ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA O ANO 2003 DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO E PARA A INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E TRABALLO AUTÓNOMO.

I.  ANTECEDENTES

O día 11 de abril de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral  de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras e a convocatoria pública para o ano 2003 dos programas para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo autónomo e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 15 de abril de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 13 de marzo de 2002, obsérvase o seguinte:
- Na elaboración do borrador parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas no dictame do exercicio pasado.

- O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

o En primeiro lugar, elimínase desta orde o programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, que este ano é contemplado nunha orde independente.
o Exposición de Motivos. Engádese no 8º parágrafo o seguinte: Introdúcese como innovación máis salientable a definición como beneficiarios do programa de promoción do emprego autónomo, aqueles traballadores desempregados que creen o seu propio posto de traballo mediante a constitución dunha sociedade limitada cun capital social fundacional inferior a 60.100  euros cubríndo, deste xeito o baleiro que existía nos programas de promoción do autoemprego respecto da figura xurídica máis utilizada polos emprendedores. Tamén é de destacar, o establecemento dun novo sistema no prazo de presentación das solicitudes pois estas xa non están suxeitas ó exercicio económico anual, o que simplifica e clarifica as datas de presentación e axiliza a tramitación administrativa.
o Artigo 6º (antes 3º) Solicitudes e prazo. Na orde do ano pasado, establecíase neste artigo un prazo xeral de solicitudes, que este ano suprímese, remitindo ós prazos específicos previstos nos respectivos anexos.
o Disposición adicional setima.  O novo proxecto normativo recolle, xunto ás aplicacións orzamentarias que financian as axudas, os límites do crédito.

o Introdúcese unha disposición transitoria que establece un prazo de 40 días hábiles, a contar desde a data de entrada en vigor da orde, para as solicitudes de axudas e subvencións correspondentes a programas desta orde polas actuacións subvencionables realizadas entre o día 1 de outubro de 2002 e a data de entrada en vigor desta orde.


o O ANEXO A, que contempla o PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO, introduce como novidade a posibilidade de axudas para aqueles que constitúan unha sociedade limitada en determinadas condicións.
o Anexo A. Cuarta. Subvención financeira. Nesta disposición hai diferentes modificacións.
No parágrafo segundo rebáixanse os puntos do tipo de xuro de seis a tres puntos.
Engádense dous novos parágrafos in fine: “A subvención financeira deberá presentarse con anterioridade ó inicio da execución do proxecto de investimento sen que en ningún caso poida solicitarse transcorridos 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutua profesional.
Non poderán acceder a este tipo de axuda aqueles traballadores autónomos que constitúan unha sociedade limitada”.
o Anexo A. Sétima. Solicitude e documentación. No apartado c), establécese que a alta no IAE pode substituírse por “documentación acreditativa de exención do imposto…”
No segundo parágrafo do apartado c) in fine suprímese o seguinte: “no seu defecto (da alta na Seguridade Social), compromiso de constituírse como traballador autónomo dentro do ano natural”.
O terceiro parágrafo do apartado c) é novo: “No suposto de que se solicite subvención financeira esta documentación deberá aportarse, no seu caso, na fase de xustificación de pagamento”.
o Anexo A. Oitava. Xustificación do pagamento. Respecto da obriga de presentar a alta no IAE establece que esta poderá substituírse por “documentación acreditativa de exención do imposto…”
o ANEXO B.  Regula o PROGRAMA DE APOIO Á CREACIÓN, AMPLIACIÓN E MANTEMENTO DE CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO.
o Anexo B. Cuarta. Creación e ampliación de centros especiais de emprego. No apartado 1 b), parágrafo segundo, rebáixanse os puntos do tipo de xuro de seis a tres puntos.
o Anexo B. Sétima. Solicitude e documentación. Nos apartados 3 a) e 4 a) in fine, no borrador dictaminado o ano pasado figuraba o seguinte: “así como se o proxecto necesita declaración de impacto ambiental”. Esta referencia xa foi suprimida na orde publicada no DOG.
No apartado 5 a) in fine substitúese a expresión “anterior ó do obxecto da solicitude”, referida ós documentos TC1 e TC2 do último mes ingresado, por “inmediatamente anterior ó da mensualidade pola que se solicita a axuda do custo salarial”.
No apartado 5 b) especificase que han de presentarse “a/as nómina/s correspondentes á mensualidade pola que se solicita a axuda”.
o Anexo B. Novena. Prazos de presentación de solicitudes. Engádese o seguinte: “2. As solicitudes de asistencia técnica, subvención financeira e subvención en función do investimento en activo fixo realizarase con anterioridade á contratación da asistencia ou do inicio do proxecto de execución do investimento e, en ningún caso, transcorridos seis meses desde a contratación do primeiro traballador con discapacidade incorporado polo que se solicite subvención.
3. As solicitudes de subvención para adaptación de postos de traballo presentaranse con anterioridade á realización da adaptación”.
o O ANEXO C, que contempla o PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE, introduce tamén como novidade a posibilidade de axudas para aqueles que constitúan unha sociedade limitada en determinadas condicións.
o Anexo C. Cuarta. Subvención financeira. No segundo parágrafo rebáixanse os puntos do tipo de xuro de seis a tres puntos.
Engádense dous novos parágrafos in fine: “A subvención financeira deberá presentarse con anterioridade ó inicio da execución do proxecto de investimento sen que en ningún caso poida solicitarse transcorridos 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutua profesional.
Non poderán acceder a este tipo de axuda aqueles traballadores autónomos que constitúan unha sociedade limitada”.
o Anexo C. Sexta. Subvencións en función do investimento en activo fixo. O derradeiro parágrafo é novo: “Esta subvención deberá solicitarse con anterioridade ó inicio da execución do proxecto de investimento sen que en ningún caso poida solicitarase transcorridos 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutua profesional”.
o Anexo C. Oitava. c). Establécese que a alta no IAE pode substituírse por “documentación acreditativa de exención do imposto…”
O segundo parágrafo do apartado c) é novo: “No suposto de que se solicite subvención financeira esta documentación deberá aportarse, no seu caso, na fase de xustificación de pagamento”.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as base reguladoras e a convocatoria pública para o ano 2003 dos programas para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo autónomo”. Consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, sete disposicións adicionais, unha transitoria, dúas disposicións derradeiras e tres anexos (A, B e C).

