ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN CON ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA O EXERCICIO DE 2004 E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.


I. ANTECEDENTES
O día 12 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio de 2004 e se procede á súa convocatoria, e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de febreiro de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 8 de xaneiro de 2003, obsérvase que o novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS COMÚNS
Artigo 2º.- Liñas de axuda.
Como novidade cítase no apartado 2 que o incentivo á mobilidade xeográfica financiarase tamén cando se contrate a traballadoras beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica.

Artigo 4º.- Solicitudes, documentación e prazo.
Modifícase o disposto no apartado 4 deste artigo, establecendo como último día hábil para a presentación de solicitudes o 31 de xullo (antes era o 30 de setembro), agás para as solicitudes pola contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica que poderanse presentar ó longo de todo o ano.

Artigo 6º.- Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo engádese que na resolución da solicitude figurará, no seu caso, a pertenza dos traballadores que se van a contratar ó Programa citado anteriormente e a modalidade contractual empregada.

Artigo 8º. Xustificación e pagamento.
Modifícase o apartado 3 deste artigo xa que establece como data límite para a remisión da documentación xustificativa a do 15 de decembro (a orde do ano pasado non  establecía data límite).

Artigo 9º.- Incompatibilidades e obrigas dos beneficiarios.
Modifícase o disposto na letra f) do apartado 2, que queda redactado como segue: “ Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servicios subvencionados, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida”.

CAPÍTULO II: DAS SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE TRABALLADORES DESEMPREGADOS PARA A REALIZACIÓN DE OBRAS OU SERVICIOS DE INTERESE XERAL E SOCIAL

Artigo 11º.- Obxecto.
Modifícanse os dous apartados deste artigo, especifícandose agora que a contratación que pode ser subvencionada -coas especifidades previstas na regulamentación vixente- é a dos seguintes colectivos:  

a) Beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia.
b) Beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.
c) Traballadores desempregados, preferentemente, con especiais dificultades de inserción laboral, tales como parados de larga duración, discapacitados, mulleres e maiores de 45 anos.

Artigo 13º. Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.
Modifícase o disposto no apartado 2 deste artigo, engadindo como preferentes os proxectos que vaian dirixidos ás titulacións correspondentes ós beneficiarios incorporados ó Programa Labora do seu ámbito territorial ou a aquelas con menor índice de colocación a través do programa, á contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica ou de parados de larga duración, discapacitados ou mulleres (letra b)  e os que incidan nos novos xacementos de emprego (letra d).

Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.
Este artigo sufre modificacións nos seus apartados 2 e 3 e engade un último parágrafo.
A obriga de presentar nas oficinas de emprego a correspondente oferta de emprego esíxese soamente no suposto de contratación de traballadores desempregados, tendo preferencia os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como parados de larga duración, discapacitados, mulleres e maiores de 45 anos.
As oficinas de emprego, á hora de realiza-las sondaxes, deberán ter en consideración a disponibilidade dos demandantes para formaliza-lo contrato de inserción de conformidade co establecido no parágrafo primeiro do artigo seguinte.
Regúlase a utilización de ofertas especiais cando se trate de seleccionar a beneficiarios dos anteditos Programas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ó 33%.

Artigo 15º. Contratación de traballadores.
O novo proxecto normativo engade como data límite para a contratación dos traballadores a do 1 de decembro de 2004.
Asi mesmo, no apartado 1 “in fine”, establece unha excepción para a contratación de beneficiarias do Programa de inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, permitindo utiliza-la modalidade de contrato de obra ou servicio para cando non sexa posible a formalización do contrato de inserción.

Artigo 16º.- Incentivo á mobilidade xeográfica.
Establécese tamén este incentivo para as beneficiarias do Programa citado anteriormente.

Artigo 17º. Inicio das obras ou servicios.
Engádese in fine o seguinte parágrafo: “En todo caso, deberá iniciarse antes do 1 de decembro de 2004, tendo en conta o prazo máximo para a remisión da documentación xustificativa previsto no art. 8”.

