ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASE REGULADORAS E A CONVOCATORIA DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL E DE PROMOCIÓN E DIVULGACIÓN DO COOPERATIVISMO.

I. ANTECEDENTES.

O día 11 de abril de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral  de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais,  remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras e a convocatoria dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e dos textos das Ordes publicados no DOG os días 1 de abril de 2002 e 15 de abril de 2002 e tendo en conta os respectivos dictames emitidos polo Consello con data do 8 de febreiro de 2002 e 13 de marzo de 2002, así como do texto obsérvase o seguinte:

- Á vista deste borrador, parece que se tivo en conta a proposta do comité sobre a data límite de incorporación de socios para poder beneficiarse das axudas, xa que nos termos en que estaba redactado o artigo 14º quedaban excluídos todas aquelas cooperativas que incorporasen asalariados entre a data en que finalizaba o prazo para as axudas de 2001 e a entrada en vigor da nova orde. En consecuencia, o apartado 2 da base quinta da orde que se va a dictaminar queda redactado do xeito que segue: “poderán ser beneficiarios destas axudas as sociedades cooperativas que, a partir do 2 de xullo de 2002, incorporen como socios a aqueles asalariados que leven prestando o seu traballo persoal na cooperativa durante máis de dous anos”.

- O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

o Trátase dun proxecto novo que recolle nunha soa orde o que en anos anteriores figuraba en dous: por un lado, o programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais (anexo A) e, por outro, a promoción e divulgación do cooperativismo (anexo B). Respecto deste último programa, o máis significativo e que desaparece toda referencia á chamada economía social, co que as axudas nel contempladas diríxese unicamente as cooperativas de traballo asociado.

