ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PARTICIPACIÓN NA PROGRAMACIÓN DE CURSOS DE CARÁCTER PRESENCIAL DO PLAN AUTONÓMICO DE FORMACIÓN DE FORMADORES DE FORMACIÓN OCUPACIONAL DO ANO 2003.

I.  ANTECEDENTES

O día  4 de abril de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral  de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais,  remitindo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a participación na programación de cursos de carácter presencial do plan autonómico de formación de formadores de formación ocupacional do ano 2003 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 12 de febreiro de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 21 de xaneiro de 2002, obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do borrador parece que se tivo en conta a consideración feita no dictame do exercicio pasado respecto do artigo 4º.3.e), na que se xulgaba inapropiado como criterio de preferencia a seguir, en caso de empate, a pertenza ó Catálogo de Expertos da Xunta de Galicia. Establécese agora que terán preferencia, en caso de empate, os aspirantes que teñan maior puntuación no apartado sinalado coa letra c): “A impartición de cursos de formación ocupacional, valorándose por cada cincuenta horas impartidas un punto, sempre que o curso sexa do Plan FIP ou dos impartidos en escolas obradoiro, casas de oficios e talleres de emprego, acreditada a través de certificación do responsable das entidades impartidoras na que se faga consta-la denominación dos cursos, datas de impartición, número de horas impartidas e programación á que corresponde”.

- O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

o Artigo 1º.4. Obxecto e ámbito de aplicación. Respecto dos cursos de carácter monográfico, obsérvase a diminución destes respecto dos programados o ano anterior, así como que non se especifican as horas de duración dos mesmos.
o Artigo 3º.4. Solicitudes. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles (antes era dun mes).
o Artigo 4º.3 e). Requisitos e criterios de selección dos alumnos. Neste apartado establécese que en caso de empate entre os candidatos nos apartados sinalados coas letras  b), c) e d) terán preferencia os aspirantes que teñan maior puntuación no apartado sinalado coa letra c), sobre impartición de cursos de formación ocupacional. Na orde anterior, como xa se sinalou máis arriba, establecíase que terían preferencia os aspirantes que pertencesen ó Catálogo de Expertos da Xunta de Galicia.
o Artigo 4º.4. Requisitos e criterios de selección dos alumnos. No borrador da orde de 2002 establecíase como requisito imprescindible para a asistencia ós cursos monográficos “ter experiencia docente en calquera dos subsistemas de formación profesional”. No texto definitivo publicado no DOG figuraba xa como está no presente borrador: “Para a asistencia ós cursos monográficos será requisito imprescindible ter experiencia docente na impartición de cursos incluídos nos plans de formación ocupacional da  Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude”.
o Neste mesmo primeiro parágrafo do apartado 4, no borrador da orde dictaminada en 2002 figuraba que se tería en conta na selección dos asistentes a experiencia profesional e a impartición de cursos de formación ocupacional. No texto definitivo da orde publicado no DOG en 2002 e neste borrador suprimiuse esto último, polo que só “terase en conta a experiencia profesional, de acordo cos criterios sinalados nos apartados correspondentes ás letras b), c) e d) do punto 3 deste artigo 4º”.
o Por ultimo, engádese un novo parágrafo a este apartado 4: “No caso de que queden prazas vacantes, unha vez aplicados os criterios recollidos neste artigo, poderán acceder á impartición de cursos monográficos docentes de calquera dos outros dous subsistemas de formación profesional”.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a participación na programación de cursos de carácter presencial do plan autonómico de formación de formadores de formación ocupacional do ano 2003” consta de: Exposición de motivos, seis artigos e dúas disposicións derradeiras.


O día 8 de abril de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 11/03


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a participación na programación de cursos de carácter presencial do plan autonómico de formación de formadores de formación ocupacional do ano 2003, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o  4 de abril de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día  8 de  abril  de 2003, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL  DE CARÁCTER UNÁNIME:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E DA ORGANIZACIÓN SINDICAL  UGT-GALICIA:
Na súa Exposición de Motivos este borrador de Orde introduce un novo parágrafo que fai referencia ó Plan galego de Formación Profesional 2002-2006 que recolle o establecemento dunha estructura integrada de fomación do profesorado, para o cal enumera un conxunto de obxectivos.
Sen embargo, esa declaración se queda simplemente neso, nunha declaración de intencións, pois o texto desta Orde que dictaminamos é semellante á Orde do exercicio anterior, prácticamente, cos mesmos contidos que esta. Polo tanto, a aprobación do Plan Galego de FP non incidiu en nada no deseño desta nova Orde para o ano 2003.
Asi mesmo, si se pretende camiñar cara unha estructura integrada da formación, non cabe diferenciar entre a formación tradicional e a formación FIP.
O que debe existir é un marco xenérico regulador da estructura da formación (seguindo os contidos do certificado de profesionalidade), deixando únicamente aspectos moi específicos para a autoregulamentación de cada consellería.

