ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DICTAN NORMAS DE PROCEDEMENTO PARA A XESTIÓN DAS AXUDAS PREVISTAS NO DECRETO 106/1994 DO 21 DE ABRIL, DA XUNTA DE GALICIA E NA ORDE DO 5 DE OUTUBRO DE 1994, DO MINISTERIO DE TRABALLO E SEGURIDADE SOCIAL, POLA QUE SE REGULA A CONCESIÓN DE AXUDAS PREVIAS Á XUBILACIÓN ORDINARIA NO SISTEMA DA SEGURIDADE SOCIAL, A TRABALLADORES AFECTADOS POR PROCESOS DE REESTRUCTURACIÓN DE EMPRESAS.

I.  ANTECEDENTES

O día 15 de abril de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de orde pola que se dictan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde publicado no DOG o día 19 de agosto de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data do 6 de xuño de 2002, así como do texto obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do proxecto parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas polo comité delegado para a emisión de dictames ó proxecto da citada orde remitida en 2002.

- O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:
o Artigo 10º. Forma de ingreso das aportacións con cargo á empresa e á Administración pública. Neste artigo in fine engádese o seguinte parágrafo: “Previo ó pagamento da axuda, ademais das garantías previstas na presente orde, o beneficiario deberá acreditar que se encontra ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública da Comunidade Autónoma de acordo co disposto no art. 78.4 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Así mesmo e no momento da xustificación da execución total do proxecto, presentará declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades”.
o Disposición adicional cuarta. Nesta disposición se engade in fine o seguinte: “…así mesmo o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control”.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se dictan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas” consta de: Exposición de motivos, dez artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 28 de abril de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 19/03


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se dictan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de abril de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de abril de 2003, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME:

1- Consideración previa.
Este comité quere resalta-la gran unanimidade acadada na valoración desta norma. Por este motivo, non se entende que as súas consideracións, reiteradas ano tras ano, sexan sistemáticamente desantendidas pola Consellería.

2- Exposición de Motivos.
Polo que atinxe á Exposición de Motivos deste borrador de orde, diremos que fai unha referencia expresa Ó Decreto 106/1994, do 21 de abril, da extinta Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo, como antecedente e sustento normativo do propio desenvolvemento da futura orde.
Dentro do articulado deste Decreto, fálase de “Axudas á xubilación anticipada de traballadores de empresas en crise non suxeitas a plans de reconversión”, (na súa Exposición de Motivos e nos arts. 2 e 3).

En aras dunha maior claridade normativa, o contido e maila denominación do Programa regulado no Capitulo II do Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia, debe estar consonte coa denominación e contido, en termos xerais, tanto da Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social como desta futura Orde que estamos a dictaminar.

A título de exemplo, polo que respecta ó obxecto perseguido por estes corpos legais, tanto a Orde Ministerial como esta futura Orde autonómica manteñen unha dicción familiar: “…facilitar unha cobertura económica ós traballadores afectados por procesos de extinción de relacións de traballo, por causas…”. Pola súa banda, o Decreto 106/1994, fala de “Facilitar ás empresas non suxeitas a plans de reconversión a posibilidade de axeita-los seus cadros de persoal á súa realidade productiva, mediante axudas que lles permitan anticipa-la xubilación ós traballadores…”

Tendo en conta, pois, a intima relación existente entre as tres normas ás que nos acabamos de referir e que neste borrador da futura Orde se desenvolven os contidos da Orde Ministerial de 1994 e do Decreto autonómico 106/1994, proponse que a denominación e mailo contido do programa das axudas que nos ocupa no referido Decreto, sexa semellante ó que figura na Orde Ministerial e no propio borrador da Orde que nos ocupa.

3- Artigo 6º. Solicitudes e documentación.
Este comité propón que, para unha maior seguridade xurídica, debe clarificarse neste artigo cal é o prazo para a presentación de solicitudes.

3- Artigo 9º.- Resolución.
Este artigo establece que as solicitudes serán resoltas pola conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Este comité propón que o órgano encargado de resolver sexa a Dirección Xeral de Relacións Laborais e, consecuentemente, ó non poñer fin á vía administrativa, que se poda interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.
Artigo 8º- Avaliación das solicitudes.

As organizacións sindicais con presencia no Consello propoñen que en todas aquelas normas referentes a liñas de axuda para o fomento do emprego se faga constar expresamente que, unha vez publicada a norma correspondente, pechada a convocatoria, recibidas as solicitudes e baremadas polas comisións de avaliación correspondentes, os comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación laboral ou, no seu caso, o Comité Autonómico, informen os distintos proxectos con carácter previo e preceptivo á resolución definitiva, establecendo as prioridades de cada un deles. Polo demais, esta consideración está en coherencia coas funcións asignadas a estes órganos no seu Decreto de creación.



