ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCA PARA O ANO 2003 O PROGRAMA DE AXUDAS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE TRABALLADORES CON DISCAPACIDADE.

I. ANTECEDENTES.

O día  11 de abril de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral  de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais,  remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de axudas á contratación indefinida de traballadores con discapacidade e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 16 de xullo de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 3 de xullo de 2002, obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do borrador parece que se tivo en conta unha das consideracións feitas no dictame do exercicio pasado respecto da suxestión de que as axudas teñan carácter plurianual. Establécese agora na Exposición de motivos, no seu 10º parágrafo, que se introduce un novo sistema de prazos de presentación de solicitudes (con carácter xeral é de dous meses desde a data da contratación ou transformación do contrato temporal pola que se solicita subvención) e que estas non están suxeitas ó exercicio económico anual, o que simplifica e clarifica as datas de presentación e axiliza a tramitación administrativa.

- O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

o Exposición do Motivos. Engádese o parágrafo décimo, xa referenciado anteriormente, relativo ó establecemento dun novo sistema de prazos de presentación de solicitudes
Tamén na exposición de motivos modifícase o parágrafo duodécimo, que establece: “ As axudas recollidas nesta Orde financiaranse con cargo ós créditos de aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos proxectos de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2003 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta desta Orde”.
o Artigo 1º. Finalidade. En concordancia co exposto anteriormente, relativo á non suxeición das axudas ó exercicio económico anual, a orde suprime o apartado 2 do borrador do ano pasado que dispoñía: “Os beneficios establecidos nesta orde serán aplicables ás contratacións iniciais realizadas entre o 1 de outubro de 2001 e o 30 de setembro de 2002”. Suprímese tamén o apartado 8 deste artigo 1º, relativo ó financiamento das axudas.
o Artigo 4º. Axudas. No apartado 1 determínase o grao de discapacidade para ter dereito as axudas: “igual ou superior ó 33%, cunha diminución da súa capacidade de traballo, ó menos igual ou superior a dita porcentaxe”.
o Artigo 16º.2. Solicitudes e prazo. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral. Suprímense agora o parágrafo 2º deste apartado, que pasa a ser unha disposición transitoria e o apartado 4 da orde de 2002, que establecía como data remate do prazo o 30 de setembro.
o Artigo 7º. Documentación. Nos apartados 4 e 5 in fine suprímese a referencia ós compromisos de contratación ou de conversión de contrato temporal en indefinido, como documentación a presentar en defecto de contrato escrito.
o Disposición adicional sexta. A orde de 2002 non establecía cantidade algunha como límite de crédito. O novo proxecto normativo recolle, xunto ás aplicacións orzamentarias que financian as axudas, os límites do crédito.
o Por ultimo, engádese unha disposición transitoria que establece que “as solicitudes de axudas polas contratacións realizadas entre o 1 de outubro do ano 2002 e a data de entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 31 de maio de 2003”.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de axudas á contratación indefinida de traballadores con discapacidade” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, dezaseis artigos, seis disposicións adicionais, unha transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 23 de abril de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 16/03

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de axudas á contratación indefinida de traballadores con discapacidade, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de abril de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de abril de 2003, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL  DE CARÁCTER UNÁNIME:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT- GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG:

1. SITUACIÓN ANTERIOR
No mes de setembro o Comité Autonómico de Emprego creou un grupo de traballo de cara a analiza-las medidas para incrementa-la estabilidade nas empresas. Este grupo foi avanzando e estableceuse que necesariamente as medidas para seren efectivas deberían establecerse tres eixes:
· Medidas para mellora-la taxa de estabilidade na administración pública.
· Medidas para favorece-la estabilidade laboral no sector privado.
· Seguimento da estabilidade no emprego e da contratación.
O grupo de traballo quedou pendente dunha proposta da Xunta de Galicia que dera resposta ás cuestións plantexadas ata ese momento. Non quedaban fora deste paquete ningún dos incentivos á contratación e ó fomento do emprego.
O Comité tiña que ter traballado nesa liña e no establecemento de criterios cara ás políticas activas. A Xunta non convocou a preceptiva reunión do Comité do último trimestre. Tampouco foi convocado no primeiro trimestre de este ano ata o pasado día 9 de abril.
Os membros do Consello Galego de Relacións Laborais en tódolos dictames feitos ata o momento no que se abordaron as medidas activas de emprego e fomento da estabilidade, dictaminamos, por unanimidade, que para poder efectua-lo dictame da norma presentada era necesario que o Comité Autonómico de Emprego fixara os criterios, cousa que estaba sen facer. Ademais desta única consideración de carácter unánime, CCOO e CIG consideramos que se debía pospoñe-lo análise da Orde que se tratara, ata non te-lo marco fixado polo Comité Autonómico.


