ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO DE MODIFICACIÓN DO DECRETO 134/2001, DO 7 DE XUÑO, POLO QUE SE ESTABLECE O PROGRAMA DAS UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.


I. ANTECEDENTES


O día 8 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da secretaria xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de decreto de modificación do Decreto 134/2001, do 7 de xuño, polo que se establece o programa das unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


O citado programa foi obxecto, no ámbito estatal, dunha nova regulamentación mediante a Orde do Ministerio de Trabajo y Asuntos Sociales do 14 de novembro de 2001, que –entre outros aspectos- modificou a duración máxima das unidades de promoción e desenvolvemento (UPD), reducíndoa a dous anos. Por este motivo, a Xunta de  Galicia ten que adecua-la normativa autonómica, modificando o Decreto 134/2001 do 7 de xuño, polo que se establece o programa das unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que foi dictaminado por este comité delegado en data 12 de xuño de 2001.

O proxecto normativo remitido para dictame modifica o establecido no artigo 5º do Decreto citado anteriormente que fixaba a duración máxima das UPD en dous anos e medio, establecéndose agora que “a duración das unidades de promoción e desenvolvemento non poderá exceder de dous anos, dividida en fases de seis meses”.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Decreto de modificación do Decreto 134/2001, do 7 de xuño, polo que se establece o programa das unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” consta dun artigo único polo que se modifica o artigo 5 do Decreto 134/2001, do 7 de xuño.

O día 14 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:

DICTAME 2/04


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de decreto de modificación do Decreto 134/2001, do 7 de xuño, polo que se establece o programa das unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, remitido pola secretaria xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME:

Este Comité Delegado dictamina favorablemente o citado proxecto normativo, máxime tendo en conta que a Orde do 4 de abril de 2002, pola que se desenvolve o Decreto 134/2001, do 7 de xuño e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento (DOG do 29 de abril de 2002), no seu artigo 5º, xa establecía, con carácter xeral, a duración de dous anos.