Por outra banda, considerase que os cursos de carácter xenérico (art.1.4º), así como os aspectos da formación do profesorado, deberían regulamentarse de tal xeito que constituiran un marco nomativo de carácter xeral (coa forma de Decreto, por exemplo) para que con posteriodidade, cada departamento administrativo regulase aspectos concretos que sexan da súa competencia, a través das Ordes correspondentes.

As citadas organizacións representadas no Consello critican a disminución dos cursos de carácter monográfico respecto dos programados o ano 2002, así como a non referencia ás horas de duración daqueles.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

- A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente que no artigo 4º.3 e), respecto ós requisitos e criterios de selección dos alumnos,  se estableza que terán preferencia, en caso de empate, os aspirantes que teñan maior puntuación no apartado sinalado coa letra c): “A impartición de cursos de formación ocupacional, valorándose por cada cincuenta horas impartidas un punto, sempre que o curso sexa do Plan FIP ou dos impartidos en escolas obradoiro, casas de oficios e talleres de emprego, acreditada a través de certificación do responsable das entidades impartidoras na que se faga consta-la denominación dos cursos, datas de impartición, número de horas impartidas e programación á que corresponde”.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG:


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro de 2002, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.

Unha mostra clara do que antes se afirma é a distribución territorial dos cursos que se indica no anexo I do borrador da orde (20% na Coruña, 17% en Lugo, 37% en Ourense e 26% en Pontevedra), totalmente desproporcionada en relación á demanda potencial de cada unha das catro provincias (porcentaxe das persoas paradas en cada provincia con respecto ó total de Galicia: A Coruña 43%, Lugo 10%, Ourense 8% e Pontevedra 39%).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E DA ORGANIZACIÓN SINDICAL  UGT-GALICIA:
Artigo 3.2º. Solicitudes.

Establece esta disposición que no caso de querer participar en accións formativas nas diferentes provincias (cun máximo de catro cursos para toda Galicia), os interesados deben formalizar unha solicitude para cada unha delas.

A PROPOSTA que se fai neste caso é que, en aras da simplificación administrativa, que soamente exista a obriga de presentar unha única solicitude que recolla os cursos que se desexen facer, independemente da súa pertenza ou localización en diferentes provincias.
Esa instancia administrativa na que se presente as redistribuirá segundo o procedemento administrativo establecido para o efecto.

Artigo 4. Requisitos e criterios de selección dos alumnos.

No segundo parágrafo deste artigo 4, fala dos criterios que se terán en conta para acceder ós cursos que se convocan, e figuran en primeiro lugar, os Cursos DOFF 17 e  DOFF 13, respecto dos cales, no primeiro inciso, se especifica que se trate de docentes que estean impartindo ou impartisen cursos do Plan FIP.
Para non cerra-la posibilidade de entrada no sistema a outros docentes que, previsiblemente, vaian a impartir cursos, se PROPON face-la redacción do precepto máis aberta: “… que impartiran, estean impartindo ou vaian a impartir cursos…”.
Este articulo 4, no seu apartado 3, establece a orde de prelación dos candidatos para integra-los colectivos de docentes a que se refire o inciso anterior.
Do contido do precepto dedúcese que soamente se teñen en conta a docentes de formación contínua, excluíndo ós procedentes da formación regrada. Tal exclusión contradice, unha vez máis, o novo parágrafo incluído na Exposición de Motivos.
A PROPOSTA que se suxire é que se valore nos mesos termos a experiencia docente, ben sexa adquirida no sistema regrado como no sistema de formación continua.
Esta diferenciación se subsanaría si cando se fai referencia ó Plan FIP se mencionasen ós outros dous subsistemas de formación: a contínua e maila regrada.