CAPÍTULO III: DAS SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E UNIDADES DE APOIO PARA A CREACIÓN DE EMPREGO
Artigo 22º. Contratación.
O apartado 1 establece expresamente que os contratos de traballo celebraranse, con carácter xeral, antes do 1 de decembro de 2004.
No apartado 2, suprímese o último parágrafo que establecía que transcorrida a duración máxima dos contratos (4 anos), a contratación dos mesmos traballadores non poderá ser subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
Artigo 24º. Seguimento e publicidade.
No apartado 1, suprímese a esixencia ás entidades beneficiarias da remisión á Dirección Xeral de Promoción do Emprego dun informe sobre as actividades realizadas e os obxectivos acadados pola unidade de apoio.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

O novo proxecto normativo suprime o establecido en 2003 nas disposicións cuarta e quinta e engade catro novas disposicións adicionais, a cuarta, a quinta, a sexta e a sétima.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio de 2004 e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vintecatro artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 21 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 3/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio de 2004 e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME:
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:
As organizacións sindicais con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais queren manifestar á Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a súa enérxica protesta polo envío no mesmo día de sete proxectos normativos para dictaminar. Tendo en conta que os dictames preceptivos solicitados teñen que emitirse nun prazo de dez días, non é doado cumpri-lo citado prazo cando no mesmo día –como sucedeu o 12 de xaneiro de 2004- ten entrada no Consello escrito da secretaria xeral da Consellería remitindo para dictame sete proxectos normativos da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Os programas de cooperación teñen como función a adquisición de experiencia laboral por parte dos demandantes de emprego. Esta necesidade, tal e como foi acordado no Comité Autonómico de Emprego, debe estar contemplada no seu itinerario de inserción.

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:
Primeira. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.

Segunda. No Comité Autonómico de Emprego acordouse que no itinerario de inserción de cada demandante de emprego debe estar contemplada a súa necesidade de adquisición de experiencia laboral. Tendo en conta que unha das finalidades dos programas de cooperación é a de proporcionar ós demandantes de emprego unha experiencia profesional para mellora-la súa empregabilidade, parece lóxico que a orde reguladora dos itinerarios de inserción sexa a primeira en saír, pois, en caso contrario, serán un canto ó sol –como outras moitas veces- os acordos dese Comité.

Terceira. O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece no artigo 2º, no que se regulan as funcións do Comité  Autonómico de Emprego, no apartado 5, o seguinte: “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira.
Dende hai varios anos este Comité de dictame fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Artigo 2. Liñas de axuda.
O apartado 2 deste artigo establece o financiamento do incentivo á mobilidade xeográfica para os traballadores contratados que sexan beneficiarios do Programa Labora ou do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica e que reúnan os requisitos para percibilo.

Este Comité propón que se regule legalmente o financiamento deste incentivo para tódolos traballadores que se contraten sempre que reúnan os requisitos para percibilo.

Artigo 6. Resolución e recursos.
O prazo máximo que se establece para resolve-las solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se resolvan nos tres meses seguintes ó da entrada da solicitude no rexistro correspondente.

Artigo 13. Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.
O apartado 2, d) deste artigo cita como preferentes os proxectos que “incidan nos novos xacementos de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral”.
Este Comité considera que a frase destacada en cursiva debe substituirse pola seguinte: “se refiran a un dos ámbitos de actividade dos novos xacementos de emprego contemplados na táboa que figura como anexo a esta orde”.  En dito anexo deber ir a táboa que publicou no ano 2000 o INEM e que aparece nas páxinas 15 e seguintes da publicación denominada: “Nuevas actividades, nuevos yacimientos de empleo y desarrollo del espíritu emprendendor”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 4º. Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 4 deste artigo establece que o último día hábil para a presentación de solicitudes será o 31 de xullo de 2004, agás para as solicitudes para a contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica que poderán presentarse ó longo de todo o ano.

A CEG considera que o prazo para a presentación de solicitudes debe ser igual para tódolos casos, polo que propón que estas podan presentarse ó longo de todo o ano.

