ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCA PARA O ANO 2003 O PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA CON ORIXE EN PLANS EMPRESARIAIS DE INCREMENTO DA ESTABILIDADE LABORAL.

I.  ANTECEDENTES

O día 8 de xullo de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral  de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral e  solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 15 de xullo de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 3 de xullo de 2002, obsérvase o seguinte:
- O novo proxecto normativo ten como novidades máis salientables as seguintes, recollidas na Exposición de Motivos da Orde (parágrafos 6º a 10º):
o Esixencia dunha taxa mínima de estabilidade do 65% (no ano 2002 era do 60%), para poder acceder ós incentivos establecidos na orde pola contratación indefinida inicial ou transformación de contratos temporais en indefinidos.
o Consideración das taxas de estabilidade contempladas nos convenios sectoriais de aplicación, superior ou inferior á xeral, sen que poida ser menor do 35%.
o Un incremento, como mínimo de 7 puntos (5 puntos no ano 2002) da taxa de estabilidade do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia na media acadada no período desde outubro 2001 a setembro 2002.

- Examinado-los artigos do novo proxecto normativo, obsérvanse as seguintes modificacións:

o Artigo 2º. Ámbito de aplicación. Engádese un novo parágrafo no apartado 2 “in fine” do citado artigo. “A conversión en contratos indefinidos dos contratos temporais ou de duración determinada non será subvencionable cando teña a súa orixe no cumprimento de obrigas legais”.
o Artigo 3º. Beneficiarios. Suprímese a excepción que se establecía no apartado 2 deste precepto “agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial”.
o Artigo 5º. Definición, requisitos e contido dos plans empresariais de incremento da estabilidade laboral. O apartado 1, letra a) establece un incremento, como mínimo, de 7 puntos da taxa de estabilidade. A letra e) deste apartado esixe que taxa de estabilidade sexa igual ou superior ó 65% e non pode ser inferior ó 35%.
o Artigo 6º. Incentivos. Os incentivos establécense nunha contía variable, en atención ó índice de estabilidade que se acade e segundo a pertenza do traballador desempregado a determinados colectivos: mulleres ou traballadores incorporados inicialmente ó Programa Labora.
o Artigo 7º. Competencia. Coa nova estructura da Xunta de Galicia, a competencia para coñecer e resolve-las solicitudes correspóndelle ós órganos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
o Artigo 8º. Solicitudes e prazo. Ampliase en cinco días máis o prazo de presentación de solicitudes: ata o 15 de setembro de 2003 (10 de setembro en 2002).
o Artigo 15º. Obrigas dos beneficiarios. En concordancia co establecido no artigo 5º, o apartado 5 do artigo 15º dispón que “entenderase que se produce unha minoración substantiva da taxa de estabilidade cando se reduza o incremento mínimo de 7 puntos respecto da taxa do período de referencia ou cando a taxa se sitúe nun nivel inferior ó 65% ou á prevista no convenio colectivo sectorial de aplicación”.
o Disposición adicional cuarta. “Poderán acollerse ós incentivos previstos nesta orde as empresas cunha taxa de estabilidade superior ó 93% (antes 95%) no período de referencia....”.
o Disposición adicional sétima. Engádese esta nova disposición: “No caso das empresas que presentaran o seu último plan de incremento de estabilidade laboral no ano 2001 ó abeiro da orde do 27 de abril de 2001, para determina-lo incremento da taxa de estabilidade e do emprego a que se refiren os artigos 5º e concordantes desta orde, serán ás do período comprendido nos meses de outubro de 2001 e setembro de 2002. Non obstante as medias deste período non poderán ser inferiores ós resultados acadados coa execución do plan do ano 2001”.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, oito disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 15 de xullo de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 25/03

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de xullo de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día  15 de xullo de 2003, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións unánimes e non unánimes:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Este Comité Delegado espera que os traballos do grupo constituido no seo do Comité Autonómico de Emprego ofreza resultados que permitan superar esta consideración crítica de cara ó ano 2004.