O día 23 de abril de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 12/03


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras e a convocatoria pública para o ano 2003 dos programas para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo autónomo, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o  11 de abril de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día  23 de  abril  de 2003, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL  DE CARÁCTER UNÁNIME:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.


1. SITUACIÓN ANTERIOR


No mes de setembro o Comité Autonómico de Emprego creou un grupo de traballo de cara a analiza-las medidas para incrementa-la estabilidade nas empresas. Este grupo foi avanzando e estableceuse que necesariamente as medidas para seren efectivas deberían establecerse tres eixos:
· Medidas para mellora-la taxa de estabilidade na administración pública.
· Medidas para favorece-la estabilidade laboral no sector privado.
· Seguemento da estabilidade no emprego e da contratación.
O grupo de traballo quedou pendente dunha proposta da Xunta de Galicia que dera resposta ás custións plantexadas ata ese momento. Non quedaban fora deste paquete ningún dos incentivos á contratación e ó fomento do emprego.
O Comité tiña que ter traballado nesa liña e no establecemento de criterios cara ás políticas activas. A Xunta non convocou a preceptiva reunión do Comité do último trimestre. Tampouco foi convocado no primeiro trimestre de este ano ata o pasado día 9 de abril.
Os membros do Consello Galego de Relacións Laborais en tódolos dictames feitos ata o momento no que se abordaron as medidas activas de emprego e fomento da estabilidade, dictaminamos, por unanimidade, que para poder efectua-lo dictame da norma presentada era necesario que o Comité Autonómico de Emprego fixara os criterios, cousa que estaba sen facer.
Ademais desta única consideración de caracter unánime, CCOO e CIG consideramos que se debía pospoñe-lo análise da Orde que se tratara, ata non te-lo marco fixado polo Comité Autonómico.