2. SITUACIÓN ACTUAL

Con data de saída do 4 de abril, venres, convocase o Comité Autonómico de Emprego para o día 9, mércores. Esta convocatoria ten chegado o luns e a documentación o martes a algúns dos axentes sociais presentes nel. A orde do día establece a análise de 10 Ordes relacionadas coas medidas de fomento do emprego do ano 2003. En ningún caso se plantexa cáles van se-los criterios que unifiquen todas elas.
As Centrais Sindicais presentes no Comité (CIG – CCOO de Galicia – UGT- Galicia)  plantexamos que, de forma previa o tratamento do 3º punto da orde do día, se estableceran os criterios comúns para as políticas de emprego e se modificara a orde do día, incorporando un punto sobre a situación do Servicio Público Galego de Emprego, cuestións ambas as que a Conselleira se nega.
Da reunión do Comité Autonómico de Emprego cabe face-las seguintes consideracións:
1º Os sindicatos levamos reclamando, cando menos dende o mes de novembro, a reunión do Comité para establecer criterios e para concluí-lo traballo pendente.
A Xunta de Galicia era quen tiña que reelaborar unha proposta cas consideracións feitas polos axentes sociais e coa súa posición. Esta proposta non ten chegado.
2º Aínda que a L.P.X.A.P. o permita, non é de recibo que se de un prazo de menos de 24 horas para fixar criterios en relación con dez Ordes de fomento do emprego. O traballo que facemos é rigoroso e este tipo de convocatorias atentan contra o mais mínimo rigor.
3º Aínda que o establecemento das ordes do día, segundo a norma de Órganos colexiados, pertence a Presidencia do órgano, nunca se pode impedir a modificación da orde do día, salvo que previamente fora consensuado entre os diferentes axentes sociais. O talante dialogante que debe presidir as reunións de estes órganos queda seriamente cercenado se se impón unilateralmente e sen tempo de opinión os temas a tratar.
4º Dado que no propio Comité Autonómico estableceuse a necesidade de que as medidas relacionadas coa precariedade tiveran tres eixes, non se poden analizar diferentes Ordes sen telos definidos.

3. CONSIDERACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PRESENTES NO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS ÁS ORDES DE FOMENTO DO EMPREGO.
Os sindicatos presentes no Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que as Ordes remitidas (promoción do emprego autónomo e integración dos discapacitados; fomento da estabilidade e contratación de colectivos desfavorecidos; fomento do emprego en empresas de economía social; abono de cotas de pago único; contratación indefinida de discapacitados; contratación en prácticas e contratación do primeiro empregado) deben ser analizadas no marco global que foi definido no grupo de traballo do Comité Autonómico de Emprego sobre a estabilidade e o fomento de emprego. O mantemento de incentivos á contratación tal e como ata agora veu funcionando non soluciona o problema da precariedade en Galicia e soamente serve para incrementa-los beneficios das empresas, agás que foran acompañados doutras medidas.
O emprego asalariado no conxunto do período 1996 - 2002 medrou en 208.425 traballadores. Este incremento, por sectores, é o seguinte:


% INCREMENTO DO EMPREGO ASALARIADO ENTRE 1996 E 2002
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Unha parte importante da explicación do incremento da taxa de precariedade está na taxa de precariedade dos novos empregos: o 40’1 %. Por contra, no Estado eses novos empregos teñen unha taxa de precariedade do 23 %. Esta explicación non é absoluta debido ó incremento da contratación estable por riba do total de contratos.
Unha indicación da situación do conxunto da economía galega é que, por contra que ocorre no Estado, o proceso de crecemento do emprego non se fai no sector servicios senón no sector industrial. É importante destacar que a meirande diferencia entre as taxas de precariedade de Galicia e do Estado e quen a explica é o sector industrial: medrase cunha diferencia de taxas do 34 %. O crecemento negativo do primario non é significativo.
No período 1997 – 2002 a Xunta de Galicia ten establecido unha serie de medidas de incentivación á estabilidade, co obxectivo de tender a acadar unha taxa de precariedade do 13 %. O punto de partida estaba no 32’9 % en media anual de 1996, segundo os datos da E.P.A. homoxeneizados á metodoloxía establecida no 2002.