Asi mesmo, hai que sinalar a sorpresa deste Comité por terse presentado, por primeira vez, no Comité Autonómico de Emprego o texto do proxecto de Orde tal e como ten sido remitido ó Consello Galego de Relacións Laborais, producíndose unha invasión das funcións de dictame que corresponden só a este último organismo, mentras que o Comité Autonómico de Emprego debería ter establecidos os criterios xerais sobre as medidas de fomento do emprego e da estabilidade cara o ano 2003.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG:


1. SITUACIÓN ANTERIOR
No mes de setembro de 2002, o Comité Autonómico de Emprego creou un grupo de traballo de cara a analiza-las medidas para incrementa-la estabilidade nas empresas. Este grupo foi avanzando e estableceuse que necesariamente as medidas para seren efectivas deberían establecerse tres eixes:
· Medidas para mellora-la taxa de estabilidade na administración pública.
· Medidas para favorece-la estabilidade laboral no sector privado.
· Seguimento da estabilidade no emprego e da contratación.
O grupo de traballo quedou pendente dunha proposta da Xunta de Galicia que dera resposta ás cuestións consideradas ata ese momento. Non quedaban fora deste paquete ningún dos incentivos á contratación e ó fomento do emprego.
O Comité tiña que ter traballado nesa liña e no establecemento de criterios cara ás políticas activas. A Xunta non convocou a preceptiva reunión do Comité do último trimestre. Tampouco foi convocado no primeiro trimestre de este ano ata o pasado día 9 de abril.
Os membros do Consello Galego de Relacións Laborais en tódolos dictames feitos ata o momento no que se abordaron as medidas activas de emprego e fomento da estabilidade, dictaminamos, por unanimidade, que para poder efectua-lo dictame da norma presentada era necesario que o Comité Autonómico de Emprego fixara os criterios, cousa que estaba sen facer.
Ademais desta única consideración de carácter unánime, CCOO e CIG consideramos que se debía pospoñe-lo análise da Orde que se tratara, ata non te-lo marco fixado polo Comité Autonómico.

2. SITUACIÓN ACTUAL
Con data de saída do 4 de abril, venres, convocase o Comité Autonómico de Emprego para o día 9, mércores. Esta convocatoria ten chegado o luns e a documentación o martes a algúns dos axentes sociais presentes nel. A orde do día establece a análise de 10 Ordes relacionadas coas medidas de fomento do emprego do ano 2003. En ningún caso se perfila cáles van se-los criterios que unifiquen todas elas.
As Centrais Sindicais presentes no Comité (CIG – CCOO de Galicia – UGT- Galicia)  plantexamos que, de forma previa o tratamento do 3º punto da orde do día, se estableceran os criterios comúns para as políticas de emprego e se modificara a orde do día, incorporando un punto sobre a situación do Servicio Público Galego de Emprego, cuestións ambas as que a Conselleira se nega.
Da reunión do Comité Autonómico de Emprego cabe face-las seguintes consideracións:
1º Os sindicatos levamos reclamando, cando menos dende o mes de novembro, a reunión do Comité para establecer criterios e para concluí-lo traballo pendente.
A Xunta de Galicia era quen tiña que reelaborar unha proposta cas consideracións feitas polos axentes sociais e coa súa posición. Esta proposta non ten chegado.
2º Aínda que a L.P.X.A.P. o permita, non é de recibo que se de un prazo de menos de 24 horas para fixar criterios en relación con dez Ordes de fomento do emprego. O traballo que facemos é rigoroso e este tipo de convocatorias atentan contra o mais mínimo rigor.
3º Aínda que o establecemento das ordes do día, segundo a norma de Órganos colexiados, pertence a Presidencia do órgano, nunca se pode impedir a modificación da orde do día, salvo que previamente fora consensuado entre os diferentes axentes sociais. O talante dialogante que debe presidir as reunións de estes órganos queda seriamente cercenado se se impón unilateralmente e sen tempo de opinión os temas a tratar.
4º Dado que no propio Comité Autonómico estableceuse a necesidade de que as medidas relacionadas coa precariedade tiveran tres eixes, non se poden analizar diferentes Ordes sen telos definidos.
5º A Consellería, diante da presentación do documento dos tres sindicatos “Avaliación e propostas en materia de Servicio Público de Emprego e Políticas Activas” comprométese a elaborar un documento que dé resposta ó nel plantexado e ter unha reunión para tratalo no mes de maio.

