias de tramitación ou de presentación de documentación no procedemento.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos a prestar.
O apartado d) deste precepto fixa a duración máxima dos contratos e establece que “en caso de contratación a tempo parcial, do 50 ou do 75%, dita duración máxima poderá estenderse ata os doce meses”.

Este Comité considera que se debería substituír a expresión en cursiva por “do 50 ao 75%” para que a redacción non resulte confusa.

Segunda.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos a prestar.
O apartado d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.  

Terceira.- Artigo 5. Conceptos subvencionables.
En relación co establecido no apartado 2.a) deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas si ten o carácter de custo subvencionable.

Cuarta.- Artigo 5. Conceptos subvencionables.
No apartado 2.b) deste artigo exclúese da consideración de custos salariais subvencionables aos incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité considera que se debería clarificar o alcance deste precepto dado que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos pluses son cotizables e, polo tanto, deberían ser obxecto de subvención.

Quinta.- Artigo 6. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.

Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio de 2011, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Sexta.- Artigo 6. Subvención: Contía.
Segundo o apartado 4 deste precepto, a subvención para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratadas que reúnan os requisitos para percibilo.

Este Comité considera que se debería revisar esa contía, invariable desde fai tempo, e incrementala.


Sétima.- Artigo 13. Procedemento.
No apartado 4 in fine o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Oitava.- Artigo 15. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.

Este Comité propón cambiar esta frase dado que consideramos que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. Así, o texto quedaría:
“... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Novena.- Artigo 15. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No apartado 2 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no exercicio pasado, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

Este Comité considera que debería manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12º da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).

Décima.- Artigo 15. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
O apartado 6 deste precepto permite, excepcionalmente, utilizar ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar a mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

Este Comité propón que se recolla a mesma posibilidade respecto das persoas con discapacidade.








ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, polo que se considera que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.
Consideración específica:

Artigo 13.-Procedemento.
En relación coa consideración específica sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente  das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debe aclarar a razón desta exclusión.

Segunda.- Artigo 5. Subvención: contía.
A CEG propón que o incentivo por mobilidade establecido neste artigo se faga extensible ademais de ás mulleres vítimas de violencia ás persoas con discapacidade como forma de promocionar a súa mobilidade xeográfica debido ás súas dificultades para ocupar postos de traballo lonxe do seu entorno habitual e como forma de integración e participación social.

Terceira.- Artigo 5. Subvención: contía.
A CEG considera que no caso de que sexa necesario acudir á substitución da persoa  traballadora por maternidade ou IT de longa duración superior a 30 días, prevista no artigo 17, deberían ser subvencionables non soamente os gastos da persoa substituta, senón tamén os que recaen na persoa ou entidade empregadora respecto da persoa en situación de baixa.

Cuarta.- Artigo 15. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
Respecto aos requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras, a CEG considera que debería poder modificarse o perfil , CNO e categoría profesional para buscar un perfil máis axeitado no seu caso, cando non haxa persoas candidatas para cubrir a oferta e a modificación non afecte aos obxectivos nin á calidade dos proxectos.

Quinta.- Disposición adicional terceira.
A CEG propón que a duración de 12 meses do contrato laboral se faga extensible igualmente ás persoas con discapacidade polo mesmo motivo contido na consideración segunda deste Anexo.



ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Disposición adicional cuarta.
Nesta disposición vencéllase o establecemento de criterios en canto aos colectivos prioritarios ás directrices, entre outras, que poidan emanar do diálogo social e Institucional en Galicia. A CIG considera que se debería suprimir esta referencia, por resultar improcedente nas disposicións dunha norma legal.