A evolución das taxas de precariedade homoxeneizadas e comparadas cas taxas estatais é a que aparece no seguinte gráfico:

MEDIA ANUAL DAS TAXAS DE PRECARIEDADE
gráfico
FONTE: Elaboración propia sobre explotación do I.N.E. da E.P.A.
Ca media do ano 1996 Galicia estaba en mellor posición co Estado para acada-lo obxectivo proposto: tiña un punto menos de precariedade (32’9 frete ó 33’9 estatal). Despois de seis anos aplicando medidas incentivadoras da estabilidade, atopámonos que está 3’8 puntos por riba. Quere esto dicir que despois de seis anos de programas de fomento da estabilidade, Galicia sitúase 4’8 puntos por riba da taxa de precariedade do Estado, nunha inadmisible taxa de case o 35 %.
O número de contratos temporais que se están a facer en Galicia non respostan a ningunha posibilidade de utilización non fraudulenta das modalidades de contratación:

A ROTACIÓN DOS ASALARIADOS EN PRECARIO
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.
Como se pode observar resulta imposible explicar cómo pode ocorrer que cada asalariado teña unha media de 2’32 contratos o longo do ano, repetíndose practicamente dun a outro ano.
A relación entre as dúas variables, contratación estable e taxa de precariedade, pódese ver no seguinte gráfico.

CONTRATACIÓN INDEFINIDA E TAXA DE ESTABILIDADE
gráfico
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

A diverxencia destas dúas variables indica que o incremento da contratación estable non é de por si suficiente para acadar unhas taxas de precariedade en sintonía cas do noso contorno europeo.

Os datos da precariedade no sector público farán referencia soamente ó IV trimestre de cada ano:

EVOLUCIÓN DA PRECARIEDADE POR SECTORES
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Mentres no período 1997 a 2002, a precariedade, en cómputo anual, reducíase nun 0’2, o comportamento do Sector Público diferenciase claramente da do sector privado: mentres as empresas reducen un 1´4  puntos, as administracións incrementan a súa precariedade en 3’6 puntos.
A taxa de precariedade para que se poda reducir en Galicia precisa de novas medidas das actualmente deseñadas como está reflectido en que cada asalariado con contrato temporal teña unha media de 2’77 contratos no ano. O sector público, especialmente Xunta de Galicia e Administracións Locais, teñen que asumi-la súa responsabilidade no incremento da precariedade e enceta-las medidas correctoras necesarias.

Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas precisan da visión do conxunto da planificación de medidas de fomento do emprego e da estabilidade, polo que, ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideramos que a norma remitida para o seu dictame debeu ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo dictaminamos negativamente a ORDE, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCA PARA O ANO 2003 OS PROGRAMAS DE AXUDAS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE TRABALLADORES CON DISCAPACIDADE, solicitando que non se publique. Solicitamos tamén que se reúna o Comité Autonómico de Emprego, que se peche o grupo de traballo sobre precariedade e que se consensúen as medidas resultantes, eliminando as subvencións xenéricas á contratación indefinida, reorientando os programas e obxectivos, conectando tódalas axudas á negociación colectiva (tal como estaban os incentivos á reducción do tempo de traballo) e destinando os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas a outras políticas activas. Nesta liña, deberíase incrementar o orzamento destinado a políticas activas ata acadar o 1,1% do PIB, para situalo no nivel da media europea.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1.- Artigo 3. 1 b) Exclusións.
Este apartado exclúe das axudas previstas nesta norma ós traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato.
A CEG considera que esta exclusión non debería funcionar cando a finalización do contrato indefinido non fose imputable ó traballador, como sucede no caso de despido improcedente ou despido por causas obxectivas.
Polo tanto, se propón facer unha salvedade no apartado para aqueles traballadores que, habendo finalizado o seu contrato, tal finalización non lles sexa imputable.

2. Artigo 7º. 9. Documentación.
Entre os documentos a presentar xunto coa a solicitude establécese unha declaración comprensiva de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade.
A CEG solicita o establecemento dun prazo concreto de obtención ou solicitude das axudas pola dificultade que entraña a presentación de tódalas axudas obtenidas ou solicitadas sen limitación temporal.

3. Disposición transitoria.
Nesta disposición fíxase o prazo respecto das axudas polas contratacións ou transformacións realizadas entre o 1 de outubro de 2002 e a data de entrada en vigor desta orde.
A CEG quere propoñer unha ampliación deste prazo ata o 30 de xuño de 2003, para contar con un prazo mínimo de dous meses como no resto das solicitudes.