O día 7 de xullo celebrouse a seguinte reunión do Comité Autonómico de Emprego que tiña como segundo punto da Orde do día “Análise  do  proxecto  de  orde  pola que se establecen as bases reguladoras  e  se  convoca  para  o  ano 2003 o programa de incentivos á  contratación indefinida con orixe en planes empresariais de incremento da  estabilidade laboral”. E como terceiro “Entrega do documento "Servicio Público de Emprego de Galicia", elaborado  pola  Consellería  de  Asuntos  Sociais,  Emprego  e Relacións  Laborais”. Esto, como é obvio, supon un novo incumprimento do compromiso acadado no C.A.E. do 9 de abril.

3. CONSIDERACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PRESENTES NO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS Á ORDE DE PLANS DE ESTABILIDADE.
Os sindicatos presentes no Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que a Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, debe ser analizada no marco global que foi definido no grupo de traballo do Comité Autonómico de Emprego sobre a estabilidade e o fomento de emprego. O mantemento de incentivos á contratación non soluciona o problema da precariedade en Galicia e soamente serve para incrementa-los beneficios das empresas.
O emprego asalariado no conxunto do período 1996 - 2002 medrou en 208.425 traballadores. Este incremento, por sectores, é o seguinte:

% INCREMENTO DO EMPREGO ASALARIADO ENTRE 1996 E 2002
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.
Unha parte importante da explicación do incremento da taxa de precariedade está na taxa de precariedade dos novos empregos: o 40’1 %. Por contra, no Estado eses novos empregos teñen unha taxa de precariedade do 23 %.
Unha indicación da situación do conxunto da economía galega é que, por contra que ocorre no Estado, o proceso de crecemento do emprego non se fai no sector servicios senón no sector industrial. É importante destacar que a meirande diferencia entre as taxas de precariedade de Galicia e do Estado e quen a explica é o sector industrial: medrase cunha diferencia de taxas do 34 %. O crecemento negativo do primario non é significativo.
No período 1997 – 2002 a Xunta de Galicia ten establecido unha serie de medidas de incentivación á estabilidade, co obxectivo de tender a acadar unha taxa de precariedade do 13 %. O punto de partida estaba no 32’9 % en media anual de 1996, segundo os datos da E.P.A. homoxeneizados á metodoloxía establecida no 2002.
A evolución das taxas de precariedade homoxeneizadas e comparadas cas taxas estatais é a que aparece no seguinte gráfico:

MEDIA ANUAL DAS TAXAS DE PRECARIEDADE
gráfico
FONTE: Elaboración propia sobre explotación do I.N.E. da E.P.A.

Ca media do ano 1996 Galicia estaba en mellor posición co Estado para acada-lo obxectivo proposto: tiña un punto menos de precariedade (32’9 frente ó 33’9 estatal). Despois de seis anos aplicando medidas incentivadoras da estabilidade, atopámonos que está 3’8 puntos por riba. Quere esto dicir que despois de seis anos de programas de fomento da estabilidade, Galicia sitúase 4’8 puntos por riba da taxa de precariedade do Estado, nunha inadmisible taxa de case o 35 %.
O número de contratos temporais que se están a facer en Galicia non respostan a ningunha posibilidade de utilización non fraudulenta das modalidades de contratación:

A ROTACIÓN DOS ASALARIADOS EN PRECARIO
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre explotación do I.N.E. da E.P.A.


Como se pode observar resulta imposible explicar cómo pode ocurrir que cada asalariado teña unha media de 2’32 contratos o longo do ano, repetíndose practicamente dun a outro ano.

A relación entre as dúas variables, contratación estable e taxa de precariedade, pódese ver no seguinte gráfico:
CONTRATACIÓN INDEFINIDA E TAXA DE ESTABILIDADE
gráfico
FONTE: Elaboración propia sobre datos do INEM e sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

A diverxencia destas dúas variables indica que o incremento da contratación estable non é de por si suficiente para acadar unhas taxas de precariedade en sintonía cas do noso contorno europeo.

Os datos da precariedade no sector público farán referencia soamente ó IV trimestre de cada ano:
EVOLUCIÓN DA PRECARIEDADE POR SECTORES
cadro
FONTE: Elaboración propia sobre a explotación do I.N.E. da E.P.A.

