ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASE REGULADORAS E SE CONVOCA PARA 2003 O PROGRAMA DE FOMENTO DA ESTABILIDADE E DA CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA DE COLECTIVOS DESFAVORECIDOS.

I. ANTECEDENTES.

O día 11 de abril de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras e se convoca para 2003 o programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde publicado no DOG o día 12 de xullo de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data do 3 de xullo de 2002, así como do texto obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do proxecto parece que se tiveron en conta diversas consideracións feitas no dictame do ano precedente:

o A primeira, era unha consideración da CEG sobre o artigo 4º.1 (beneficiarios), na que esta organización consideraba unha restricción que as contratacións tivesen que estar incluídas nun plan de estabilidade de empresas. No presente borrador suprímese este requisito.
o A segunda, era unha consideración de CC OO sobre o artigo 5º a) (requisitos), onde se demandaba que a taxa de estabilidade fose igual á media de Galicia (62,1%). Aínda que non dun xeito exacto, esta demanda recóllese no presente borrador, onde se establece unha taxa de estabilidade do 60%, salvo no caso de que en convenio colectivo se establecese outra diferente.

- O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:
o Artigo 2º. Ámbito de aplicación. Suprímese o primeiro apartado da orde anterior, no que se establecía o seguinte: “Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións que reunindo os requisitos e condicións establecidos nela, se realicen no período comprendido entre o 1 de outubro de 2001 e o 30 de setembro de 2002”.
o Artigo 4º. Beneficiarios. No apartado 1 establecíase que poderían ser beneficiarios dos incentivos previstos na orde as empresas que contratasen traballadores “como consecuencia de plans de incremento da estabilidade laboral dos seus cadros de persoal en Galicia”. Esta condición suprímese no presente borrador.
o Artigo 5º. Requisitos. A taxa .de estabilidade, condición esixida para poder acceder ós beneficios establecidos na orde, pasa do 50% ó 60%, quedando o apartado a) redactado como sigue: “A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no momento da contratación deberá ser igual ou superior ó 60%, ou a aquela superior ou inferior establecida no convenio colectivo sectorial de aplicación”.
o Artigo 11º Solicitudes e prazo. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral. Suprímense agora o parágrafo 2º do apartado 2 e o apartado 3 da orde de 2002, que establecía como data de remate do prazo o 30 de setembro.
o Artigo 12º. Documentación. O apartado 3 deste artigo engade in fine, respecto da declaración do cadro de persoal da taxa de estabilidade: “…con indicación do convenio colectivo sectorial de aplicación e data da súa publicación, e se é o caso, a taxa de estabilidade prevista”.
o Artigo 16º. Xustificación do pagamento. Respecto das empresas de nova creación, o apartado 1 b) in fine engade: “…ou, se é o caso, a documentación acreditativa da exención do imposto e documentación que acredite que se trata da creación do primeiro posto de traballo de carácter fixo (vida laboral da empresa segundo os datos que consten na Tesourería Xeral)”.
o Por último, introdúcese unha disposición transitoria que, substitúe ó parágrafo segundo do apartado 2 do artigo 11. Nela se establece como data tope de prazo de solicitude de axudas polas contratacións iniciais ou transformacións realizadas entre o 1 de outubro de 2002 e a data de entrada en vigor desta orde a do 31 de maio de 2003 (Na orde do ano pasado o prazo era ata o 10 de setembro).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as base reguladoras e se convoca para 2003 o programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, cinco disposicións adicionais, unha transitoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 23 de abril de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte dictame.