2. SITUACIÓN ACTUAL
Con data de saída do 4 de abril, venres, convocase o Comité Autonómico de Emprego para o día 9, mércores. Esta convocatoria ten chegado o luns e a documentación o martes a algúns dos axentes sociais presentes nel. A orde do día establece a análise de 10 Ordes relacionadas coas medidas de fomento do emprego do ano 2003. En ningún caso se plantexa cáles van se-los criterios que unifiquen todas elas.
As Centrais Sindicais presentes no Comité (CIG – CCOO de Galicia – UGT- Galicia)  plantexamos que, de forma previa o tratamento do 3º punto da orde do día, se estableceran os criterios comuns para as políticas de emprego e se modificara a orde do día, incorporando un punto sobre a situación do Servicio Público Galego de Emprego, cuestións ambas as que a Conselleira se nega.
Da reunión do Comité Autonómico de Emprego cabe face-las seguintes consideracións:
1º Os sindicatos levamos reclamando, cando menos dende o mes de novembro, a reunión do Comité para establecer criterios e para conclui-lo traballo pendente.
A Xunta de Galicia era quen tiña que reelaborar unha proposta cas consideracións feitas polos axentes sociais e coa súa posición. Esta proposta non ten chegado.
2º Ainda que a L.P.X.A.P. o permita, non é de recibo que se de un prazo de menos de 24 horas para fixar criterios en relación con dez Ordes de fomento do emprego. O traballo que facemos é riguroso e este tipo de convocatorias atentan contra o mais mínimo rigor.
3º Ainda que o establecemento das ordes do día, segundo a norma de Órganos colexiados, pertence a Presidencia do órgano, nunca se pode impedir a modificación da orde do día, salvo que previamente fora consensuado entre os diferentes axentes sociais. O talante dialogante que debe presidir as reunións de estes órganos queda seriamente cercenado se se impón unilateralmente e sen tempo de opinión os temas a tratar.
4º Dado que no propio Comité Autonómico estableceuse a necesidade de que as medidas relacionadas coa precariedade tiveran tres eixos, non se poden analizar diferentes Ordes sen telos definidos.


3. CONSIDERACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PRESENTES NO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS ÁS ORDES DE FOMENTO DO EMPREGO.
Os sindicatos presentes no Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que as Ordes remitidas (promoción do emprego autónomo e integración dos discapacitados; fomento da estabilidade e contratación de colectivos desfavorecidos; fomento do emprego en empresas de economía social; abono de cotas de pago único; contratación indefinida de discapacitados; contratación en prácticas e contratación do primeiro empregado) deben ser analizadas no marco global que foi definido no grupo de traballo do Comité Autonómico de Emprego sobre a estabilidade e o fomento de emprego. O mantemento de incentivos á contratación tal e como ata agora veu funcionando non soluciona o problema da precariedade en Galicia e soamente serve para incrementa-los beneficios das empresas, agás que foran acompañados doutras medidas.

O emprego asalariado no conxunto do período 1996 - 2002 medrou en 208.425 traballadores. Este incremento, por sectores, é o seguinte:

% INCREMENTO DO EMPREGO ASALARIADO ENTRE 1996 E 2002
CADRO
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Unha parte importante da explicación do incremento da taxa de precariedade está na taxa de precariedade dos novos empregos: o 40’1 %. Por contra, no Estado eses novos empregos teñen unha taxa de precariedade do 23 %. Esta explicación non é absoluta debido ó incremento da contratación estable por riba do total de contratos.

Unha indicación da situación do conxunto da economía galega é que, por contra que ocorre no Estado, o proceso de crecemento do emprego non se fai no sector servicios senón no sector industrial. É importante destacar que a meirande diferencia entre as taxas de precariedade de Galicia e do Estado e quen a explica é o sector industrial: medrase cunha diferencia de taxas do 34 %. O crecemento negativo do primario non é significativo.

No período 1997 – 2002 a Xunta de Galicia ten establecido unha serie de medidas de incentivación á estabilidade, co obxectivo de tender a acadar unha taxa de precariedade do 13 %. O punto de partida estaba no 32’9 % en media anual de 1996, segundo os datos da E.P.A. homoxeneizados á metodoloxía establecida no 2002.

A evolución das taxas de precariedade homoxeneizadas e comparadas cas taxas estatais é a que aparece no seguinte gráfico:

MEDIA ANUAL DAS TAXAS DE PRECARIEDADE
fráfico
FONTE: Elaboración propia sobre explotación do I.N.E. da E.P.A.

Ca media do ano 1996 Galicia estaba en mellor posición co Estado para acada-lo obxectivo proposto: tiña un punto menos de precariedade (32’9 frete ó 33’9 estatal). Despois de seis anos aplicando medidas incentivadoras da estabilidade, atopámonos que está 3’8 puntos por riba. Quere esto dicir que despois de seis anos de programas de fomento da estabilidade, Galicia sitúase 4’8 puntos por riba da taxa de precariedade do Estado, nunha inadmisible taxa de case o 35 %.

