ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO.


I. ANTECEDENTES

O día 8 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de marzo de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 17 de febreiro de 2003, parece que non foron atendidas as consideracións propostas por este comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica ou engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

· Artigo 6º. Solicitude. No apartado 2 h), que establece a obriga de  presentar coa solicitude o orzamento de gastos relativo ó custo de persoal, engádese in fine o seguinte: “con indicación do número de persoas que se solicitan”.
· Artigo 11º. Selección e contratación do persoal. Este artigo modifícase en parte. Mentres a orde anterior establecía que a selección de técnicos sería realizada pola entidade colaboradora en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación ou coa Delegación Provincial correspondente, o proxecto normativo sometido a dictame fala de preselección realizada pola entidade colaboradora e esixe o visto e prace da Consellería, tralo que asinarase un acta de selección conxuntamente. Asinada esta, a entidade poderá proceder á contratación do persoal. Asi mesmo, engádese que este procedemento non será de aplicación para a contratación do persoal de apoio.
· Artigo 14º. Forma de pagamento. As modificacións recollidas neste artigo están na súa meirande parte en relación co carácter bianual das accións, para 2004 e 2005.
Por outra banda, a novo proxecto normativo establece que os anticipos –sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería- son do 50% da subvención concedida (antes eran do 75%), agás no caso das entidades locais que terán o límite do 35%.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 14 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 1/04


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME:
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.- O proxecto normativo obxecto de dictame incide, unha vez máis, no que temos denunciado as organizacións sindicais: a privatización do Servicio Público de Emprego de Galicia por parte da Xunta de Galicia. Neste caso, cos fondos públicos, preténdese financiar persoal para face-las tarefas que ten encomendadas a rede de Oficinas de Emprego (OEXs). Aínda máis, entidades públicas ou privadas, constituídas baixo calquera forma xurídica, poderán emendarlle a plana ós técnicos de emprego das OEXs. Así, estas entidades comprobarán os datos do currículo do demandante de emprego coa relación das ocupacións ás que este opta e, tendo en conta que –segundo informou a Dirección Xeral de Formación e Colocación no último Comité Autonómico de Emprego celebrado- no mes de abril implantarase o SISPE, serán estas entidades quenes decidirán en que código nacional de ocupación rexistrarase cada demandante.

Segunda.- Os moi escasos acordos acadados nas conversas entre sindicatos, patronal e Xunta de Galicia aparecen, no seu primeiro envite, rotos pola Xunta, dado que o criterio que se estableceu para a distribución das accións de orientación era, soamente, o número de parados, non intervindo a variable poboación en ningún momento.

Terceira.- A información que deu o director xeral de Formación e Colocación no Comité Autonómico de Emprego e no Grupo de Traballo dicindo que era un erro o que consta na disposición adicional primeira do proxecto normativo obxecto de dictame, sobre o financiamento destas accións con cargo ás consignacións orzamentarias 16.05.241B.471 e 16.05.241B.472 (transferencias correntes a empresas privadas), aparece desmentida no texto remitido para dictame, xa que figura expresamente.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:


Artigo 6º.2.g). Solicitude.

Neste precepto solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego para o período subvencionado.
Resulta difícil poder determinar este extremo xa que non se posee a información necesaria para avalialo,  pese a que obra en poder da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais tal e como reflíctise no artigo 8º f),  que o toma como referente para fixa-los criterios de adxudicación do Servicio de información, orientación e busca de emprego.


Artigo 7º. Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes mantense en 40 días, aínda que naturais e non hábiles, cando en convocatorias anteriores era de 20 días. Segue parecendo excesivo este novo prazo toda vez que os Centros que xa veñen desenvolvendo estas accións deben aportar unha documentación mínima. Ademais, pode implicar retrasos nas resolucións das solicitudes.
Polo exposto, proponse que o prazo debe ser de 20 días hábiles.


Artigo 11º.1. Selección e contratación de persoal para a realización das accións.

Neste precepto alúdese ó baremo de selección do persoal existente ó respecto na Dirección Xeral de Formación e Colocación sen que se especifique ou plasme na propia Orde para coñecemento xeral.

Artigo 12º. Contía.

Neste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecendo o total que en concepto de retribución subvencionarase por cada técnico ou persoal de apoio. Sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase na propia normativa que se subvencionará o total do coste do traballador, comprendendo non só o salario e a seguridade social, senón tamén as posibles indemnizacións por finalización de contrato que poidan esixirse legalmente. Non é descoñecido que neste momento a normativa laboral establece unha indemnización ó remate dos contratos de obra ou servicio, que son os adecuados para cubrir estas actividades de información e orientación, indemnización que non se recolle como contía subvencionable.

No apartado 2 establécese a posibilidade de subvencionar ata un 10 % do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, dietas, etc. Resulta moi escasa a citada contía, xa que os gastos xerados pola infraestructura necesaria para manter estas actividades de orientación (local, equipos informáticos, mobiliario, dietas, etc.) son moi superiores ó tope subvencionable.
Proponse que as contías sexan incrementadas no IPC correspondente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 11º.2. Selección e contratación de persoal para a realización das accións.