DICTAME 13/03



En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras e se convoca para 2003 o programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o  11 de abril de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día  23 de  abril  de 2003, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL  DE CARÁCTER UNÁNIME:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG:

1. SITUACIÓN ANTERIOR
No mes de setembro o Comité Autonómico de Emprego creou un grupo de traballo de cara a analiza-las medidas para incrementa-la estabilidade nas empresas. Este grupo foi avanzando e estableceuse que necesariamente as medidas para seren efectivas deberían establecerse tres eixes:
· Medidas para mellora-la taxa de estabilidade na administración pública.
· Medidas para favorece-la estabilidade laboral no sector privado.
· Seguimento da estabilidade no emprego e da contratación.
O grupo de traballo quedou pendente dunha proposta da Xunta de Galicia que dera resposta ás cuestións plantexadas ata ese momento. Non quedaban fora deste paquete ningún dos incentivos á contratación e ó fomento do emprego.
O Comité tiña que ter traballado nesa liña e no establecemento de criterios cara ás políticas activas. A Xunta non convocou a preceptiva reunión do Comité do último trimestre. Tampouco foi convocado no primeiro trimestre de este ano ata o pasado día 9 de abril.
Os membros do Consello Galego de Relacións Laborais en tódolos dictames feitos ata o momento no que se abordaron as medidas activas de emprego e fomento da estabilidade, dictaminamos, por unanimidade, que para poder efectua-lo dictame da norma presentada era necesario que o Comité Autonómico de Emprego fixara os criterios, cousa que estaba sen facer. Ademais desta única consideración de carácter unánime, CCOO e CIG consideramos que se debía pospoñe-lo análise da Orde que se tratara, ata non te-lo marco fixado polo Comité Autonómico.

2. SITUACIÓN ACTUAL
Con data de saída do 4 de abril, venres, convocase o Comité Autonómico de Emprego para o día 9, mércores. Esta convocatoria ten chegado o luns e a documentación o martes a algúns dos axentes sociais presentes nel. A orde do día establece a análise de 10 Ordes relacionadas coas medidas de fomento do emprego do ano 2003. En ningún caso se plantexa cáles van se-los criterios que unifiquen todas elas.
As Centrais Sindicais presentes no Comité (CIG – CCOO de Galicia – UGT- Galicia)  plantexamos que, de forma previa o tratamento do 3º punto da orde do día, se estableceran os criterios comúns para as políticas de emprego e se modificara a orde do día, incorporando un punto sobre a situación do Servicio Público Galego de Emprego, cuestións ambas as que a Conselleira se nega.
Da reunión do Comité Autonómico de Emprego cabe face-las seguintes consideracións:
1º Os sindicatos levamos reclamando, cando menos dende o mes de novembro, a reunión do Comité para establecer criterios e para concluí-lo traballo pendente.
A Xunta de Galicia era quen tiña que reelaborar unha proposta cas consideracións feitas polos axentes sociais e coa súa posición. Esta proposta non ten chegado.
2º Aínda que a L.P.X.A.P. o permita, non é de recibo que se de un prazo de menos de 24 horas para fixar criterios en relación con dez Ordes de fomento do emprego. O traballo que facemos é rigoroso e este tipo de convocatorias atentan contra o mais mínimo rigor.
3º Aínda que o establecemento das ordes do día, segundo a norma de Órganos colexiados, pertence a Presidencia do órgano, nunca se pode impedir a modificación da orde do día, salvo que previamente fora consensuado entre os diferentes axentes sociais. O talante dialogante que debe presidir as reunións de estes órganos queda seriamente cercenado se se impón unilateralmente e sen tempo de opinión os temas a tratar.
4º Dado que no propio Comité Autonómico estableceuse a necesidade de que as medidas relacionadas coa precariedade tiveran tres eixes, non se poden analizar diferentes Ordes sen telos definidos.

3. CONSIDERACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PRESENTES NO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS ÁS ORDES DE FOMENTO DO EMPREGO.
Os sindicatos presentes no Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que as Ordes remitidas (promoción do emprego autónomo e integración dos discapacitados; fomento da estabilidade e contratación de colectivos desfavorecidos; fomento do emprego en empresas de economía social; abono de cotas de pago único; contratación indefinida de discapacitados; contratación en prácticas e contratación do primeiro empregado) deben ser analizadas no marco global que foi definido no grupo de traballo do Comité Autonómico de Emprego sobre a estabilidade e o fomento de emprego. O mantemento de incentivos á contratación tal e como ata agora veu funcionando non soluciona o problema da precariedade en Galicia e soamente serve para incrementa-los beneficios das empresas, agás que foran acompañados doutras medidas.