o Respecto do programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais (anexo A) hai que sinalar algunhas novidades:
§ Terceira. Tipos de axuda. A axuda por asistencia técnica é substituída por axudas para a contratación de directores e xerentes.
§ Cuarta. Axudas para a condición de socio traballador. Modifícase en parte a estructuración deste apartado, establecendo uns requisitos de carácter xeral que os beneficiarios deben cumprir sempre e enumerando despois as diferentes circunstancias que poderían dar lugar as axudas. Aquí incluiríanse situacións non contempladas na orde anterior (mulleres que se incorporen á actividade laboral tras ausencia de mínimo de tres anos, desempregados en situación de exclusión social, etc.).
§ Quinta. Axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo. No apartado 1 in fine engade un novo colectivo de traballadores desempregados a incorporación dos cales sería subvencionable: os que fosen beneficiarios da prestación por desemprego de nivel contributivo na súa modalidade de pagamento único. Queda eliminado o apartado b) “traballadores vinculados á empresa por contrato laboral de carácter temporal …e que se incorporen sen ruptura de continuidade como socios traballadores ou de traballo”.
No apartado 4 especifícase que o incremento (tanto de emprego como de número de socios) se establecerá “respecto a media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios polos que se percibe a axuda”.
No apartado 5 establécese a obriga de substituír as baixas “polo período que reste ata completa-los tres anos, ou a reintegra-las cantidades percibidas, cos seus intereses de demora, estando obrigadas a comunica-la baixa ó órgano concedente no prazo de quince días a contar desde aquel no que se producira a mesma”. No caso de que a axuda se concedera pola incorporación dunha persoa dun colectivo determinado, “esta substitución deberá realizarse no prazo máximo de seis meses desde a data de baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a subvención, no mes seguinte á substitución”.
§ Sexta. Axudas para a contratación de directores ou xerentes. Esta axuda é unha novidade e substitúe á axuda para asistencia técnica.
§ Sétima. Subvención financeira. Suprímese a posibilidade de que as empresas de nova creación que levasen menos de un ano funcionando puidesen destinar ata un 25% do préstamo a financia-lo activo circulante.
Establécese que a aportación do beneficiario ó financiamento dos investimentos debe ser como mínimo do 25% e que o investimento obxecto de subvención debe manterse durante un período mínimo de cinco anos.
Tamén se determina que os investimentos en terreos, inmobles, maquinaria e equipos poden ser obxecto de subvención e que no sector dos transportes quedan excluídos os investimentos en activos móbiles.
Por último, respecto dos prazos, establécese que a solicitude deberá presentarse con anterioridade ó inicio da execución dos proxectos de investimento e, en todo caso, antes de que transcorran seis meses desde a data de alta na Seguridade Social do primeiro traballador incorporado polo que se solicita a subvención.
§ Oitava. Axuda excepcional. No apartado 1 se establece que o importe máximo da subvención non poderá exceder do 50% do custo de adquisición de activos. Se esta se financiase parcialmente mediante préstamos para os que se solicitara subvención de intereses, a determinación da subvención directa realizarase a partir do importe non financiado por ditos créditos, tendo en conta que a aportación do beneficiario debe ser como mínimo do 25% e que o investimento obxecto de subvención deberá manterse durante un tempo mínimo de cinco anos. A solicitude deberá presentarse con anterioridade ó inicio da execución dos proxectos de investimento.
§ Novena. Solicitudes e documentación. No apartado 1 b) establécese que as entidades de nova creación deberá aportarse alta no IAE ou, de se-lo caso, a documentación acreditativa da exención do imposto. No apartado 3 e) establécese que cando se trate da incorporación dun desempregado que vaia a traballar a tempo parcial deberá presentarse copia do contrato de traballo, no caso das sociedades laborais, ou certificado no que conste a duración da xornada, no caso das cooperativas.
§ Décima. Xustificación do pagamento. No referente a documentación específica no caso da axuda excepcional, presentaranse facturas dos investimentos subvencionados, mentres que na orde anterior había que presentar certificacións das incorporacións ás cooperativas e sociedades laborais e alta na Seguridade Social.
§ Décimosegunda. Incompatibilidades. Serán incompatibles coas dos programas de apoio a iniciativas de emprego, de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción de emprego autónomo, de centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, da Consellería de Asuntos Sociais.
o O Anexo B recolle as accións dirixidas á promoción e divulgación do cooperativismo, eliminándose por tanto do texto tódalas referencias ás sociedades laborais.
§ Primeira. Programa I. Impulso de proxectos empresariais cooperativos. Este programa substitúe ó programa I da orde de 2002 “Fomento e promoción das empresas de economía social mediante a concesión de axudas a cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais”.
§ Segunda. Programa II. Financiamento dos gastos derivados da constitución de cooperativas e da modificación ou adaptación dos seus estatutos sociais. No apartado 1 (finalidade) suprímese o segundo parágrafo onde se establecía qué gastos poderían terse en conta para estas axudas, entre os cales se especificaban os de auditorías (que deu lugar a unha proposta do comité).
No apartado 3 (modalidades e contía das axudas), a contía das axudas pasa do 55% ó 75% dos gastos orixinados, fixándose un límite máximo de 2.000 euros, fronte ó ano anterior, en que o límite variaba segundo a modalidade.
§ Terceira. Programa III. Fomento e consolidación do asociacionismo. No apartado 1 (finalidade) faise unha relación dos gastos que poden considerarse a efectos de subvención.
§ Cuarta. Programa IV. Actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás novas tecnoloxías. A novidade deste programa é que inclúe as actividades para adaptación ás novas tecnoloxías.
No apartado 2 (beneficiarios) establécese con carácter excepcional e para as actividades de fomento de especial relevancia, a posibilidade de que, ademais das organizacións empresariais e sindicais e as asociacións empresariais constituídas ó abeiro da Lei 19/1977, podan resultar beneficiarias outras entidades, sen determinar cales.
O límite das axudas se fixa no 75% dos gastos necesarios para a súa realización, fronte ó 50% anterior.
· Quinta. Programa V. Promoción do cooperativismo mediante o fomento do acceso á condición de socio traballador. No apartado 2 (beneficiarios) da orde anterior, establecíase que poderían ser beneficiarios destas axudas “as sociedades cooperativas que, a partir da entrada en vigor desta orde, incorporen como socios…”. Na orde deste ano, a data se fixa no 2 de xullo de 2002, data na que finalizaba o prazo de solicitude de axudas de 2002.
· Sexta. Documentación e prazo de presentación de solicitudes. No apartado 2 se amplía o prazo de solicitude que rematará o 30 de xuño.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as base reguladoras e a convocatoria dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, trece artigos, oito disposicións adicionais, unha transitoria, dúas disposicións derradeiras e dous anexos (A e B).