Valórase positivamente a non aplicación do procedemento de selección descrito no apartado 1 deste artigo para a contratación do persoal de apoio.

Artigo 14º. Forma de pagamento.

O xogo  das diferentes anualidades establecido na redacción deste artigo pode ocasionar maiores cargas para a entidade colaboradora (en canto menor posibilidade de anticipo á establecida na redacción da orde anterior); así, por ejemplo, na letra b) limítase a posibilidade de transferencia do 20% a que a suma do anticipo anterior e o que se solicita sexa inferior ó importe da subvención concedida para o 2004; aspecto que merece unha valoración crítica por parte da CEG.
Asi mesmo, valórase negativamente a reducción da porcentaxe de anticipo establecida no artigo 14º.2 (pasa ó 50% cando na orde anterior chegaba ó 75%).

Prórroga ou mantemento do servicio.

Non de deduce do texto da Orde a posibilidade de prórroga contractual do persoal adscrito a este Servicio, o que implicaría ou ben un deficiente servicio motivado pola súa suspensión temporal, ou ben un esforzo económico para a entidade colaboradora para poder mante-la prestación de servicios, máxime cando de conformidade coa Orde do 27 de maio de 2002, que regula o funcionamento do Servicio Galego de Colocación, esta faculta só ó persoal de orientación laboral para a introducción de demandas de emprego e as súas modificacións, así como a xestión de ofertas de emprego.
Por este motivo, debe arbitrarse pola Consellería un procedemento que evite a existencia de períodos de “laguna” non cubertos pola Orde e, polo tanto, sen servicio e sen subvención.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:


Artigo 2º. Programa de Información Profesional.

Proponse a supresión deste artigo e, en consecuencia, toda mención no texto da orde ós aspectos que  desenvolven este programa.

Artigo 3º. Programa de orientación laboral e busca de emprego.

Obsérvase que no texto deste artigo falta a regulación dos itinerarios da inserción ocupacional que se mencionan no artigo 1º.

Artigo 5º. Definición e requisitos.

Artigo 5º.1.- Proponse a supresión deste apartado ou, no seu defecto, que se estableza que as accións soamente poden realizarse por aquelas entidades que sexan colaboradoras en accións de orientación.

Artigo 5º.4.- Proponse a supresión deste apartado.

Artigo 5º.7.- Proponse engadir este novo apartado, no que se estableza que os orientadores deberán realizar as súas tarefas en locais de titularidade da entidade que solicita a subvención, co obxecto de evita-la cesión ilegal de traballadores por parte destas entidades á Xunta de Galicia.


Artigo 6º. Solicitude.
As letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan por ser impropias do alfabeto galego.

Artigo 8º. Criterios de adxudicación.

Proponse establecer como criterios para a adxudicación das subvencións  soamente os que figuran nas letras a) -excluíndo a referencia ó número de habitantes-, b) e c), coa seguinte redacción:

a) Cobertura existente dentro do Servicio Público de Emprego segundo a área funcional e/ou concello no que se ubique a entidade, en relación co número de demandantes de emprego de cada zona.

b) Experiencia acreditada da entidade solicitante no desenvolvementro das accións que solicite realizar e, no caso de que esta posúa no momento da solicitude a condición de centro colaborador do Servicio Galego de Colocación, valoración do traballo desenvolvido.

Artigo 10º. Obrigas dos centros colaboradores.
No primeiro parágrafo do apartado sinalado coa letra c) establécese a obriga de remitir á oficina de emprego que lle corresponda a cada demandante o expediente completo do usuario nun prazo máximo de 3 meses. Así mesmo, esíxese o mesmo prazo para remiti-las modificacións nos datos do demandante, no seu caso.
Considérase que este prazo é excesivo e proponse que o prazo máximo sexa de 1 mes.
No último parágrafo deste apartado c) establécese, para o caso concreto que se menciona, a obriga de remiti-lo expediente dos usuarios atendidos ós servicios centrais do Servicio Galego de Colocación.
Proponse a supresión deste último parágrafo, dado que se entende que os expedientes dos usuarios do Servicio Galego de Colocación deben remitirse sempre ás oficinas de emprego.

As letras j) e k) deste artigo 10º deben cambiarse polas seguintes que correspondan por ser impropias do alfabeto galego. Obsérvase, sen embargo, que non aparece a letra ñ) cando esta sí existe no citado alfabeto.

Artigo 11º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

Artigo 11º.1.- En relación co procedemento descrito neste apartado, proponse que o persoal sexa seleccionado mediante oferta de emprego e conxuntamente pola entidade colaboradora e a Consellería, tal e como se facía anteriormente.

Artigo 11º.5.- Proponse engadir este novo apartado no que se permita, cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, a continuidade dos centros asociados coas mismas instalacións, persoal e demais medios que foron aprobados no exercicio anterior.