ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REXEN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O EXERCICIO DE 2004 DA CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS PARA A CONTRATACIÓN POR PARTE DAS ENTIDADES LOCAIS DE TRABALLADORES DESEMPREGADOS BENEFICIARIOS DO PROGRAMA “LABORA: XUVENTUDE CON EXPERIENCIA” E DO PROGRAMA DE FOMENTO DA INSERCIÓN LABORAL DE MULLERES VÍCTIMAS DE VIOLENCIA DOMÉSTICA, PARA A REALIZACIÓN DE OBRAS OU SERVICIOS DE INTERESE XERAL E SOCIAL E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións  para o exercicio de 2004 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do Programa “Labora: xuventude con experiencia” e do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e se procede á súa convocatoria, e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de febreiro de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 8 de xaneiro de 2003, obsérvase que o novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 1º.- Finalidade e financiamento.
Como novidade, regúlase tamén o financiamento da contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.
Engádese un segundo apartado que establece os criterios de reparto das axudas e que é do seguinte tenor literal:
“2. A distribución de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase a través da articulación conxunta e ponderada dos seguintes criterios:
a) O paro rexistrado.
b) As características e os itinerarios de inserción que, se é o caso, se establezan para os mesmos, primando especialmente ós parados de longa duración.
c) A evolución da poboación.
d) A densidade de poboación.
e) O PIB por habitante”.

Artigo 5º. Solicitudes, documentación e prazo.
Modifícase o prazo para a presentación de solicitudes, o último día é o 31 de xullo, mentres que no exercicio pasado o último día era o 15 de setembro.

Artigo 9º. Xustificación e pagamento.
Modifícase o apartado 3 deste artigo xa que establece como data límite para a remisión da documentación xustificativa á respectiva delegación provincial a do 15 de decembro, mentres que a orde do exercicio pasado non establecía data límite.

Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.
Modifícase o disposto no apartado 3 deste artigo, engadindo como preferentes os proxectos que incidan nos novos xacementos de emprego (letra b) e os que se axusten ás características dos demandantes de emprego do territorio e teñan en conta, se é o caso, os seus itinerarios de inserción (letra c).

Asi mesmo, modifícase o disposto no último apartado deste artigo. Establécese agora que non só terán prioridade os proxectos que conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio na elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento, senón tamén aqueles que estiveran vinculados ou xurdiran en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.
Artigo 15º. Selección dos traballadores.
Engádese un segundo parágrafo no apartado 2 deste artigo, establecendo excepcionalmente a presentación de ofertas de emprego especiais.

Artigo 16º. Contratación de traballadores.
O novo proxecto normativo establece como data límite para a contratación dos traballadores a do 30 de novembro de 2004.
Establece como novidade a posibilidade de utilizar excepcionalmente la modalidade contractual de “obra ou servicio determinado” para a contratación de beneficiarias do Programa de inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.

Artigo 17º. Inicio das obras ou servicios.
Engádese in fine o seguinte parágrafo: “En todo caso, deberá iniciarse como data límite o 30 de novembro de 2004, tendo en conta o prazo máximo para a remisión da documentación xustificativa previsto no art. 9”.


DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

O novo proxecto normativo contempla catro novas disposicións adicionais, a segunda,  a quinta, a sexta e a sétima.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións  para o exercicio de 2004 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do Programa “Labora: xuventude con experiencia” e do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e se procede á súa súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, un capítulo, dezaoito artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 22 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 5/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións  para o exercicio de 2004 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do Programa “Labora: xuventude con experiencia” e do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e se procede á súa convocatoria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS PREVIAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira. O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda. As organizacións sindicais con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais queren manifestar á Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a súa enérxica protesta polo envío no mesmo día de sete proxectos normativos para dictaminar. Tendo en conta que os dictames preceptivos solicitados teñen que emitirse nun prazo de dez días, non é doado cumpri-lo citado prazo cando no mesmo día –como sucedeu o 12 de xaneiro de 2004- ten entrada no Consello escrito da secretaria xeral da Consellería remitindo para dictame sete proxectos normativos da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira. Os programas de cooperación teñen como función a adquisición de experiencia laboral por parte dos demandantes de emprego. Esta necesidade, tal e como foi acordado no Comité Autonómico de Emprego, debe estar contemplada no seu itinerario de inserción.

Segunda. Moitos dos servicios que prestan as entidades locais que se cubren coas axudas previstas nesta Orde (como poder se-los de axuda a domicilio, coidado de nenos…) teñen o carácter de servicios “permanentes”, polo que ó cubri-los coas subvencións provientes destes programas estase a incentivar formas de contratación en precario dentro do ámbito da Administración, en clara contradicción có que se intenta evitar na actividade da empresa privada.

Dada a existencia destas situacións, a Xunta de Galicia, a través de Plans concretos, debe artella-los mecanismos necesarios que corrixan estas situacións, e o ámbito axeitado para establecelos e discuti-las posibles vías de solución ben constituído polo marco do Comité Autonómico de Emprego.