Mentres no período 1997 a 2002, a precariedade, en cómputo anual, reducíase nun 0’2, o comportamento do Sector Público diferenciase claramente da do sector privado: mentres as empresas reducen un 1´4  puntos, as administracións incrementan a súa precariedade en 3’6 puntos.
A taxa de precariedade para que se poda reducir en Galicia precisa de novas medidas das actualmente deseñadas como está reflectido en que cada asalariado con contrato temporal teña unha media de 2’77 contratos no ano. O sector público, especialmente Xunta de Galicia e Administracións Locais, teñen que asumi-la súa responsabilidade no incremento da precariedade e enceta-las medidas correctoras necesarias.
Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas precisan da visión do conxunto da planificación de medidas de fomento do emprego e da estabilidade. Consideramos que os criterios xerais sobre estas medidas deben ser obxecto de tratamento e debate no Comité Autonómico de Emprego previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame.
Por todo elo dictaminamos negativamente a ORDE, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS  E  SE  CONVOCA  PARA  O  ANO 2003 O PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA CON ORIXE EN PLANS EMPRESARIAIS DE INCREMENTO DA ESTABILIDADE LABORAL, solicitando que non se publique.
Solicitamos tamén que se reúna o Comité Autonómico de Emprego, que continúe o grupo de traballo sobre precariedade e que se consesuen as medidas resultantes, eliminando as subvencións xenéricas á contratación indefinida, reorientando os programas e obxectivos, conectando tódalas axudas á negociación colectiva (tal como estaban os incentivos á reducción do tempo de traballo) e destinando os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas a outras políticas activas. Nesta liña, deberíase incrementar o orzamento destinado a políticas activas ata acadar o 1,1% do PIB, para situalo no nivel da media europea.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

En primeiro lugar, sínalase como un elemento claramente positivo a existencia de políticas activas de emprego que fomentan o incremento e a estabilidade no emprego. Neste senso, a existencia de distintos programas ou liñas de axudas entendemos que pode favorece-la contratación de aqueles colectivos con maiores problemas de inserción no mercado laboral.

Consideramos que a Administración ademáis de favorecer e promove-la contratación dos colectivos con maiores dificultades para entrar no mercado laboral, debe incentiva-la mellora da calidade do emprego existente, sendo este polo tanto un dos obxectivos que debe te-la orde obxecto das presentes consideracións.

No pasado mes de maio, segundo datos facilitados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, so un 8,24% dos contratos rexistrados en Galicia foron indefinidos, existindo un 91,76% de temporalidade.

É polo tanto unha realidade que boa parte dos contratos que se rexistran son temporais, polo que para modificar esta tendencia estimamos necesario, por unha parte, incentiva-la contratación indefinida e, por outra, favorece-la conversión dos contratos temporais en indefinidos; do contrario, non será posible reduci-la nosa taxa de temporalidade, a que a data de hoxe está moi por enriba dos países do noso entorno.
Consideramos que é preciso que as empresas poidan percibir axudas e subvencións, xa sexa pola realización de contratos indefinidos iniciais ou no seu caso por transforma-los contratos temporais en indefinidos, porque en último caso o resultado é o mesmo, é dicir, aumenta-la estabilidade no emprego.

Por último, permiti-la modulación dos incentivos por segmentos de traballadores a determinar en cada caso concreto (categorías, grupos, ...) e utilizar datos ponderados por períodos de tempo no cálculo da plantilla estable e da estructura do cadro de persoal da empresa, facilitaría a flexibilidade das axudas e o cumprimento das obrigas que recaen sobre a empresa.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 5.- Definición, requisitos e contido dos plans empresariais de incremento da estabilidade laboral.
1º. En relación coa taxa de estabilidade esixida como consecuencia da execución do plan, esta incrementouse nun 5% respecto ó pasado ano, situándose nun 65%. En 2002 a taxa mínima esixida era dun 60% e en 2001 desde un 35%, as empresas poderían solicitar axudas que podían chegar a 4.808,96 € nestos casos.
Este incremento na taxa de estabilidade esixida para poder ser beneficiario destas axudas non responde a unha realidade social e discrimina a importantes sectores da nosa economía; é dicir, a estabilidade no emprego nestos dous anos non tense incrementado nin siquera nunha proporción próxima ás porcentaxes progresivamente esixidas por esta orde, o que nos leva a pensar que, de seguer nesta liña, cada vez serán menos as empresas que poidan acollerse a un plan de estabilidade, e non porque non exista temporalidade, senón porque a taxa de estabilidade mínima esixida será de imposible cumprimento para boa parte das empresas (tendo en conta que a posibilidade de reducción da taxa xeral, sempre co tope mínimo do 35%, queda limitada a unha concreta unidade de negociación discriminando as demáis: o convenio colectivo sectorial).