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

2- Artigo 8º. Avaliación das solicitudes.
A CEG quere manifestar, como consideración de carácter xeral, que en todas aqueles normas referentes a liñas de axudas para o fomento do emprego, se faga constar expresamente que unha vez publicada a norma correspondente, as comisións provinciais e autonómica de emprego existentes, sexan informadas das resolucións das respectivas convocatorias para poder coñece-los procedementos desenvolvidos e as contratacións efectuadas. Considérase, ademais, que non é función destas comisións valorar ós posibles beneficiarios das axudas, pois esta é competencia da propia Administración.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME.

1- Artigo 3º.1. Contía da axuda.
Neste precepto tómase como base para calcula-la contía das axudas as bases de cotización por continxencias profesionais, cando o normal sería calculalas a partires das bases de cotización por continxencias comúns, por ser estas as que cobren as continxencias de xubilación.

En consecuencia, proponse calcula-las axudas partindo das bases de cotización por continxencias comúns.

2- Artigo 5º. Financiamento.
Segundo o precepto, corresponde o financiamento das axudas e das cotizacións á Seguridade Social, nun 60% á empresa solicitante, e o 40% restante correrá con cargo á partida orzamentaria habilitada ó efecto.

Debería considerarse a posibilidade de aplicar unha fórmula distributiva dese financiamento máis equilibrada, reducíndose a porcentaxe que lle correspondería pagar á empresa, cando se trate de empresas con problemas económicos que xustifiquen unha situación de crise.

Nos supostos de empresas inmersas nunha situación de crise, derivada de causas económicas, debería preverse na Orde a posibilidade de reduci-la porcentaxe a pagar por aquelas, aplicándose fórmulas máis equilibradas de reparto da carga (por exemplo, 40% para as empresas e 60% para a Administración que subvenciona, ou ben, do 50% para cada parte).

3- Artigo 6º.2. Solicitudes e documentación.
Neste artigo fanse as seguintes consideracións:


1- Apartado a)
Esíxese neste parágrafo introductorio que á solicitude se xunte unha serie de documentos en orixinal ou copia autenticada. Para acadar unha maior simplificación do procedemento, sempre favorecedor para o administrado, considérase que é suficiente cunha fotocopia cotexada do documento de que se trate ou, incluso, o mero contraste ou verificación da mesma polo órgano ou autoridade que teña no seu poder tal documentación, desenvolvendo así unha tarefa de cotexo.

Proponse redactar este apartado como se reproduce de seguido: “Á solicitude deberase xunta-la seguinte documentación, en fotocopia cotexada ou mediante o seu cotexo polo órgano que a teña no seu poder, consonte á lexislación vixente”.

2- Apartado b)
As axudas que esta Orde prevé, segundo a filosofía que informa á Orde Ministerial que desenvolve, son aplicables tanto a extincións “colectivas” de contratos de traballo como ó suposto de extinción contractual a que se refire o artigo 52, c) do ET.

Neste último suposto, o Estatuto dos traballadores non esixe intervención previa da Autoridade Laboral que determine as correspondentes causas económicas, técnicas, organizativas e de producción, de extinción de contratos.

Por todo o exposto, non se entende por qué neste apartado “in fine” se establece a posibilidade de que o acordo adoptado entre a empresa e mailos representantes legais dos traballadores afectados pola medida, “poderá ser homologado pola Autoridade Laboral competente.”

Considérase innecesaria a esixencia de homologación pola Autoridade Laboral competente do referido Acordo, pois asemella ser suficiente o compromiso da empresa de financiamento do custo da axuda e a acreditación fidedigna do consentimento do traballador de acollerse á mesma e de cesar na súa relación laboral na empresa.

3- Apartado c)
Ó igual que en anos precedentes, establécese que o solicitante das axudas debe presentar unha relación dos traballadores para os que solicita estas, facendo constar, entre outras cousas, os seus DNI e os correspondentes certificados de nacemento.

A Orde Ministerial do 5 de outubro de 1994 non esixe entre os requisitos que enumera o seu artigo 4.2º, c) a presentación de tales certificados de nacemento, postura lóxica, dado que xa se esixen os DNI.

Proponse redactar este inciso c) do artigo 6 nos termos empregados no artigo 4, c) da Orde Ministerial mencionada.

4- Apartado f)
Neste apartado esíxese un documento no que se recolla o compromiso da empresa de anticipar ós traballadores as axudas previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas, se transcorridos tres meses dende a súa concesión non se fixeran efectivas por causas imputables á mesma.

Para dotar á Orde dunha maior seguridade xurídica na interpretación deste apartado f), non estaría demais que, a titulo exemplificativo, se establecera unha relación aberta das posibles causas imputables á empresa que puideran dar lugar á anticipación das axudas recoñecidas ó traballador.