A orde que estamos a dictaminar é para fomenta-lo emprego en determinados colectivos e cando se den unha serie de condicionantes que a propia norma establece, nunca para darlle cobertura a actividades ou traballos “estables” que xeren as entidades locais que deberán acollerse a outros programas de axuda pero non a este.

Considerase que é, unha vez mais, o Comité Autonómico de Emprego quen debe analiza-lo desenvolvemento dos programas desta Orde ( e de tódalas ordes sobre políticas activas de emprego) para poder correxir estas disfuncións que se producen na práctica.

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.
A mostra mais palpable da imposibilidade de concreción da distribución dos fondos é a utilización de criterios inexistentes. Non existe información estatística oficial sobre o PIB por habitante nun nivel inferior á provincia. Nin o I.G.E. nin o I.N.E. teñen datos publicados polo que, salvo que a Consellería de Asuntos Sociais os invente, que ben podería ser, o PIB por habitante a nivel de concello ou área funcional non pode establecerse como un criterio de distribución.
Establecer como criterio a densidade de poboación ou a súa evolución rexeitando a evolución do paro nunha orden que ten por finalidade a adquisición de experiencia dos parados é, cando menos, sorprendentemente inexplicable.

Segunda. No Comité Autonómico de Emprego acordouse que no itinerario de inserción de cada demandante de emprego debe estar contemplada a súa necesidade de adquisición de experiencia laboral. Tendo en conta que unha das finalidades dos programas de cooperación é a de proporcionar ós demandantes de emprego unha experiencia profesional para mellora-la súa empregabilidade, parece lóxico que a orde reguladora dos itinerarios de inserción sexa a primeira en saír, pois, en caso contrario, serán un canto ó sol –como outras moitas veces- os acordos dese Comité.

Terceira.  O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos este Comité de dictame fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

Cuarta. É necesario que se estableza a obligatoriedade para aquela entidade que solicite mais dunha acción de mellora da empregabilidade, de presentar un Plan de Emprego no que se interrelacionen as diferentes medidas dando resposta ós diferentes colectivos. A Consellería por medio de Comités de Emprego por área funcional ou por medio dunha Orde específica establecerá a liñas metodolóxicas, o contido e suministrá a información necesaria para a súa elaboración. Como aplicación do criterio de capacidade de integración das políticas, un instrumento normativo, unha orde da Consellería, que  débese incluír, cando menos:
a) Contidos mínimos dos Plans de Emprego:
§ Ámbitos de actuación sectorial, de determinados colectivos ou territorial, establecendo un mínimo de poboación ó que se poden dirixir cando sexan sectoriais ou territoriais.
§ Obxectivos tanto cuantitativos coma cualitativos.
§ Metodoloxías.
§ Itinerarios das persoas paradas e medidas que se han empregar.
§ Medios materiais e humanos.
§ Procedemento de avaliación e seguimento.
§ Entidades asinantes, nas que necesariamente debe haber representantes dos axentes sociais, e compromisos destas.

b) Prioridades na programación das diferentes medidas:
§ Prioridades segundo a poboación parada que pretendan atender.
§ Prioridades segundo o ámbito xeográfico (municipal, supramunicipal, etc.).
§ Prioridades segundo os asinantes dos plans.
§ Prioridades segundo a integración de medidas de orientación, formación, programas en alternancia e de adquisición de experiencia, colocación.

c) Procedemento de aprobación:
§ Os plans de emprego serán, antes da súa aprobación, informados polas comisións provinciais de emprego e seguimento da contratación.
§ A aprobación dun plan de emprego implica a aprobación do conxunto de medidas nel abranguidas coa consignación orzamentaria correspondente e producirá efectos de solicitude de cada unha delas.

d) Iniciativa da Consellería de Asuntos Sociais:
§ A Consellería deberá de oficio actuar como promotor dun plan de emprego nas áreas funcionais e/ou nos sectores que, carecendo de dinamismo propio, presenten unha situación de desemprego no seu conxunto ou de colectivos específicos, superior á media de Galicia.
§ Unha vez tomada a decisión da súa necesidade polo Comité Provincial, establecerase unha comisión integrada pola Consellería, os axentes sociais presentes no Comité Provincial que corresponda e as administracións locais que se sumen á iniciativa, que deberá redacta-lo plan de emprego correspondente dentro do prazo fixado na súa aprobación.

e) Apoio técnico
§ A Consellería establecerá mecanismos para as entidades promotoras de Plans de Emprego que así o requiran e obterán axuda técnica no deseño e elaboración do plan.
§ A axuda técnica efectuarase ben con persoal da propia Consellería ben con técnicos das organizacións sindicais e patronais que asinen un convenio para tal efecto.
Esta Orde deberá dispoñer dunha partida orzamentaria para financia-la elaboración dos Plans de Emprego.