O día 23 de abril de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:




DICTAME 14/03



En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras e a convocatoria dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o  11 de abril de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día  23 de  abril  de 2003, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL  DE CARÁCTER UNÁNIME:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT- GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG:

1. SITUACIÓN ANTERIOR
No mes de setembro o Comité Autonómico de Emprego creou un grupo de traballo de cara a analiza-las medidas para incrementa-la estabilidade nas empresas. Este grupo foi avanzando e estableceuse que necesariamente as medidas para seren efectivas deberían establecerse tres eixos:
· Medidas para mellora-la taxa de estabilidade na administración pública.
· Medidas para favorece-la estabilidade laboral no sector privado.
· Seguemento da estabilidade no emprego e da contratación.
O grupo de traballo quedou pendente dunha proposta da Xunta de Galicia que dera resposta ás custións plantexadas ata ese momento. Non quedaban fora deste paquete ningún dos incentivos á contratación e ó fomento do emprego.
O Comité tiña que ter traballado nesa liña e no establecemento de criterios cara ás políticas activas. A Xunta non convocou a preceptiva reunión do Comité do último trimestre. Tampouco foi convocado no primeiro trimestre de este ano ata o pasado día 9 de abril.
Os membros do Consello Galego de Relacións Laborais en tódolos dictames feitos ata o momento no que se abordaron as medidas activas de emprego e fomento da estabilidade, dictaminamos, por unanimidade, que para poder efectua-lo dictame da norma presentada era necesario que o Comité Autonómico de Emprego fixara os criterios, cousa que estaba sen facer. Ademais desta única consideración de caracter unánime, CCOO e CIG consideramos que se debía pospoñe-lo análise da Orde que se tratara, ata non te-lo marco fixado polo Comité Autonómico.

2. SITUACIÓN ACTUAL
Con data de saída do 4 de abril, venres, convocase o Comité Autonómico de Emprego para o día 9, mércores. Esta convocatoria ten chegado o luns e a documentación o martes a algúns dos axentes sociais presentes nel. A orde do día establece a análise de 10 Ordes relacionadas coas medidas de fomento do emprego do ano 2003. En ningún caso se plantexa cáles van se-los criterios que unifiquen todas elas.
As Centrais Sindicais presentes no Comité (CIG – CCOO de Galicia – UGT- Galicia)  plantexamos que, de forma previa o tratamento do 3º punto da orde do día, se estableceran os criterios comuns para as políticas de emprego e se modificara a orde do día, incorporando un punto sobre a situación do Servicio Público Galego de Emprego, cuestións ambas as que a Conselleira se nega.
Da reunión do Comité Autonómico de Emprego cabe face-las seguintes consideracións:
1º Os sindicatos levamos reclamando, cando menos dende o mes de novembro, a reunión do Comité para establecer criterios e para conclui-lo traballo pendente.
A Xunta de Galicia era quen tiña que reelaborar unha proposta cas consideracións feitas polos axentes sociais e coa súa posición. Esta proposta non ten chegado.
2º Ainda que a L.P.X.A.P. o permita, non é de recibo que se de un prazo de menos de 24 horas para fixar criterios en relación con dez Ordes de fomento do emprego. O traballo que facemos é riguroso e este tipo de convocatorias atentan contra o mais mínimo rigor.
3º Ainda que o establecemento das ordes do día, segundo a norma de Órganos colexiados, pertence a Presidencia do órgano, nunca se pode impedir a modificación da orde do día, salvo que previamente fora consensuado entre os diferentes axentes sociais. O talante dialogante que debe presidir as reunións de estes órganos queda seriamente cercenado se se impón unilateralmente e sen tempo de opinión os temas a tratar.
4º Dado que no propio Comité Autonómico estableceuse a necesidade de que as medidas relacionadas coa precariedade tiveran tres eixos, non se poden analizar diferentes Ordes sen telos definidos.

3. CONSIDERACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PRESENTES NO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS ÁS ORDES DE FOMENTO DO EMPREGO.
Os sindicatos presentes no Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que as Ordes remitidas (promoción do emprego autónomo e integración dos discapacitados; fomento da estabilidade e contratación de colectivos desfavorecidos; fomento do emprego en empresas de economía social; abono de cotas de pago único; contratación indefinida de discapacitados; contratación en prácticas e contratación do primeiro empregado) deben ser analizadas no marco global que foi definido no grupo de traballo do Comité Autonómico de Emprego sobre a estabilidade e o fomento de emprego. O mantemento de incentivos á contratación tal e como ata agora veu funcionando non soluciona o problema da precariedade en Galicia e soamente serve para incrementa-los beneficios das empresas, agás que foran acompañados doutras medidas.

O emprego asalariado no conxunto do período 1996 - 2002 medrou en 208.425 traballadores. Este incremento, por sectores, é o seguinte:


% INCREMENTO DO EMPREGO ASALARIADO ENTRE 1996 E 2002
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Unha parte importante da explicación do incremento da taxa de precariedade está na taxa de precariedade dos novos empregos: o 40’1 %. Por contra, no Estado eses novos empregos teñen unha taxa de precariedade do 23 %. Esta explicación non é absoluta debido ó incremento da contratación estable por riba do total de contratos.
Unha indicación da situación do conxunto da economía galega é que, por contra que ocorre no Estado, o proceso de crecemento do emprego non se fai no sector servicios senón no sector industrial. É importante destacar que a meirande diferencia entre as taxas de precariedade de Galicia e do Estado e quen a explica é o sector industrial: medrase cunha diferencia de taxas do 34 %. O crecemento negativo do primario non é significativo.
No período 1997 – 2002 a Xunta de Galicia ten establecido unha serie de medidas de incentivación á estabilidade, co obxectivo de tender a acadar unha taxa de precariedade do 13 %. O punto de partida estaba no 32’9 % en media anual de 1996, segundo os datos da E.P.A. homoxeneizados á metodoloxía establecida no 2002.

A evolución das taxas de precariedade homoxeneizadas e comparadas cas taxas estatais é a que aparece no seguinte gráfico:

MEDIA ANUAL DAS TAXAS DE PRECARIEDADE
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre explotación do I.N.E. da E.P.A.
Coa media do ano 1996 Galicia estaba en mellor posición co Estado para acada-lo obxectivo proposto: tiña un punto menos de precariedade (32’9 frete ó 33’9 estatal). Despois de seis anos aplicando medidas incentivadoras da estabilidade, atopámonos que está 3’8 puntos por riba. Quere esto dicir que despois de seis anos de programas de fomento da estabilidade, Galicia sitúase 4’8 puntos por riba da taxa de precariedade do Estado, nunha inadmisible taxa de case o 35 %.
O número de contratos temporais que se están a facer en Galicia non respostan a ningunha posibilidade de utilización non fraudulenta das modalidades de contratación:

A ROTACIÓN DOS ASALARIADOS EN PRECARIO
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.
Como se pode observar resulta imposible explicar cómo pode ocurrir que cada asalariado teña unha media de 2’32 contratos o longo do ano, repetíndose practicamente dun a outro ano.
A relación entre as dúas variables, contratación estable e taxa de precariedade, pódese ver no seguinte gráfico.

CONTRATACIÓN INDEFINIDA E TAXA DE ESTABILIDADE
gráfico
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

A diverxencia destas dúas variables indica que o incremento da contratación estable non é de por si suficiente para acadar unhas taxas de precariedade en sintonía cas do noso contorno europeo.

Os datos da precariedade no sector público farán referencia somentes ó IV trimestre de cada ano:

EVOLUCIÓN DA PRECARIEDADE POR SECTORES
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Mentras no período 1997 a 2002, a precariedade, en cómputo anual, reducíase nun 0’2, o comportamento do Sector Público diferenciase claramente da do sector privado: mentras as empresas reducen un 1´4  puntos, as administracións incrementan a súa precariedade en 3’6 puntos.
A taxa de precariedade para que se poda reducir en Galicia precisa de novas medidas das actualmente deseñadas como está reflexado en que cada asalariado con contrato temporal teña unha media de 2’77 contratos no ano. O sector público, especialmente Xunta de Galicia e Administracións Locais, teñen que asumi-la súa responsabilidade no incremento da precariedade e enceta-las medidas correctoras necesarias.

Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas precisan da visión do conxunto da planificación de medidas de fomento do emprego e da estabilidade, polo que, ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideramos que a norma remitida para o seu dictame debeu ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo dictaminamos negativamente a ORDE, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCA PARA O ANO 2003 OS PROGRAMAS DE FOMENTO DOS CONTRATOS EN PRÁCTICAS E PARA A INNOVACIÓN TECNOLÓXICA, solicitando que non se publique. Solicitamos tamén que se reuna o Comité Autonómico de Emprego, que se peche o grupo de traballo sobre precariedade e que se consesuen as medidas resultantes, eliminando as subvencións xenéricas á contratación indefinida, reorientando os programas e obxectivos, conectando tódalas axudas á negociaicón colectiva (tal como estaban os incentivos á reducción do tempo de traballo) e destinando os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas a outras políticas activas. Nesta liña, deberíase incrementar o orzamento destinado a políticas activas ata acadar o 1,1% do PIB, para situalo no nivel da media europea.

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

En primeiro lugar, gustaríanos sinalar que a normativa proposta nesta materia para o presente exercicio parece que presenta importantes variacións.

Os ditos cambios, entendemos que foron froito de circunstancias de índole diversa que se viñeron producindo nos últimos meses, tanto a nivel de estructura orgánica e organizativa da propia administración autonómica (coa refundición nunha única consellería dos departamentos de promoción do emprego e relacións laborais); como a nivel lexislativo, coa publicación das novas normativas con transcendencia nestas materias como foi entre outros, o caso da Lei 45/2002 do 12 de decembro, de reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade, a súa publicación supuxo importantes novidades en temas tales como o aboamento da prestación contributiva de desemprego na súa modalidade de pagamento único, materia esta de gran transcendencia no ámbito da promoción da economía social.

Respecto deste PROGRAMA DE FOMENTO DO EMPREGO EN COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS, gustaríanos resaltar que a pesar de que se di no resume de novidades que se introducen, que se reforza o apoio á chamada economía social en Galicia mediante a agrupación das dúas ordes de axudas existentes ata a data nesta materia (una impulsada pola antiga Consellería de Familia e Promoción do Emprego, e outra pola tamén modificada Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais), nunha soa (promovida agora pola nova Consellería que asume competencias dunha e outra das antigas), o que cremos que se fai en realidade é casi suprimir –ó non ter constancia da súa continuidade- a normativa anterior de Xustiza e Relacións laborais, posto que non se contemplan as axudas que recollían os antigos Programas II, III, IV e V da citada normativa, e tan só se contemplan como beneficiarios da nova ós colectivos que formaban parte do antigo Programa I (desempregados por causas previstas nos artigos 50, 51, 52.b) e c), e 49.11.g) do E.T.).

Por outro lado, e xa analizando a nova normativa que se propón, dicir que se valora como é lóxico, de forma moi positiva, o incremento no número e características dos colectivos de desempregados que poidan acceder a estas axudas.

Sinalar que, por un lado, cremos que coa mención final que se fai ás mulleres desempregadas inscritas como colectivo beneficiario, poderíanse obviar tódalas restantes que se realizan a estas: mulleres que se reincorporan á actividade laboral tras ausencia prolongada, mulleres que se contratan en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, mulleres víctimas de violencia doméstica... Simplemente co último colectivo, é dicir, “mulleres desempregadas”, xa se inclúen tódolos demais que a este tipo de beneficiarios se refiren.

Por outro lado, non se entende e por tanto parécenos criticable, que, entre os colectivos beneficiarios da axuda para a adquisición da condición de socio traballador, se sinale ós perceptores de desemprego na súa modalidade de pagamento único unicamente no caso de que estes optasen por obte-la totalidade do importe da prestación de nivel contributivo á que teñen dereito (adquirido polas súas cotizacións anteriores noutros traballos) a través dos aboamentos trimestrais que como subvención se outorgan pola Entidade Xestora das prestacións polo importe íntegro das novas cotizacións que se realicen na nova sociedade.

