Facebook CGRL Twitter CGRL Buscar Contacto AGA Ditames Enlaces Novas Organizacións Normativa Convenios colectivos Publicacións CGRL
 
 
  8 de marzo: A negociación colectiva, unha ferramenta para a igualdade

O día 8 de marzo de 2018, Día Internacional da Muller, danos a oportunidade de referir o traballo que o Consello Galego de Relacións Laborais desenvolve na loita contra a discriminación que as mulleres están a sufrir no ámbito laboral.
Desde esta perspectiva, temos claro que as organizacións sindicais e empresariais, a través do diálogo en xeral, e da negociación colectiva en particular, poden facer aportacións fundamentais en temas tan transcendentes como a redución da fenda salarial, a corresponsabilidade, a conciliación da vida laboral, persoal e familiar ou a prevención e detección das situacións de acoso no traballo, entre outros.
Non somos a única institución chamada a adoptar as medidas necesarias para eliminar a desigualdade entre mulleres e homes, pero desde o Consello, e no ámbito que nos compete, apostamos por asumir un papel activo nas vías de cambio que entendemos é necesario iniciar e perpetuar.
Por este motivo, algunhas das iniciativas do Consello, en concreto as que está levar a cabo a Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva, céntranse nesta materia. En particular, este 2018 farase pública a Guía de boas prácticas en materia de igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva, que incorporará recomendacións referidas a todos os aspectos da relación laboral, desde o acceso ao emprego ata a promoción profesional, pasando pola loita contra a violencia de xénero, a conciliación ou a corresponsabilidade e que pretenden servir de orientación, sempre desde o respecto á autonomía das partes negociadoras, para a mellora e perfeccionamento das cláusulas dos convenios colectivos galegos en materia de igualdade. Así mesmo, recentemente iniciáronse os traballos para a aprobación dun Protocolo de loita contra o acoso no ámbito laboral, cuxo carácter práctico permitirá aplicalo directamente nas empresas.
As anteditas son algunhas das iniciativas que dende o Consello Galego de Relacións Laborais pretendemos que supoñan unha aportación, humilde pero necesaria, como todas, para a consecución efectiva da imprescindible igualdade entre mulleres e homes.

 
 -Xornada en Pontevedra: Dereito á intim...  02/04/2018
 -Xornada do Consello Galego de Relación...  28/03/2018
 -Xornada do Consello Galego de Relación...  23/03/2018
 -Xornada do Consello Galego de Relación...  20/03/2018
 -8 de marzo: A negociación colectiva, u...  07/03/2018
Mais>>