Quinta. Consideramos que os beneficiarios das accións de fomento do emprego previstas nesta orde deben ser, ademáis das mulleres víctimas de violencia doméstica (artº 1.b), os desempregados menores de 30 anos estean ou non incluidos no Programa Labora.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Artigo 7. Resolución.
O prazo máximo que se establece para resolve-las solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se resolvan nos tres meses seguintes ó da entrada da solicitude no rexistro correspondente, sobre todo, tendo en conta os prazos para a presentación de solicitudes establecidos na propia norma.
Tamén se considera necesario a obriga de resolver expresamente pola Administración, en todo caso, suprimindo a regra que establece o precepto do silencio negativo, o que contradice o disposto sobre que a resolución debe notificarse ós interesados.


Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.
O apartado 3, b) deste artigo cita como preferentes os proxectos que “incidan nos novos xacementos de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral”.
Este Comité considera que a frase destacada en cursiva debe substituirse pola seguinte: “se refiran a un dos ámbitos de actividade dos novos xacementos de emprego contemplados na táboa que figura como anexo a esta orde”.  En dito anexo deber ir a táboa que publicou no ano 2000 o INEM e que aparece nas páxinas 15 e seguintes da publicación denominada: “Nuevas actividades, nuevos yacimientos de empleo y desarrollo del espíritu emprendendor”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 4. Contía.
O apartado b) deste artigo establece a contía do incentivo á mobilidade xeográfica, literalmente dice “180  mensuais por cada…”.
A CEG considera que debe dicir: “180 euros mensuais brutos por cada…”.

Artigo 5º. Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 5 deste artigo establece que o último día hábil para a presentación de solicitudes será o 31 de xullo de 2004, agás (apartado 6) para as solicitudes para a contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica que poderán presentarse ó longo de todo o ano.

A CEG considera que o prazo para a presentación de solicitudes debe ser igual para tódolos casos, polo que propón que estas podan presentarse ó longo de todo o ano.

Artigo 10. Incentivo á mobilidade xeográfica.
Xa no Dictame 18/02 emitido por este Comité Delegado se instaba a reduci-la distancia de 50 quilómetros, dada a conformidade xeográfica da nosa comunidade autónoma e as dimensións de moitos dos seus concellos, unido á situación das redes de comunicación existentes.
Precisando ainda máis nesa idea, sería axeitado establecer un límite mínimo e un limite máximo da distancia para poder excepciona-la regra xeral de percepción deste incentivo cando o centro de traballo se ubique nun concello distinto ó do domicilio do traballador.
Por outra banda, a percepción deste incentivo e a propia mobilidade xeográfica xogará, en todo caso, de xeito voluntario, é dicir, sempre que o traballador esté de acordo en ser desprazado.

Propoñemos que a  mobilidade xeográfica sexa unha condición laboral que opere sempre e cando e traballador que vaia ser desprazado fóra do seu concello a acepte, de tal xeito que só entonces operaría aquela e por ende, tamén o incentivo que establece este precepto.

Así, a excepción da regra xeral a que faise referencia no parágrafo segundo desta consideración só debe operar dentro duns parámetros máximos e mínimos: cando os concellos sexan limítrofes ou se sitúen as súas cabeceiras entre 25 e 50 quilómetros.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Artigo 7º. Resolución.
Establece este artigo que o órgano competente para resolver é o delegado provincial da Consellería de Asuntos Socias, Emprego e Relacións Laborais.
O artigo 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función dos Comités Provinciais a emisión de informe cando a resolución sexa competencia da delegación provincial.
Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do delegado provincial, emita informe o Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral. No seu defecto, poderá entenderse que as resolucións dictadas sen o citado informe previo poden ser obxecto de impugnación e dar lugar, no seu caso, á esixencia de responsabilidades.

Asi mesmo, proponse que as solicitudes presentadas e que teñan completa a documentación en cada período de 30 días se resolvan conxuntamente dentro do prazo de tres meses proposto unanimemente por este Comité.

Artigo 15º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.
Proponse a modificación deste apartado, no senso de que podan ser contratados tódolos desempregados menores de 30 anos, estean ou non incluidos no Programa Labora, tendo preferencia  aqueles traballadores desempregados que así o teñan recoñecido no seu itinerario de inserción. No resto dos casos, terase en conta a antigüidade da demanda.

En todo caso, a entidade deberá seleccionar os participantes de tal xeito que no seu conxunto as mulleres manteñan, polo menos, unha proporción similar á do paro rexistrado a 31/12/2003 na área correspondente. Para o cómputo desta composición non se terán en conta as mulleres víctimas de violencia doméstica.

O parágrafo segundo do apartado 2 establece excepcionalmente a posibilidade de presentar oferta especial cando se trate seleccionar beneficiarios do Programa Labora que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ó 33%.
Consideramos que a presentación deste tipo de oferta debe limitarse exclusivamente á contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.