ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REXEN DETERMINADOS PROGRAMAS DE AXUDAS PARA O EXERCICIO DE 2004 DA CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS QUE, BAIXO A RÚBRICA XERAL DE PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, FINANCIAN ACCIÓNS DE FOMENTO DO EMPREGO DAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas  para o exercicio de 2004 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, financian accións de fomento do emprego das entidades locais e se procede á súa convocatoria, e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de febreiro de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 8 de xaneiro de 2003, obsérvase que o novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS COMÚNS
Artigo 1º.- Finalidade e financiamento.
Engádese un segundo apartado que establece os criterios de reparto das axudas e que é do seguinte tenor literal:
“2. A distribución de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase a través da articulación conxunta e ponderada dos seguintes criterios:
a) O paro rexistrado.
b) As características e os itinerarios de inserción que, se é o caso, se establezan para os mesmos, primando especialmente ós parados de longa duración.
c) A evolución da poboación.
d) A densidade de poboación.
e) O PIB por habitante”.

Artigo 8º. Xustificación e pagamento.
Modifícase o apartado 2 deste artigo xa que establece como data límite para a remisión da documentación xustificativa á respectiva delegación provincial a do 15 de novembro, mentres que a orde do exercicio pasado establecía que aquela debería obrar na citada delegación antes do 15 de decembro.

CAPÍTULO II: DAS SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE TRABALLADORES DESEMPREGADOS PARA A REALIZACIÓN DE OBRAS OU SERVICIOS DE INTERESE XERAL E SOCIAL

Artigo 12º. Contía.
Engádese no apartado 1, in fine, o seguinte: “de conformidade co disposto na disposición adicional quinta”.

Artigo 13º. Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.
Modifícase o disposto no apartado 2 deste artigo, na letra d), xa que se amplía o prazo para executa-la obra ou servicio  (pasa dos tres ós seis primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte a aquel en que se produce a colaboración).

Modifícase o disposto no apartado 3 deste artigo, engadindo como preferentes os proxectos que incidan nos novos xacementos de emprego (letra b) e os que se axusten ás características dos demandantes de emprego do territorio e teñan en conta, se é o caso, os seus itinerarios de inserción (letra c).

Asi mesmo, modifícase o disposto no último apartado deste artigo. Establécese agora que non só terán prioridade os proxectos que conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio na elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento, senón tamén aqueles que estiveran vinculados ou xurdiran en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.


Artigo 15º. Selección dos traballadores.
Modifícase o apartado 3 deste artigo, establecéndose a preferencia dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como parados de larga duración, discapacitados, mulleres e maiores de 45 anos.
Engádese que as oficinas de emprego, á hora de realiza-las sondaxes, deberán ter en consideración a disponibilidade dos demandantes para formaliza-lo contrato de inserción de conformidade co establecido no parágrafo primeiro do artigo seguinte.

Artigo 16º. Contratación de traballadores.
O novo proxecto normativo establece como data límite para a contratación dos traballadores a do 31 de outubro de 2004.

Artigo 17º. Inicio das obras ou servicios.
Engádese in fine o seguinte parágrafo: “En todo caso, deberá iniciarse como data límite o 31 de outubro de 2004, tendo en conta o prazo máximo para a remisión da documentación xustificativa previsto no art. 8”.

CAPÍTULO III: DAS SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE SERVICIOS PÚBLICOS

Artigo 19º. Obxecto.
Suprímese o último punto do apartado 1 que incluía, entre os colectivos preferentes, os mozos titulados universitarios ou de formación profesional.
Pola contra, no apartado 2, inclúense por primeira vez como entidades que poden ser subvencionadas, as sociedades limitadas, nas que tódolos seus socios sexan persoas físicas, teñan un capital social fundacional inferior a 60.100 euros, estean constituídas por un máximo de tres socios –agás que tódolos socios pertenzan a algún dos colectivos do artigo 19º.1.c)- e sempre que alomenos a maioría dos seus socios pertenzan a algún destes colectivos.