5- Apartado k)
Segundo esta disposición, o instructor do expediente de concesión das axudas ou a Comisión de Avaliación están habilitados para requirir ó solicitante das mesmas calquera outra documentación, ademais da referida nos apartados anteriores deste mesmo artigo, “que se considere esencial” para a avaliación e resolución dos expedientes.
Tal posibilidade ven limitada pola Lei 30/1992, do 26 de outubro, no seu artigo 35.f), posto que o administrado non ten que presentar documentos non esixidos polas normas aplicables ó procedemento de que se trate ou que xa se atopen en poder da Administración actuante.

Proponse, polo tanto, a supresión deste apartado k) no artigo 6.2º da futura Orde.

4- Artigo 8º. Avaliación das solicitudes.
Como ven dictaminando este Consello reiteradamente en relación coa composición da Comisión de Avaliación, se temos en conta o disposto no artigo 25.2º da Lei 4/1988, reguladora da Función Pública galega, non existen motivos técnicos ou xurídicos que fagan preciso que o substituto sexa un funcionario/a, de tal xeito que tamén un contratado laboral podería formar parte destas comisións, xa que se trata dun traballo non permanente. Esta posibilidade, pola contra, si se preveu na Orde do 23 de marzo de 1995, reguladora desta mesma liña de axudas.

Este comité propón engadir a seguinte matización neste artigo: “ Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario ou contratado laboral que para o efecto designe o Delegado Provincial e sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer nun funcionario ou contratado do mesmo servicio có substituído.”


5- Artigo 9º. Resolución.
O prazo para poder resolver que se establece neste precepto e a súa potestade para amplialo considerase excesivo e distorsionador, xerando inseguridade xurídica.

Compre facer, polo tanto, dúas consideracións sobre este precepto:

1- No segundo parágrafo deste artigo establécese que o prazo máximo para resolve-los procedementos abertos a instancias desta Orde, será de seis meses, e unha vez pasado o mesmo sen dicta-la correspondente resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria.

Considerase que o prazo de seis meses para resolver é excesivo, debendo reducirse a tres meses como máximo.

Por outra banda, a Administración debe resolver expresamente o procedemento, non implantando como regra xeral a do silencio administrativo negativo, sobre todo cando aquela contén a denegación da axuda, e isto non só por eficacia e seguridade xurídica para os administrados, senón tamén en consonancia có establecido ó longo da Orde cando se esixe anticipación de aportacións dinerarias ós seus posibles beneficiarios.

2- Na fase de resolución do procedemento de concesión das axudas, este precepto no seu parágrafo terceiro, establece a posibilidade de resolve-las mesmas fora do prazo máximo legal de seis meses establecido no seu primeiro parágrafo, de xeito excepcional e motivado.

Esta disposición está a supera-los prazos que a Lei do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común establece e ademais atenta contra a seguridade xurídica dos posibles beneficiarios das axudas, quen teñen dereito a un procedemento administrativo áxil e eficaz.

En todo caso, esta posibilidade de ampliación do prazo resolutorio das axudas só tería sentido dentro do suposto que recolle a Disposición Adicional Primeira deste borrador, cando prevé que o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, poida propoñe-la concesión de axudas extraordinarias, como medidas de apoio ás reguladas na presente Orde naqueles supostos de empresas galegas de interese social e público e de especial relevancia para a economía galega, con problemas económicos e socio-laborais.

En consecuencia, proponse suprimi-lo parágrafo terceiro deste artigo 9º.


6- Artigo 10. Forma de ingreso das aportacións con cargo á empresa e á Administración Pública.
Este artigo no seu parágrafo 2º fai referencia ó xeito en que se deben ingresa-las aportacións que lle corresponde sufragar ás empresas solicitantes: en tantas anualidades como anos permanezan os traballadores percibindo axudas, cun máximo de cinco.
Considérase que sería máis axeitado establecer fraccionamento de tal aportación, que axudara a soportala máis desafogadamente .

Este comité propón que no texto da futura Orde se prevea a posibilidade de que as empresas beneficiarias aporten a parte que lle corresponde facendo ingresos semestrais.



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

1.- Artigo 6º.2.b). Solicitudes e documentación.
Nesta disposición de referencia esíxese acompaña-la solicitude de axudas, nos supostos previstos polo artigo 52.c) do ET, do acordo adoptado entre a empresa e mailos representantes legais dos traballador afectado pola medida onde conste o compromiso daquela de financia-lo custo da axuda ó seu cargo.

Proponse neste senso, que cando non existan representantes legais dos traballadores na empresa en cuestión, se permita substituí-lo acordo destes, polo acordo existente entre a empresa e mailo traballador afectado.



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA PRESENTADA POLA CIG E MAIS O SN DE CC.OO. DE GALICIA.

1- Artigo 6º.2.b). Solicitudes e documentación.
Neste precepto, e respecto do manifestado pola CEG na súa consideración ó respecto, esta organización sindical amósase de acordo coa posibilidade de que cando non existan representantes legais dos traballadores, entendendo tamén como tales ós delegados sindicais, se permita substituí-lo acordo entre estes e maila empresa, polo acordo subscrito entre o traballador afectado e a empresa interesada na axuda.