Propoñemos mante-lo sistema anterior, e permiti-lo acceso como beneficiarios destas axudas tamén ós que capitalicen toda a prestación para aportar ó capital da nova sociedade laboral ou cooperativa, ou ós que obteñan parte para capital e parte para subvencionar as súas cotizacións a Seguridade Social.

¿E se se tratase dunha muller desempregada inscrita que á vez fora beneficiaria do pagamento único de prestacións, podería optar a esta axuda por pertencer ó primeiro colectivo, independentemente de que non percibise o pagamento único como se indica na orde?

Outra cuestión a sinalar, sería que segundo o novo proxecto de orde, redúcense respecto de anos anteriores as modalidades de axudas para asistencia técnica a unha sola delas: a de contratación de directores e xerentes. ¿E si a nova empresa o que necesita é un bo estudio de organización ou comercialización, e non un xerente?.  ¿Refórzase desta maneira o apoio integral a este tipo de empresas, que segundo se di é o espírito inspirador da nova normativa?. Propoñemos incrementa-las modalidades de axudas neste apartado, polo menos ata a situación que se contemplaba en normativas de exercicios anteriores.

Outro tipo de axuda, a subvención financeira, viuse reducida en dúas magnitudes: por uno lado os puntos máximos de interese subvencionables que pasan de 6 a 3. Dado que no Programa de fomento do emprego en empresas de economía social se menciona un tipo de interese mínimo do 1%, esta reducción producirá un prexuízo se a entidade financeira fixa un tipo de interese superior ó 4% (como a transcrición da orde non é completa, supoñemos que igual que en anos anteriores a Consellería firmará un convenio con entidades financeiras que supoña condicións vantaxosas para os emprendedores). Se analizámo-la situación dos tipos de interese en abril de 2002 (euribor a 1 ano = 3,76%) e comparámolo co tipo de interese dun préstamo segundo condicións do convenio subscrito a prazo superior a 5 anos (tipo de interese = 5,25%) existe un diferencial de 1,49 puntos. Se sumamos este diferencial ó tipo de interese vixente actualmente (en torno ó 2,40% - 2,45%), acércase bastante ó mencionado 4% o que produciría, en caso de superalo, prexuízos para o emprendedor pois o seu tipo de interese subvencionado podería ser superior ó 1%.

Por outro lado, a finalidade do préstamo redúcese á financiación de activos do inmobilizado material. Deixouse fora do obxecto este tipo de financiación subsidiada o inmobilizado inmaterial (gastos de investigación e desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial, fondo de comercio, dereitos de traspaso, aplicacións informáticas, dereitos sobre bens en réxime de arrendamento financeiro) destacando desta partida contable conceptos tan importantes para unha empresa de nova creación como por exemplo o dereito de traspaso satisfeito pola cesión dun local de negocio, o canon dunha franquicia, a adquisición de programas informáticos ou a adquisición de patentes e marcas.

Tamén se eliminou a opción de financiar (ata un 25% do importe do préstamo) o activo circulante. En canto a esta modificación, temos que apuntar que en todo o proxecto empresarial non só se deben contemplar inversións en activos fixos, senón que se ten que preve-la necesidade de dispoñer dun adecuado capital circulante ou fondo de manobra (parte do activo circulante financiado con recursos a longo prazo), que garanta unha reserva de liquidez. Por exemplo, nunha empresa comercial sería necesario financiar a longo prazo parte das existencias en especial cando a súa liquidez non sexa inferior a 1 ano. Consideramos, polo tanto, que esta modificación pode supoñer que as empresas non dispoñan dos medios líquidos suficientes para desenvolve-la súa actividade, sen que esta se teña que ver imposibilitada, limitada ou excesivamente condicionada pola falta de liquidez.
Por último gustaríanos valorar positivamente, que na axuda excepcional se determine o importe máximo da axuda a outorgar e a forma de calculalo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1.- Artigo 10.a). Obrigas dos beneficiarios.

Neste inciso a), o artigo 8 establece como unha das obrigas dos beneficiarios das axudas o acreditaren que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración Pública galega. Tal acreditación deberá producirse previamente ó cobro da referida axuda.

