ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de agosto de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.
No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Pola súa banda, no título IV do Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba a texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade regúlase o apoio á conciliación e á corresponsabilidade.
Ademais, na exposición de motivos afírmase que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, polo que a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito de incorporación [sic] ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame; do seu contido cómpre destacar o seguinte:
Ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas  a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade amplíen a contratación da persoa que tiñan contratada para cubrir a dita baixa (artigo 1).
Segundo o artigo 4, o importe da subvención para compensar dita contratación será do 100% da cota da Seguridade Social correspondente á persoa contratada durante un máximo de 16 semanas.
O artigo 7 recolle os requisitos que debe reunir a persoa traballadora autónoma para poder ser beneficiaria das axudas, entre eles, ter estado de baixa por maternidade ou paternidade e ter contratado a unha persoa desempregada co contrato de interinidade por maternidade ou paternidade.
O artigo 22 prevé anticipos de pagamento de ata o 100% do importe da subvención concedida.
Estas axudas financiaranse cun crédito orzamentario que ascende aos 800.000 euros (artigo 30).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 13 de setembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral manifestada pola CIG.

DITAME 32/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de agosto de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de setembro de 2017, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
Este Comité observa no texto do proxecto normativo algunhas incorreccións na linguaxe en materia de xénero como o uso do masculino xenérico (por exemplo, “un traballador” no artigo 6.2 ou “traballadores” no artigo 15.c) polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe.

Segunda.
Este Comité considera que a redacción do proxecto sometido a ditame é manifestamente mellorable e destaca, entre outros, os seguintes erros:

-O artigo 8 debería especificar que recolle os motivos de exclusión antes de proceder a relacionalos.

-O artigo 10 parace confundir a apertura do prazo para presentar solicitudes coa publicación da Lei de orzamentos.

-O proxecto fai referencia ás persoas beneficiarias (artigo 6), persoas interesadas (artigo 11) ou entidades beneficiarias (artigo 11), polo que deberíase unificar a terminoloxía.

-O artigo 13.6 autoriza ao órgano xestor a comprobar informes de vida laboral, pero non especifica cal é organo que leva a cabo a dita autorización.

-No artigo 15 debe eliminarse a numeración do apartado 1, xa que se trata dun apartado único. Así mesmo, no artigo 23 aparecen dous apartados numerados como 3.

-A redacción do artigo 20.3 debe ser revisada xa que carece de sentido gramatical.

-O apartado 2 in fine do artigo 21 é incoherente tal como está redactado.

Terceira.
O artigo 11 deste proxecto normativo establece que as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.

Isto resulta incoherente co previsto no artigo 21.3, segundo o cal a persoa interesada deberá manifestar a modalidade escollida para a notificación, aínda que engade a obriga de optar pola notificación por medios electrónicos.

En todo caso este Comité considera que, ao tratarse de persoas físicas, deberíaselles permitir a presentación de solicitudes de xeito presencial.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No sexto parágrafo da exposición de motivos, establécese que “a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito de incorporación ao mercado de traballo (...)”.

Este Comité considera que o proxecto debería referirse ao traballo autónomo como un xeito máis de incorporación ao mercado de traballo.

Segunda.- Artigo 8. Motivos de exclusión.
Para favorecer a contratación de persoas con discapacidade e outorgarlle así a posibilidade de incrementar a súa experiencia laboral, este Comité propón que a contratación de familiares da persoa traballadora poida ser obxecto da subvención recollida nesta orde, sempre que teñan acreditado algún grao de discapacidade na liña do disposto na Disposición Adicional 10ª da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, aínda sendo maiores de 30 anos e con independencia de que convivan ou non coa persoa traballadora autónoma.
Terceira.- Artigo 13. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.  

Cuarta.- Artigo 13. Consentimentos e autorizacións.
Segundo o apartado 4 deste precepto, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Este Comité considera que se debería especificar que se trata de sancións firmes.

Quinta.- Artigo 20. Resolución e recursos.
O apartado 2 fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera que, dado que o procedemento de tramitación das axudas é relativamente simple, o dito prazo é excesivo e debería reducirse sensiblemente.

Sexta.- Artigo 23. Xustificación e pagamento.
O apartado 3 deste precepto inclúe, entre a documentación xustificativa para o pagamento anticipado, unha “declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de outros entes públicos, nacionais ou internacionais”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Sétima.- Artigo 23. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no último apartado deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Oitava.- Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Segundo o apartado 3.c) deste precepto: “O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder”.

Este Comite considera que se debería suprimir a parte en cursiva deste apartado, xa que estamos ante un suposto de devolución da axuda incompatible, non dunha consecuencia da falta de comunicación da obtención de dita axuda.

Novena.- Artigo 26. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde do 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.

Décima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Décimo primeira.- Disposición adicional segunda.
Segundo esta disposición, “apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde (...)”.

Isto resulta contraditorio co previsto no artigo 20.1, que establece que “a resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde (...) correspóndelle á persoa responsable da respectiva xefatura territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria”, polo que debería corrixirse esta contradición.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
En coherencia coa manifestado na Exposición de motivos deste proxecto de orde, a CIG considera que debería contemplarse a posibilidade de engadir unha cláusula de acción positiva dirixida a favorecer que as persoas contratadas ao abeiro desta orde sexan, preferiblemente, mulleres.