O emprego asalariado no conxunto do período 1996 - 2002 medrou en 208.425 traballadores. Este incremento, por sectores, é o seguinte:


% INCREMENTO DO EMPREGO ASALARIADO ENTRE 1996 E 2002
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Unha parte importante da explicación do incremento da taxa de precariedade está na taxa de precariedade dos novos empregos: o 40’1 %. Por contra, no Estado eses novos empregos teñen unha taxa de precariedade do 23 %. Esta explicación non é absoluta debido ó incremento da contratación estable por riba do total de contratos.
Unha indicación da situación do conxunto da economía galega é que, por contra que ocorre no Estado, o proceso de crecemento do emprego non se fai no sector servicios senón no sector industrial. É importante destacar que a meirande diferencia entre as taxas de precariedade de Galicia e do Estado e quen a explica é o sector industrial: medrase cunha diferencia de taxas do 34 %. O crecemento negativo do primario non é significativo.
No período 1997 – 2002 a Xunta de Galicia ten establecido unha serie de medidas de incentivación á estabilidade, co obxectivo de tender a acadar unha taxa de precariedade do 13 %. O punto de partida estaba no 32’9 % en media anual de 1996, segundo os datos da E.P.A. homoxeneizados á metodoloxía establecida no 2002.

A evolución das taxas de precariedade homoxeneizadas e comparadas cas taxas estatais é a que aparece no seguinte gráfico:

MEDIA ANUAL DAS TAXAS DE PRECARIEDADE
gráfico
FONTE: Elaboración propia sobre explotación do I.N.E. da E.P.A.

Coa media do ano 1996 Galicia estaba en mellor posición co Estado para acada-lo obxectivo proposto: tiña un punto menos de precariedade (32’9 frete ó 33’9 estatal). Despois de seis anos aplicando medidas incentivadoras da estabilidade, atopámonos que está 3’8 puntos por riba. Quere esto dicir que despois de seis anos de programas de fomento da estabilidade, Galicia sitúase 4’8 puntos por riba da taxa de precariedade do Estado, nunha inadmisible taxa de case o 35 %.
O número de contratos temporais que se están a facer en Galicia non respostan a ningunha posibilidade de utilización non fraudulenta das modalidades de contratación:

A ROTACIÓN DOS ASALARIADOS EN PRECARIO
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.
Como se pode observar resulta imposible explicar cómo pode ocorrer que cada asalariado teña unha media de 2’32 contratos o longo do ano, repetíndose practicamente dun a outro ano.
A relación entre as dúas variables, contratación estable e taxa de precariedade, pódese ver no seguinte gráfico.

CONTRATACIÓN INDEFINIDA E TAXA DE ESTABILIDADE
gráfico
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

A diverxencia destas dúas variables indica que o incremento da contratación estable non é de por si suficiente para acadar unhas taxas de precariedade en sintonía cas do noso contorno europeo.

Os datos da precariedade no sector público farán referencia soamente ó IV trimestre de cada ano:

EVOLUCIÓN DA PRECARIEDADE POR SECTORES
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Mentres no período 1997 a 2002, a precariedade, en cómputo anual, reducíase nun 0’2, o comportamento do Sector Público diferenciase claramente da do sector privado: mentres as empresas reducen un 1´4  puntos, as administracións incrementan a súa precariedade en 3’6 puntos.
A taxa de precariedade para que se poda reducir en Galicia precisa de novas medidas das actualmente deseñadas como está reflectido en que cada asalariado con contrato temporal teña unha media de 2’77 contratos no ano. O sector público, especialmente Xunta de Galicia e Administracións Locais, teñen que asumi-la súa responsabilidade no incremento da precariedade e enceta-las medidas correctoras necesarias.

Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas precisan da visión do conxunto da planificación de medidas de fomento do emprego e da estabilidade, polo que, ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideramos que a norma remitida para o seu dictame debeu ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo dictaminamos negativamente a ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASE REGULADORAS E SE CONVOCA PARA 2003 O PROGRAMA DE FOMENTO DA ESTABILIDADE E DA CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA DE COLECTIVOS DESFAVORECIDOS, solicitando que non se publique.
Solicitamos tamén que se reúna o Comité Autonómico de Emprego, que se peche o grupo de traballo sobre precariedade e que se consensuen as medidas resultantes, eliminando as subvencións xenéricas á contratación indefinida, reorientando os programas e obxectivos, conectando tódalas axudas á negociación colectiva (tal como estaban os incentivos á reducción do tempo de traballo) e destinando os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas a outras políticas activas. Nesta liña, deberíase incrementar o orzamento destinado a políticas activas ata acadar o 1,1% do PIB, para situalo no nivel da media europea.



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

A xuízo desta Confederación, e con independencia doutros temas menores que puideran xurdir na tramitación da orde de axudas, débense propoñer, con carácter preferente, os puntos que se mencionan a continuación sobre a base teórica de remover as rixideces e limitacións existentes na regulación vixente e que desde o noso punto de vista causaron unha importante reducción no nº de expedientes do programa de fomento da contratación indefinida e no nº de empresas e de traballadores beneficiarios.

- Eliminación da esixencia dunha taxa de estabilidade nas axudas xerais á contratación estable (colectivos desfavorecidos) do 60% non esixida no marco estatal dos incentivos e que discrimina a importantes sectores da nosa Comunidade, que debida á estacionalidade do seu ciclo productivo non poden alcanza-la dita taxa.


- Eliminación da exclusión da posibilidade de acceder ás axudas á contratación indefinida inicial daqueles casos nos que nos 3 meses anteriores a tal contratación se prestara servicio na mesma empresa en virtude de contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses consecutivos ou cento oitenta días con interrupción nun período de doce meses (sen terse en conta contratos formativos ou de interinidade).

Tal exclusión deu lugar, no ano 2002, a eliminar moitos dos supostos que ata entonces podían ser obxecto de subvención.

Si ó xa sinalado unímo-lo feito de que se pasou a restrinxi-las subvencións á transformación de contratos temporais en indefinidos, eliminándose a maioría dos supostos (contrato eventual e contrato de obra), o resultado é unha merma importante dos supostos que poderán ser obxecto de subvención.

Por outra parte débese ter en conta si a exclusión á que facemos referencia axuda en algo á finalidade perseguida polos programas de fomento da contratación indefinida, debéndose concluír que, en todo caso, prexudicaríaa por canto en moitos supostos as empresas non se atoparían ante o incentivo á contratación indefinida que estimularía a súa decisión de optar polo emprego estable.

Sinalar que a Xunta de Galicia en materia de axudas á contratación indefinida nos últimos exercicios seguiu as pautas establecidas pola Administración Xeral do Estado nesta materia, establecéndose neste caso unha limitación non existente en tal regulación estatal.

- Inclusión, entre os supostos subvencionables, da transformación de contratos temporais en indefinidos, con independencia do tipo de contrato temporal de que se trate.

Ó respecto, de novo temos que recordar que un dos puntos nos que sempre fixo fincapé a Administración Autonómica ó referirse ás axudas á contratación, é a importancia de que estas puideran complementarse coas concedidas pola Administración do Estado en forma de bonificacións de cotas á Seguridade Social.

Pois ben, de novo a Administración do Estado incluíu para o ano 2003 entre as axudas á contratación indefinida a transformación ou conversión de contratos temporais en indefinidos, con independencia da modalidade contractual utilizada no caso de contrato de duración determinada, co único requisito de que tal contrato temporal se celebrara con data anterior ó 1 de xaneiro de 2003.

- Permiti-la modulación dos incentivos por segmentos de traballadores a determinar en cada caso concreto (categorías, grupos, ...) e utiliza-los datos ponderados por períodos de tempo no cálculo da plantilla estable e da estructura do cadro de persoal da empresa, facilitaría a flexibilidade das axudas e o cumprimento das obrigacións que recaen sobre a empresa.