O número de contratos temporais que se están a facer en Galicia non respostan a ningunha posibilidade de utilización non fraudulenta das modalidades de contratación:

A ROTACIÓN DOS ASALARIADOS EN PRECARIO
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.
Como se pode observar resulta imposible explicar cómo pode ocurrir que cada asalariado teña unha media de 2’32 contratos o longo do ano, repetíndose practicamente dun a outro ano.
A relación entre as dúas variables, contratación estable e taxa de precariedade, pódese ver no seguinte gráfico.

CONTRATACIÓN INDEFINIDA E TAXA DE ESTABILIDADE
gráfico
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

A diverxencia destas dúas variables indica que o incremento da contratación estable non é de por si suficiente para acadar unhas taxas de precariedade en sintonía cas do noso contorno europeo.

Os datos da precariedade no sector público farán referencia somentes ó IV trimestre de cada ano:

EVOLUCIÓN DA PRECARIEDADE POR SECTORES
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Mentras no período 1997 a 2002, a precariedade, en cómputo anual, reducíase nun 0’2, o comportamento do Sector Público diferenciase claramente da do sector privado: mentras as empresas reducen un 1´4  puntos, as administracións incrementan a súa precariedade en 3’6 puntos.

A taxa de precariedade para que se poda reducir en Galicia precisa de novas medidas das actualmente deseñadas como está reflexado en que cada asalariado con contrato temporal teña unha media de 2’77 contratos no ano. O sector público, especialmente Xunta de Galicia e Administracións Locais, teñen que asumi-la súa responsabilidade no incremento da precariedade e enceta-las medidas correctoras necesarias.

Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas precisan da visión do conxunto da planificación de medidas de fomento do emprego e da estabilidade, polo que, ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideramos que a norma remitida para o seu dictame debeu ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo dictaminamos negativamente a ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA O ANO 2003 DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO E PARA A INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E TRABALLO AUTÓNOMO, solicitando que non se publique.
Solicitamos tamén que se reuna o Comité Autonómico de Emprego, que se peche o grupo de traballo sobre precariedade e que se consesuen as medidas resultantes, eliminando as subvencións xenéricas á contratación indefinida, reorientando os programas e obxectivos, conectando tódalas axudas á negociación colectiva (tal como estaban os incentivos á reducción do tempo de traballo) e destinando os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas a outras políticas activas. Nesta liña, deberíase incrementa-lo orzamento destinado a políticas activas ata acadar o 1,1% do PIB, para situalo no nivel da media europea.



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

En primeiro lugar, gustaríanos sinalar que a normativa proposta nesta materia para o presente exercicio parece que presenta importantes variacións.

Os ditos cambios entendemos que foron froito de circunstancias de índole diversa que se viñeron producindo nos últimos meses, tanto a nivel de estructura orgánica e organizativa da propia administración autonómica (coa refundición nunha única consellería dos departamentos de promoción do emprego e relacións laborais), como a nivel lexislativo, coa publicación das novas normativas con transcendencia nestas materias, como foi, entre outros, o caso da Lei 45/2002 do 12 de decembro, de reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade; a súa publicación supuxo importantes novidades en temas tales como o aboamento da prestación contributiva de desemprego na súa modalidade de pagamento único, materia esta de gran transcendencia no ámbito da promoción da economía social.

A novidade máis destacable é a inclusión como beneficiarios dos desempregados inscritos que constitúan unha sociedade limitada, debendo cumprir esta que se integre exclusivamente por persoas físicas e a súa cifra de capital social sexa inferior a 60.000 euros.

Chámanos a atención a coincidencia cunha das características da Sociedade Nova Empresa, se ben o outro requisito, o do capital social máximo redúcese á metade (de 120.202 a 60.100 euros). En aras de impulsar esta nova forma xurídica poderíanse igualar ambos requisitos.

Tamén consideramos que se debería facer unha referencia á inclusión como beneficiarios ós socios dunha Sociedade Nova Empresa, mesmo entendendo que xa teñen esta condición por ser esta nova fórmula xurídica unha especialidade da Sociedade de Responsabilidade Limitada.