Artigo 9º. Incompatibilidade e obrigas dos beneficiarios.
O artigo 9º, apartado 2. letra c) establece a obriga da entidade beneficiaria a someterse, entre outras, ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Inspección de Traballo e Seguridade Social.
A CEG estima que esa obriga, posto que é obvia, non debería figurar no texto da orde.

Artigo 12º. Contía.
O apartado 1, letra b) deste artigo establece a contía do incentivo á mobilidade xeográfica, literalmente dice “180  mensuais por cada…”.
A CEG considera que debe dicir: “180 euros mensuais brutos por cada…”.

Artigo 15º. Contratación de traballadores.
Recolle esta norma a obriga de que a entidade beneficiaria, trala selección dos traballadores segundo o artigo anterior, procederá á súa contratación utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción, de acordo có disposto na normativa aplicable que o propio precepto reproduce e identifica.
Si ben o marco legal de referencia é o correcto, a CEG propón que non se restrinxa a esta única modalidade contractual a posible contratación dos traballadores, pois segundo os casos, pode que proceda acudir a outro tipo de contrato, como pode se-lo de obra ou servicio determinado, por exemplo. Ademáis, é inxusto que os traballadores contratados cun contrato de obra ou servicio podan ser contratados de novo no exercicio seguinte e os traballadores cun contrato de inserción de máis de nove meses non podan repeti-la súa participación ata transcorridos tres anos.

Deste xeito, a redacción do precepto podería se-la que segue: “…resolución de concesión de axudas, utilizando as modalidades de contratación que sexan aplicables segundo o marco legal vixente.” Esta nova redacción afectaría tamén ó establecido na norma sobre retribucións, contía e obrigas dos beneficiarios.
Artigo 20º. Contía.
Este artigo establece a contía da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, que ascenderá ó importe dos custos salariais maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social. Asi mesmo, deberíase contemplar unha subvención dun 10% para gastos de difícil xustificación, como fai a Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa de subvención da contratación de orientadores laborais.

PROPOSTA: Que se amplíe a contía da subvención contemplando un 10% para gastos de difícil xustificación.

Artigo 22º. Contratación.
Este precepto establece que a duración máxima da concesión da subvención regulada por esta Orde será de 4 anos.

Esta limitación temporal considerase restrictiva pois outros programas de axuda desa consellería (por exemplo, de orientación laboral) non teñen límite de tempo.
Se plantexa, pois, a supresión dese tope máximo de 4 anos.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:


Artigo 6º. Resolución e recursos.
Establece este artigo que o órgano competente para resolver é o director xeral de Promoción do Emprego.
O artigo 2º, apartado 5, do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función do Comité Autonómico a emisión de informe cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería.

Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do director xeral, emita informe o Comité Autonómico de Emprego. No seu defecto, poderá entenderse que as resolucións dictadas sen o citado informe previo poden ser obxecto de impugnación e dar lugar, no seu caso, á esixencia de responsabilidades.

Asi mesmo, proponse que as solicitudes presentadas e que teñan completa a documentación en cada período de 30 días se resolvan conxuntamente dentro do prazo de tres meses proposto unanimemente por este Comité.

Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.
O apartado 2 deste artigo relaciona colectivos preferentes e criterios a ter en conta para realiza-la selección dos traballadores.
Proponse a modificación deste apartado, suprimindo o texto que figura no proxecto normativo e establecéndose que terán preferencia  aqueles traballadores desempregados que así o teñan recoñecido no seu itinerario de inserción. No resto dos casos, terase en conta a antigüidade da demanda.

Os apartados 3 e 4 establecen os casos nos que pode presentarse oferta de emprego específica ou especial.
Consideramos que a presentación deste tipo de oferta debe limitarse exclusivamente á contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.


Artigo 15º. Contratación de traballadores.
O apartado 1 deste artigo establece a modalidade contractual a utilizar.
Consideramos que debe figurar expresamente neste apartado que a duración dos contratos debe ser dun mínimo de seis meses e que os traballadores seleccionados non deberán ter sido contratados pola entidade nos 18 meses precedentes.