Artigo 20º. Contía.
No apartado 1, redúcese a contía da subvención, que pasa a ser de ata o 50% do custo total da contratación (antes era do 80%), co límite máximo de 9.100 euros por emprego estable creado, socio traballador ou traballador contratado a tempo completo.
No apartado 2, engádese que a subvención poderá financiar ata o 75% do custo total da contratación do servicio (antes era do 100%) cando esta se realice con empresas dirixidas e constituidas, preferentemente, por beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

O novo proxecto normativo engade dúas disposicións adicionais, a cuarta e a quinta.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas  para o exercicio de 2004 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, financian accións de fomento do emprego das entidades locais e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vintetrés artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 22 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 4/04


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas  para o exercicio de 2004 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, financian accións de fomento do emprego das entidades locais e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira. O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda. As organizacións sindicais con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais queren manifestar á Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a súa enérxica protesta polo envío no mesmo día de sete proxectos normativos para dictaminar. Tendo en conta que os dictames preceptivos solicitados teñen que emitirse nun prazo de dez días, non é doado cumpri-lo citado prazo cando no mesmo día –como sucedeu o 12 de xaneiro de 2004- ten entrada no Consello escrito da secretaria xeral da Consellería remitindo para dictame sete proxectos normativos da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira. Os programas de cooperación teñen como función a adquisición de experiencia laboral por parte dos demandantes de emprego. Esta necesidade, tal e como foi acordado no Comité Autonómico de Emprego, debe estar contemplada no seu itinerario de inserción.

Segunda. Moitos dos servicios que prestan as entidades locais que se cubren coas axudas previstas nesta Orde (como poder se-los de axuda a domicilio, coidado de nenos…) teñen o carácter de servicios “permanentes”, polo que ó cubri-los coas subvencións provientes destes programas estase a incentivar formas de contratación en precario dentro do ámbito da Administración, en clara contradicción có que se intenta evitar na actividade da empresa privada.

Dada a existencia destas situacións, a Xunta de Galicia, a través de Plans concretos, debe artella-los mecanismos necesarios que corrixan estas situacións, e o ámbito axeitado para establecelos e discuti-las posibles vías de solución ben constituído polo marco do Comité Autonómico de Emprego.

A orde que estamos a dictaminar é para fomenta-lo emprego en determinados colectivos e cando se den unha serie de condicionantes que a propia norma establece, nunca para darlle cobertura a actividades ou traballos “estables” que xeren as entidades locais que deberán acollerse a outros programas de axuda pero non a este.

Considerase que é, unha vez mais, o Comité Autonómico de Emprego quen debe analiza-lo desenvolvemento dos programas desta Orde ( e de tódalas ordes sobre políticas activas de emprego) para poder correxir estas disfuncións que se producen na práctica.

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:
Primeira. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.
A mostra mais palpable da imposibilidade de concreción da distribución dos fondos é a utilización de criterios inexistentes. Non existe información estatística oficial sobre o PIB por habitante nun nivel inferior á provincia. Nin o I.G.E. nin o I.N.E. teñen datos publicados polo que, salvo que a Consellería de Asuntos Sociais os invente, que ben podería ser, o PIB por habitante a nivel de concello ou área funcional non pode establecerse como un criterio de distribución.
Establecer como criterio a densidade de poboación ou a súa evolución rexeitando a evolución do paro nunha orden que ten por finalidade a adquisición de experiencia dos parados é, cando menos, sorprendentemente inexplicable.

Segunda. No Comité Autonómico de Emprego acordouse que no itinerario de inserción de cada demandante de emprego debe estar contemplada a súa necesidade de adquisición de experiencia laboral. Tendo en conta que unha das finalidades dos programas de cooperación é a de proporcionar ós demandantes de emprego unha experiencia profesional para mellora-la súa empregabilidade, parece lóxico que a orde reguladora dos itinerarios de inserción sexa a primeira en saír, pois, en caso contrario, serán un canto ó sol –como outras moitas veces- os acordos dese Comité.

Terceira.  O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos este Comité de dictame fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.
Cuarta. É necesario que se estableza a obligatoriedade para aquela entidade que solicite mais dunha acción de mellora da empregabilidade, de presentar un Plan de Emprego no que se interrelacionen as diferentes medidas dando resposta ós diferentes colectivos. A Consellería por medio de Comités de Emprego por área funcional ou por medio dunha Orde específica establecerá a liñas metodolóxicas, o contido e suministrá a información necesaria para a súa elaboración. Como aplicación do criterio de capacidade de integración das políticas, un instrumento normativo, unha orde da Consellería, que  débese incluír, cando menos:
a) Contidos mínimos dos Plans de Emprego:
§ Ámbitos de actuación sectorial, de determinados colectivos ou territorial, establecendo un mínimo de poboación ó que se poden dirixir cando sexan sectoriais ou territoriais.
§ Obxectivos tanto cuantitativos coma cualitativos.
§ Metodoloxías.
§ Itinerarios das persoas paradas e medidas que se han empregar.
§ Medios materiais e humanos.
§ Procedemento de avaliación e seguimento.
§ Entidades asinantes, nas que necesariamente debe haber representantes dos axentes sociais, e compromisos destas.