- Existen sectores nos que por convenio colectivo rexe a obrigación de subrogación dos traballadores, e debido ó requisito de mantemento do cadro de persoal fixo durante tres anos, é de imposible cumprimento, sen culpa algunha da empresa, e mesmo cando o traballador segue mantendo o seu posto indefinido. Esto na práctico exclúe certas actividades das axudas á contratación (vixilancia, limpeza, xardinerías, etc.). Esta problemática entendemos que debe solucionarse no texto da Orde.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :
1.-Artigo 1.1. Obxecto e finalidade

A CEG considera que, ó delimitar as axudas a traballadores que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, se está a impoñer unha nova restricción á contratación, xa que non contempla parte dos colectivos que a norma estatal si inclúe.

A proposta da CEG é a de que a medida se estenda a calquera colectivo, podéndose, non obstante, incidir especialmente nos colectivos máis desfavorecidos.

2. Artigo 3º. Colectivos desfavorecidos.
Esta organización propón a inclusión dentro dos colectivos obxecto destas axudas ás mulleres que tiveran fillos nos 24 meses inmediatamente anteriores á data de inicio da relación laboral, xa que se trata dun colectivo con dificultades para acceder ó mercado de traballo. Propón, asi mesmo, incluir tamén a este colectivo dentro das axudas á contratación a tempo parcial, por ser esta unha modalidade contractual moi demandada polo citado colectivo.

4. Artigo 3º. i). Colectivos desfavorecidos.
A CEG considera que é preciso unha maior determinación dos grupos incluídos neste apartado, polas posibles inseguridades que pode producir a falta de concreción en relación con ditos colectivos.

5.- Artigo 5. Requisitos.
Apartado a).
Respecto deste apartado, a CEG considera que o establecemento dunha taxa de estabilidade impón novas restriccións á contratación, polo que propón a eliminación da taxa de estabilidade, que tampouco fixa a norma estatal.

Apartado b). Respecto ó establecido no primeiro parágrafo, a CEG propón a reducción do prazo de doce meses no que ten que computarse a media aritmética debido ás posibles inxusticias que pode orixinar en determinados sectores nos que os traballos de temporada poden ocasiona-la imposibilidade de que as empresas accedan ás axudas.
No segundo parágrafo deste apartado, establécense as baixas de traballadores que non serán tidas en conta ós efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal. A CEG propón engadir dúas causas máis de baixa e non incluír no cómputo a baixa producida por subrogación empresarial nin a baixa consecuencia dun despido procedente.

Apartado. c). Respecto do establecido neste apartado, a CEG propón que non se teña en conta para a determinación do incremento neto do emprego total da empresa ó persoal temporal, xa que esto excluiría, na práctica, a determinados sectores, como a construcción ou a hostalería, afectados por altos índices de temporalidade debido as peculiaridades da actividade

6. Artigo 6.c) Exclusións
A CEG propón a inclusión neste apartado do contrato de relevo por responder a unha finalidade similar ó contrato de interinidade.

7. Artigo 6.d) ExclusiónsEste apartado exclúe das axudas previstas nesta norma ós traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato.
A CEG considera que esta exclusión non debería funcionar cando a finalización do contrato indefinido non fose imputable ó traballador, como sucede no caso de despido improcedente ou despido por causas obxectivas.

Polo tanto, proponse facer unha salvedade no apartado para aqueles traballadores que, habendo finalizado o seu contrato, tal finalización non lles sexa imputable.
8.-Artigo 6.e) Exclusións
A CEG considera moi negativa a restricción establecida neste apartado, xa que engade limitacións á contratación, sobre todo as pequenas e medianas empresas, nas que dificilmente, a pesar das subvencións, vanse contratar por tempo indefinido a traballadores non contratados previamente pola empresa.

9. Disposición transitoria.
Nesta disposición fíxase o prazo respecto das axudas polas contratacións ou transformacións realizadas entre o 1 de outubro de 2002 e a data de entrada en vigor desta orde.
A CEG quere propoñer unha ampliación deste prazo ata o 30 de xuño de 2003, para contar con un prazo mínimo de dous meses como no resto das solicitudes.