Esa acreditación que acabamos de referir, debería face-la de oficio a propia Administración dado que posúe a información necesaria ó respecto. Estaríase a dar cumprimento así, ademais, ó disposto na Lei 30 /1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, cando establece que a Administración non debe esixir ós particulares a acreditación documental daquela información ou datos que ela xa posúa no seu poder, en aras dos principios de economía, celeridade e eficacia administrativa.

2.- Anexo A. Programa de Fomento do Emprego en cooperativas e sociedades laborais. Base Cuarta. 1º. Axudas para a adquisición da condición de socio traballador.
Este artigo dí que se poderán conceder subvencións na contía máxima que fixa, para a adquisición da condición de “socio traballador” dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral, a aqueles que “no momento de adquiriren dita condición” estean desempregados inscritos como demandantes de emprego no  Servicio público de Emprego.
A redacción deste parágrafo pode dar lugar a confusión, pois se pode interpreta-lo seu contido de xeito diferente.

Por esta razón, se propón a clarificación do que se quere dicir exactamente e cando se adquire a condición de socio traballador.

Esta aclaración xa se pediu outros anos e segue sen concretarse. Así, establécese que poderán ser beneficiarios da mencionada axuda, os que no momento de adquiri-la condición de socios traballadores estean desempregados inscritos como demandantes de emprego...; pero non se define con claridade o momento en que se adquire tal condición; o que na práctica orixina  problemas de interpretación ós posibles beneficiarios destas axudas.

Porque, ¿en que momento se debe entender que se cumpre tal condición?:

En casos de constitución da sociedade: hai que estar desempregado inscrito no momento do acto de outorgamento da escritura de constitución ante notario, ou no momento de inscrición da devandita constitución no rexistro pertinente, xa que o dito momento é o que marca o nacemento da sociedade á vida xurídica con personalidade propia e independente á dos seus promotores, ou nun terceiro momento que sería o de alta efectiva do socio traballador en seguridade social como traballador da empresa, onde se cumpriría finalmente co dobre requisito de ser socio e traballador á vez.

En casos de ampliación do capital de sociedades laborais xa constituídas tamén se presentan problemas: ós criterios anteriores haberíalles que engadir un máis, sería a data de adopción do acordo de ampliación e admisión de novos socios traballadores adoptada na Xunta Xeral de Socios, acto este previo á elevación a escritura pública do citado acordo social.

Entendemos que a dita cuestión, dada a gran cantidade de matices que xera, debe ser aclarada, ou definido de forma expresa un criterio interpretativo a seguir e por todos coñecido (administración, posibles beneficiarios ...) por unha simple razón de seguridade xurídica.

Así, propoñemos que se defenda a interpretación de que o momento en que se adquire realmente a condición de “socio e traballador”, é o momento da alta na Seguridade Social do beneficiario, polo que se debería esixir a súa situación de desempregado inscrito unicamente e segundo este criterio, de forma inmediatamente previa ó dito instante.

2.- Anexo A. Programa de Fomento do Emprego en cooperativas e sociedades laborais. Base Sétima. Subvención financeira.
Nesta disposición obrígase ós beneficiarios a manter durante cinco anos o investimento e hai que ter en conta que, nalgúns casos, os activos potencialmente subvencionados poderían ter unha vida útil inferior a ese período.

3.- Anexo A. Base Novena. 1º.d) Axudas para a adquisición da condición de socio traballador.
Neste inciso d) establecese que no caso de cooperativas ou sociedades laborais de nova creación deberá presentarse unha memoria técnica e económica do proxecto empesarial ou plan de empresa elaborado ou informado por un auditor externo á entidade, ou por un técnico de emprego pertencente á rede coordinada pola consellería competente.

Nembargantes, a redacción da norma parece indicar que o devandito informe no caso de non estar realizado, será elaborado únicamente polo auditor ou técnico de emprego, o cal cremos desacertado, pois o mesmo, debe ser elaborado polo propio promotor ou promotores do proxecto coa axuda e orientación dos técnicos (realización conxunta), á que se podería engadir un informe independente só do técnico colaborador onde se recollan apreciacións de carácter obxectivo e subxectivo, relativas ó proxecto, capacitación dos promotores para a súa posta en marcha…etc.

Deste xeito, entendemos que o aproveitamento para o promotor ou promotores e o grado de coñecemento do seu proxecto e do Plan de empresa deste, sería moito maior.