b) Prioridades na programación das diferentes medidas:
§ Prioridades segundo a poboación parada que pretendan atender.
§ Prioridades segundo o ámbito xeográfico (municipal, supramunicipal, etc.).
§ Prioridades segundo os asinantes dos plans.
§ Prioridades segundo a integración de medidas de orientación, formación, programas en alternancia e de adquisición de experiencia, colocación.

c) Procedemento de aprobación:
§ Os plans de emprego serán, antes da súa aprobación, informados polas comisións provinciais de emprego e seguimento da contratación.
§ A aprobación dun plan de emprego implica a aprobación do conxunto de medidas nel abranguidas coa consignación orzamentaria correspondente e producirá efectos de solicitude de cada unha delas.

d) Iniciativa da Consellería de Asuntos Sociais:
§ A Consellería deberá de oficio actuar como promotor dun plan de emprego nas áreas funcionais e/ou nos sectores que, carecendo de dinamismo propio, presenten unha situación de desemprego no seu conxunto ou de colectivos específicos, superior á media de Galicia.
§ Unha vez tomada a decisión da súa necesidade polo Comité Provincial, establecerase unha comisión integrada pola Consellería, os axentes sociais presentes no Comité Provincial que corresponda e as administracións locais que se sumen á iniciativa, que deberá redacta-lo plan de emprego correspondente dentro do prazo fixado na súa aprobación.

e) Apoio técnico
§ A Consellería establecerá mecanismos para as entidades promotoras de Plans de Emprego que así o requiran e obterán axuda técnica no deseño e elaboración do plan.
§ A axuda técnica efectuarase ben con persoal da propia Consellería ben con técnicos das organizacións sindicais e patronais que asinen un convenio para tal efecto.
Esta Orde deberá dispoñer dunha partida orzamentaria para financia-la elaboración dos Plans de Emprego.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:


Artigo 6. Resolución e recursos.
O prazo máximo que se establece para resolve-las solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se resolvan nos tres meses seguintes ó da entrada da solicitude no rexistro correspondente.


Artigo 13. Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.
O apartado 2, d) deste artigo cita como preferentes os proxectos que “incidan nos novos xacementos de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral”.
Este Comité considera que a frase destacada en cursiva debe substituirse pola seguinte: “se refiran a un dos ámbitos de actividade dos novos xacementos de emprego contemplados na táboa que figura como anexo a esta orde”.  En dito anexo deber ir a táboa que publicou no ano 2000 o INEM e que aparece nas páxinas 15 e seguintes da publicación denominada: “Nuevas actividades, nuevos yacimientos de empleo y desarrollo del espíritu emprendendor”.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 19º.
A utilización do termo “autónomo” no apartado 2 deste artigo, letra b) pode dar lugar a confusión, xa que a CEG considera que debe facerse referencia a empresarios individuais e a sociedades mercantís e non ó réxime de cotización á Seguridade Social no que están enmarcados.

Na letra c) dese mesmo apartado, entendemos que non debería limitarse o número de socios das sociedades limitadas a tres, polo que suxerimos que non se estableza límite algún.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Artigo 6º. Resolución e recursos.
Establece este artigo que o órgano competente para resolver é o delegado provincial da Consellería de Asuntos Socias, Emprego e Relacións Laborais.
O artigo 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función dos Comités Provinciais a emisión de informe cando a resolución sexa competencia da delegación provincial.
Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do delegado provincial, emita informe o Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral. No seu defecto, poderá entenderse que as resolucións dictadas sen o citado informe previo poden ser obxecto de impugnación e dar lugar, no seu caso, á esixencia de responsabilidades.

Asi mesmo, proponse que as solicitudes presentadas e que teñan completa a documentación en cada período de 30 días se resolvan conxuntamente dentro do prazo de tres meses proposto unanimemente por este Comité.

Artigo 15º. Selección dos traballadores.
O apartado 3 deste artigo relaciona colectivos preferentes e criterios a ter en conta para realiza-la selección dos traballadores.
Proponse a modificación deste apartado, suprimindo o texto que figura no proxecto normativo e establecéndose que terán preferencia  aqueles traballadores desempregados que así o teñan recoñecido no seu itinerario de inserción. No resto dos casos, terase en conta a antigüidade da demanda.

En todo caso, a entidade deberá seleccionar os participantes de tal xeito que no seu conxunto as mulleres manteñan, polo menos, unha proporción similar á do paro rexistrado a 31/12/2003 na área correspondente. Para o cómputo desta composición non se terán en conta as mulleres víctimas de violencia doméstica.


Artigos 19º a 23º . Das subvencións para a contratación de servicios públicos.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen a supresión do capítulo III desta orde, considerando que non ten sentido subvencionar ás empresas.