De novo debemos destaca-la nosa oposición a manter como requisito o de alcanzar unha determinada taxa de estabilidade xeral, que non ten en conta nin a diferente evolución dos sectores privado e público en canto a temporalidade, nin á realidade de cada ún dos sectores da nosa economía. Se o que se trata é mellora-las nosas cifras de estabilidade, os incentivos deberían ofrecerse ás empresas que demostren unha tendencia cara á mellora da estabilidade, sendo suficiente o requisito do incremento da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa.
2º. En canto ó incremento da taxa de estabilidade como consecuencia da execución do plan ata un mínimo de 7 puntos, 2 máis que en 2002 e 4 máis que en 2001, entendemos que este incremento non responde á realidade laboral galega, dado que non houbo unha mellora na estabilidade no emprego que xustifique esta continua progresión á alza.

3º. Respecto ó prazo de execución (ata o 30 de setembro), hai que indicar de novo que parécenos moi limitado. Consideramos que é esencial que se flexibilicen os períodos de execución establecidos para os plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, de tal xeito que se permita o incentivo para plans plurianuais.

Artigo 6. Incentivos.

1º. Este ano introdúcese como novidade, neste apartado, a concesión de distintas axudas en función do colectivo ou da persoa contratada, incrementándose as contías se se trata dun colectivo desfavorecido, unha muller ou unha persoa incluida no Programa Labora.

A finalidade última deste programa debe ser mellora-la estabilidade no emprego e, nese obxectivo, consideramos que como se viña facendo ata agora, débese promove-la contratación ou conversión en indefinidos dos contratos, independentemente de cal sexa o perfil persoal do traballador.

Terase ademáis en conta que a contratación dunha persoa incluida nun colectivo desfavorecido, está regulada, en canto ás axudas e subvencións a recibir, nunha orde específica.

Non existe, polo tanto, xustificación algunha para establecer diferencias económicas na orde de estabilidade, en atención ó perfil dos traballadores, por canto o fin último deste programa, que é o aumento do emprego fixo, prodúcese en ámbolos dous casos.

Así polo tanto, entendemos que debería suprimirse a diferencia establecida este ano en función das características persoais dos traballadores.

2º. Respecto ás contías, estas téñense reducido substancialmente, en relación ó pasado ano. Mentres no 2001 a contia máxima era de 6.000 €, este ano o máximo son, sen atender a consideracións persoais do traballador, 3.000 €. Entendemos que, de non incrementarse as contías, en modo algún procede a súa reducción, indicando ademáis que en ningunha das ordes de fomento do emprego os incentivos económicos tense modificado respecto a anos anteriores.

3º.- Recomendamos unha maior concreción dos colectivos incluidos na letra j) do apartado 5 deste artigo 6.

Artigo 8. Solicitudes e prazo.

Polo que se refire ó prazo de solicitudes, temos que indicar que, se ben no borrador establécese como data de entrega das solicitudes o 15 de setembro, este prazo debería ampliarse, tendo en conta o retraso na súa publicación no DOG e en coincidencia cos meses estivais, para que as empresas poidan avaliar e, se é o caso, deseñar un plan de estabilidade nun tempo razonable.

Artigo 15.4. Obrigas dos beneficiarios.

Existen sectores nos que, por convenio colectivo, rexe a obriga de subrogación dos traballadores e, debido ó requisito do mantemento do cadro de persoal fixo durante tres anos, é de imposible cumprimento, sen culpa algunha da empresa, e aínda cando o traballador segue a mante-lo seu posto indefinido. Esto na práctica exclúe certas actividades das axudas á contratación (vixilancia, limpeza, xardinería, etc.). Esta problemática entendemos debe solucionarse no texto da orde.