Pero en definitiva, parécenos positiva esta modificación, que ven a solucionar unha discriminación dunha fórmula xurídica en favor doutra, a comunidade de bens. Entendemos que esta modificación e a regulación da Sociedade Nova Empresa, cos seus beneficios en canto a trámites de constitución, reducción de requisitos contables e aprazamento de obrigacións tributarias, facilita a creación de empresas e de emprego.

Non comprendemos, sen embargo, a razón de deixar excluídos a estes novos beneficiarios da axuda financeira. Se se considerou que a constitución dunha sociedade limitada é unha fórmula de autoemprego válida que redundará igualmente na aparición de novos postos de traballo, a mobilización de recursos, a fixación de mao de obra productiva, etc.., ¿por qué non se favorece o seu acceso a fontes de financiación a baixo custo que garanticen a supervivencia a longo prazo desta empresa, máxime cando é a fórmula xurídica á que máis se recorre cando se quere crear unha empresa.

Deberíase engadi-los mesmos comentarios que realizamos para as empresas de economía social referentes á axuda financiera e os prazos de solicitude.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

1.- Artigo 11º.a). Obrigas dos beneficiarios.
Neste inciso a), o artigo 11 establece como unha das obrigas dos beneficiarios das axudas o acreditaren que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración Pública galega. Tal acreditación deberá producirse previamente ó cobro da referida axuda.

Esa acreditación que acabamos de referir, debería face-la de oficio a propia Administración dado que posúe a información necesaria ó respecto. Estaríase a dar cumprimento así, ademais, ó disposto na Lei 30 /1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, cando establece que a Administración non debe esixir ós particulares a acreditación documental daquela información ou datos que ela xa posúa no seu poder, en aras dos principios de economía, celeridade e eficacia administrativa.

Anexo A. Cuarta. Subvención financeira. Último parágrafo.
Neste programa de emprego autónomo a subvención financeira queda limitada só ós empresarios individuais e, exclúe, polo tanto, a aquellos que opten por unha sociedade limitada, o que se valora de forma moi negativa.
Anexo A. Sexta. Axuda para a adquisición de socio.
No punto 3 establécese como beneficiarios ós xoves menores de 25 anos ou titulados universitarios de 25 a 29 anos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado, pero non se especifica que se entende por “fixo” nin a que tipo de contrato se fai referencia.
Esta mesma imprecisión repítese no programa regulado no anexo C.


Anexo B. Cuarta. Creación e ampliación de centros especiais de emprego.
No inciso 2 deste punto, no segundo parágrafo, establécese que para a determinación da contía das axudas valorarase, entre outros, a porcentaxe de traballadores minusválidos respecto do total do cadro de persoal do centro especial de emprego e só se acadará a contía máxima da subvención cando o número de traballadores discapacitados supere o 90% dese cadro de persoal.
Suxírese que neste suposto non só se valore a porcentaxe de traballadores minusválidos senón tamén o grado de minusvalía que posúan estas persoas discapacitadas para facer máis xusta a concesión das axudas, polo que se propón engadi--la seguinte precisión a este parágrafo 2º:
“ Para a determinación da contía das axudas valorarase, entroutros, a porcentaxe de traballadores minusválidos respecto do total do cadro de persoal do centro especial de emprego e o seu grado de minusvalía, e só se poderá acada-la contía máxima…”

Anexo B. Quinta. Mantemento de centros especiais de emprego.
Sería oportuno aclarar expresamente si son compatibles entre sí as subvencións e bonificacións para o mantemento de postos de traballo estable descritas nesta disposición quinta, onde se establecen axudas do 100% da cota empresarial da Seguridade Social e do custo salarial total.
Non estaría demais neste punto clarificar qué se entende por “postos de traballo estable”, pois un posto de traballo pode ser estable e non por iso te-lo traballador un contrato indefinido.
Noutro orde de cousas, dada a práctica habitual das empresas de presenta-lo pago dos seguros sociais o último día hábil do mes seguinte ó mes que corresponden as devanditas cotizacións, existe, de feito, un breve prazo para presenta-las mesmas, pois tamén a entidade financieira retrasa a devolución dos TC1. Isto provoca unha dificultade na xestión do Centro Especial de Emprego ó ter que repetir este proceso tódolos meses, polo que se propón que se lles permita ás empresas a presentación trimestral da documentación requerida para obte-la axuda a que se refire este programa.